'Cor, sempre cor' no Museo de Pontevedra

xov11mai(mai 11)00:00lun03xul(xul 3)23:59'Cor, sempre cor' no Museo de PontevedraExposición de Carmen Domínguez(maio 11) 00:00 - (xullo 3) 23:59 Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Esta exposición reúne 26 pinturas saídas do estudio de Carmen Domínguez. A artista pontevedresa, falecida en abril de 2021, explorou de maneira apaixonada a expresividade da forma e a cor.

O comisario da mostra e fillo da pintora, o artista Kike Ortega, destaca: “A súa pintura pasou por distintas fases e tendencias estéticas —desde a primeira figuración ata a abstracción— co fin expreso de buscar unha linguaxe plástica acorde co seu vehemente desexo de expresarse a través da forma e da cor… a cor, sempre a cor como soberano absoluto”.


‘El Mercado’ | © Museo de Pontevedra

A mostra ábrese coa obra ‘El mercado’, da década de 1980 e aínda figurativa, para logo dar paso a obras que van desde os anos 90 ata a década pasada, influenciadas por artistas como Tàpies, Manolo Miralles e Leopoldo Nóvoa. Nelas experimenta coa cor e a luz e incorpora materiais que outorgan volume aos cadros. O resultado é unha obra cunha gran forza narrativa, na que a abstracción convive con constantes referencias a formas recoñecibles con moita carga simbólica, como escaleiras, árbores e formas telúricas.

Carmen Domínguez naceu en Pontevedra na década de 1950. A súa vida está marcada por un afán constante de aprendizaxe. Aínda que cursou Maxisterio, sempre puxo o seu interese na expresión artística, o que afianzou co seu paso polas escolas de diferentes artistas. En 1968 marchou a estudar a París, o que a achegou á obra de artistas fundamentais como Picasso, Mondrian ou Kandinski. A comezos dos 80 viaxou a Rusia, onde entrou en contacto co mundo pictórico do país.


‘La escalera de Jacob’ | © Museo de Pontevedra

En 1983 tivo lugar a primeira exposición individual de Carmen Domínguez, apadriñada por Laxeiro. É a liña de saída para unha carreira á que foi sumando galardóns e exposicións individuais e colectivas en cidades de Galicia e España, pero tamén en Alemaña, Arxentina e Uruguay.

A exposición complementarase coa edición dun catálogo en edición bilingüe que reúne reproducións de todas as obras expostas e dous textos: un do comisario da mostra, Kike Ortega, e outro do xornalista e crítico cultural Ramón Rozas.

Visitable do 11 de maio ao 3 de xullo de 2023 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Horario:

  • De martes a sábados: de 10:00 a 21:00 horas
  • Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 horas

Hora

Maio 11 (Xoves) 00:00 - Xullo 3 (Luns) 23:59

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!