A Pontevedra exiliada protagoniza o Mes da Memoria

31 Outubro 2020

O concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda presentou a programación que organiza o Concello ao longo de todo o mes de novembro para conmemorar o que denominou o “Mes da Memoria” e que este ano terá como tema principal a Pontevedra exiliada. Moreda explicou que “queremos lembrar non só ás familias afectadas polo drama do exilio senón tamén a aquela Pontevedra de comezos de século na que agromaban iniciativas artísticas, políticas, culturais e sociais como a Pontevedra da Xeración Nós”.

O primeiro dos actos programados terá lugar o xoves 5 de novembro ás 20h no Teatro Principal e, través do fío condutor da radio, homenaxearanse as familias pontevedresas que padeceron o exilio. “Escollemos a radio pola importancia que tivo para a Galiza exiliada, fundamentalmente a que escolleu os países de América do Sur” indicou Xaquín Moreda. Neste acto participarán dúas netas de exiliadas. Unha será Elisabete Ares Licer, neta de Elisa Rosa Venta Pintos, que estará en directo no Teatro Principal e a outra Ana Paula Mejuto que envia a súa participación en vídeo desde Bos Aires, a onde emigrou a súa avoa Alejandra Nogueiras.

O concelleiro explicou que este ano volverá editarse unha publicación onde se recolle un breve percorrido polas familias pontevedresas que se viron afectadas polo exilio atendendo a diversos perfís: o exilio das ideas, como o caso de Castelao ou Taffal, o exilio da arte, como o pintor Arturo Souto ou Leopoldo Nóvoa, ou o exilio de familias de perfil máis obreiro como os Gama ou os Magdalena.

O segundo acto será a tradicional ofrenda floral aos 12 pontevedreses asasinados o 12 de novembro de 1936. Terá lugar no monolito instalado na pasarela Doce de Novembro, ese mesmo día ás 19h, e está prevista a intervención de Begoña Caamaño, neta de Amancio Caamaño, un dos doce fusilados.

A terceira semana está prevista a proxección do filme ‘Nación’. Será o venres 20 ás 20h no Teatro Principal e trátase dunha película dirixida por Margarita Ledo e rodada en Ponte Sampaio. Céntrase na fábrica de louza ‘A Pontesa’ e na vida das mulleres que traballaron nela, abordando cuestións como o dereito ao voto ou o acceso ao traballo asalariado.

Os últimos actos, terán lugar o venres 27. Pola mañá inaugurarase un panel explicativo sobre Josefina Arruti na rúa que leva o seu nome, e pola tarde no Culturgal presentarase un cómic sobre a súa vida, realizado por Kiko Dasilva e titulado ‘Os berros da motocicleta”.

Está pasando!