'O murmurio da auga' en Vigo

mar09mai(mai 9)00:00ven16xuñ(xuñ 16)23:59'O murmurio da auga' en VigoExposición de Amelia Palacios(maio 9) 00:00 - (xuño 16) 23:59 Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo - Vigo

Detalles do Evento

‘O murmurio da auga’ é unha mostra máis deste recorrente elemento na obra da pintora Amelia Palacios con paisaxes que teñen como escenario as rías de Pontevedra e Vigo.

Amelia Palacios, a través de sutís xogos de luz e cor, invoca a alma da paisaxe galega repleta de misterio, contos e fábulas. Amelia inspírase na poesía e os recordos oníricos que habitan o seu imaxinario.

“Transforma o espazo nunha ingrávida atmosfera de suaves luces envolventes e esvaecidos contornos propicios para a fantasía”, escribiu dela Ánxeles Penas.



Dotada dunha sensibilidade xenial, vela pintar é unha sorpresa. A serenidade que transmite a súa obra conséguea con xestos enérxicos e contundentes, mesmo violentos. Nunha loita co lenzo, o esforzo suprime a necesidade vital coa que busca o equilibrio entre a auga, a luz e as brumas. Busca o intanxible.

A auga, elemento vital, creador e posibilitador de vida, é un elemento recorrente na obra de Amelia. Pinta a auga con auga, empapa a tea antes de calquera pincelada. Abstrae as paisaxes diluíndo o pigmento para crear transparencias, deixa que a auga percorra o seu propio camiño, aplica sucesivas veladuras ata conseguir recrear o ambiente acuoso de Galicia. Sen dúbidas, constrúe a luz cos seus pinceis. O mar, as brumas e os ríos entrelázanse nesta exposición, coa auga como común denominador.

Amelia Palacios retrata as paisaxes cunha laboriosa técnica e resultado minimalista, reducindo o superfluo, concentrándose no esencial. Prefire abstraer as paisaxes, non nos condiciona, suxírenos. Libéranos para que cada un de nós cree o seu propio universo, que cada un constrúa a súa propia dimensión. Sen impoñer, é capaz de provocar un diálogo, persoal e íntimo con cada un de nós.

Miguel Cabral.

Visitable do 9 de maio ao 16 de xuño de 2023 na Sala Rosalía de Castro da Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.

Hora

Maio 9 (Martes) 00:00 - Xuño 16 (Venres) 23:59

Localización

Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Rúa Eduardo Chao, 17, 36202 Vigo

Está pasando!