novembro, 2020

07nov21:00"A conquista da escola de Madhubai"Teatro do Atlántico21:00 Auditorio Municipal de Cangas, CangasEvento tipo:Escena

Detalles do Evento

Teatro do Atlántico presenta “A conquista da escola de Madhubai”, obra inspirada na historia de Phoolan Devi, referente para o feminismo indio.

Sinópse

Sakundeva, bandida, perseguida pola policía e o exercito, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada, preséntase na humilde morada de Pandala, unha sabia anciá que a criou cando era nena e que é a única persoa no mundo na que confía.

Pídelle quedar durante dous días agochada na súa casa, para poder meditar con tranquilidade que decisión tomar nunha disxuntiva transcendental que se lle presenta.
Sen tempo para que ela puidese reflexionar, aproxímase xa ao lugar un Ministro do Goberno, que fora o provocador da disxuntiva e que ven demandar unha resposta.

O “papel” do Teatro

Partimos dun texto escrito no ano 1983 que sitúa a acción nunha pequena aldea da India. A autora inspírase nuns feitos acontecidos naquel país nos anos oitenta do pasado século, nomeadamente os que fan referencia á historia de Phoolan Devi, coñecida como “a raíña dos bandidos”, quen foi unha destacada referencia para o feminismo autóctono indio.
Con ese punto de partida, e facendo uso da capacidade extraordinaria que ten o teatro para servir de espello á sociedade que o contempla, pretendemos, ao tempo de traballar na procura dun discurso artístico atractivo e rigoroso, poñer en debate feitos dramáticos que marcaron a biografía da personaxe protagonista da peza que presentamos, e que están a acontecer hoxe en moitos puntos da nosa contorna: as “manadas”.

A proliferación de “manadas” nos últimos anos en numerosos puntos da xeografía española resulta insoportable: Pamplona, Lugo, Las Palmas, Alacante, Jaén, Pola de Lena, Molíns de Rei, Tarifa, Beniaján, Murcia, Gran Canaria, Girona, Cádiz, Menorca, Barcelona…..
E na medida en que son parte da realidade na que nos toca habitar, deben tamén ocupar un lugar no noso espazo de expresión: o escenario.
O teatro ten entre as súas funcións, parécenos, a de ser testemuña dos aconteceres do seu tempo, observalos e compartilos coa cidadanía da maneira máis obxectiva posible; e, tamén, intentar reflexionar sobre o que se move na mente e no corazón dos humanos en relación con determinados comportamentos.

Coa posta en escena de “A conquista da escola de Madhubai” e coa axuda de Hélène Cixous e da inmensa beleza da súa escrita, pretendemos aproximarnos a ese exercicio, ao tempo que transitamos por outros asuntos principais, como por exemplo:

O concepto de liberdade.
O impulso de rebeldía contra o maltrato.
O dereito á educación.
A complexa dialéctica entre Lei e Xustiza.
O interese persoal e o ben público no exercicio da acción política
A vinganza: unha viaxe sen final.

Prezo: desde 5,00 €. Entradas anticipadas á venda en Ataquilla.com

Hora

(Sábado) 21:00

Localización

Auditorio Municipal de Cangas

Avenida de Lugo, 27A, 36940 Cangas, Pontevedra

Auditorio Municipal de CangasAvenida de Lugo, 27A, 36940 Cangas, Pontevedra

Está pasando!