© A banda da Loba

A Banda da Loba + As Fillas de Casandra en Vigo

sáb04xuñ21:00A Banda da Loba + As Fillas de Casandra en VigoFestival Terraceo21:00 Auditorio Mar de Vigo - Vigo

Detalles do Evento

A banda da Loba é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Coa poesía e a lingua por bandeira, ofrécennos composicións propias con letras tamén súas ou inspiradas nos poemarios de escritores/as clásicos/as e contemporáneos, nas que tratan temas importantes para elas coma a diversidade, a identidade, a memoria ou o feminismo.

Está formada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz). Música comprometida cun selo persoal e característico que fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical compatible con todo tipo de público.

En decembro de 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, “Bailando as rúas”, co que acadaron un gran éxito, dando máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio.

Trala boa experiencia na primeira toma de contacto como banda, a finais de 2019 presentan “Fábrica de luz”, co que foron finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega: Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz.

No 2021 estrean “Hasme oír”, un EP dedicado a Xela Arias composto por catro cancións baseadas na obra da autora e que se titulan como os seus catro poemarios publicados: “Tigres coma cabalos”, “Intempériome”, “Denuncia do equilibrio” e “Darío a diario”. O fío conductor que as une… interludios musicais con versos recitados da mesma autora.

Malia os difíciles tempos para a música por mor da pandemia, A banda da Loba seguiu a ser unha das bandas que máis tocaron en Galicia nos dous últimos anos. Por esta razón, este ano presentan novo disco e novo espectáculo: “Xabón Lagarta”, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. O pasado e o presente. As experiencias e as conquistas herdadas. O berro confiado porque antes outras berraron por nós. A busca do noso lugar nesta gran espiral que é a vida. Tirando do fío para traelo á actualidade desde un punto de vista moderno e contemporáneo.

Artista invitado: As Fillas de Casandra.

Entradas anticipadas á venda desde 13,00 euros en teuticket.com

Hora

(Sábado) 21:00

Localización

Auditorio Mar de Vigo

Av. da Beiramar, 59 36202 Vigo

Está pasando!