Concerto de Gabriel Alonso (barítono) e Brianda García (piano) en Cuntis

dom18xuñ19:00dom23:50Concerto de Gabriel Alonso (barítono) e Brianda García (piano) en Cuntis'Música no ar'19:00 - 23:50 Concello de Cuntis - Cuntis

Detalles do Evento

Dentro do ciclo ‘Música no ar’ da Deputación de Pontevedra, a Igrexa de Santa María de Cuntis acollerá un concerto de Gabriel Alonso, un dos barítonos novos máis recoñecidos de Galicia, con moita traxectoria fóra, acompañado por Brianda García, unha das grandes promesas pianísticas

Gabriel Alonso Díaz naceu en Ferrol (A Coruña) en 1991. Graduado pola Escola Superior de Música Raíña Sofía (BMus e PGMus) baixo a tutela dos mestres Ryland Davies e Francisco
Araiza. Recibiu clases maxistrais por parte dalgúns dos máis importantes cantantes e directores musicais e de escena.

A súa carreira profesional comeza no Teatro Vitoria Eugenia de San Sebastian coa ópera Il barbiere dei Siviglia. Nos anos seguintes formou parte de producións no Teatro Cervantes de Málaga, na ópera Rigoletto; Amigos da Ópera da Coruña, en recitais, La verbena de la Paloma e La Forza del Destino; Amigos da Ópera de Vigo en recitais e Rigoletto ou Teatro Real de Madrid, na Gala Mozart Revolution; entre outros… con roles principais como Marcello na Bohème, Figaro en Il barbiere dei Siviglia ou Giorgio Germont na Traviata.

O seu repertorio sinfónico abarca desde o Requiem de Fauré, a Novena sinfonía de Beethoven, Carmina Burana de Orff, Oratorio de Nadal de Saint-Saëns, ata os Kindertotenlieder e Eines fahrenden Gesellen de Mahler, entre outros…

Realizou numerosas estreas absolutas, entre as que destacan as Dúas antigas para barítono e orquestra de Xabier de Paz, coa Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Maximino Zumalave.

Brianda García naceu en 1992 en Neda, A Coruña. Na súa carreira como pianista ofrece recitais en diferentes cidades da xeografía española, así como noutros países coma Bélxica e Holanda. Así mesmo, realiza colaboracións con diferentes agrupacións, coma a Orquestra Gaos ou a Banda Municipal de Música da Coruña.

Brianda compaxina desde hai anos a súa formación como intérprete coa docencia, e traballa en diferentes centros educativos de música.

Actualmente é docente de Piano no Conservatorio Profesional de Música Presto Vivace da Coruña.


‘MÚSICA NO AR’

Pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos, espazos protexidos cheos de maxia e historia… e a mellor música de cámara nunhas experiencias únicas!

Co fin de promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todas e todos, alén de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, naceu ‘Música no ar’, unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra achegou a música clásica a todo o territorio.

Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios desde o clásico ao contemporáneo deleitaron a público de todas as idades ao longo da nosa cartografía provincial. Catro edicións despois, ‘Música no ar’ seguirá a apoiar a renovación deste programa que tan bos momentos nos fixo sentir, e aposta por unha nova tempada onde a música instrumental, a voz e a danza volverán xerar sinerxías en perfecta simbiose co patrimonio.

Este 2023 aposta pola accesibilidade e inclusión para que todas e todos poidan gozar a experiencia da música clásica!

Que soe de novo a música no ar!

  • Castelo de Soutomaior, Castelo de Sobroso e Pazo de Quinteiro da Cruz: inscrición previa en participa.cultura@depo.es
  • O resto: entrada libre ata completar aforo

UNHA APOSTA POLA DEMOCRATIZACIÓN DA MÚSICA CLÁSICA

EXPERIENCIAS ÚNICAS

Ademais, este ano propoñemos como novidade a celebración de 2 ou 3 concertos que inclúen dispositivos tecnolóxicos que lles permitan ás persoas xordas ou con dificultades auditivas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo. Tamén incluímos algunha proposta especial, que mestura música e danza, música e voz e… curiosamente, música e silencio, a un mesmo tempo, permitíndolle ao público experimentar a música desde todos os sentidos, e sentir o lugar dun xeito diferente.

MÚSICA ACCESIBLE E INCLUSIVA

E, na aposta por dar visibilidade a profesionais do noso territorio cuxo talento é recoñecido en moitos lugares máis alá da nosa fronteira, engadimos intérpretes, virtuosas e virtuosos da nosa terra, ensembles moi recoñecidos, e proxectos das grandes orquestras da provincia, e facemos fincapé no protagonismo das mulleres, nunha selección a prol da igualdade un ano máis.

A maiores do concerto de Soutomaior, que xa incorpora auriculares que poden graduar o volume (o que facilita a experiencia para as persoas con déficit de audición), propoñemos este ano como novidade incorporar en 2 ou 3 concertos do ciclo (escolleranse aqueles que poidan funcionar mellor polas súas característica acústicas) mochilas vibratorias para facer da música unha experiencia accesible, convidar a algunha asociación de persoas con discapacidade auditiva, e, con algúns exemplares en aluguer, contar cun técnico especialista que explique ao comezo, brevemente, en que consiste esta tecnoloxía.

MOCHILAS VIBRATORIAS (4 ou 5 unidades)

É un sistema de vibración dentro dunha mochila que se lle pon a unha persoa. A mochila vibrará coas frecuencias graves e subgraves do son que estean a recibir. O sistema inclúe un transmisor FM conectado ao audio que se queira transmitir para enviarlle o sinal a cada mochila sen necesidade de fíos. Estase probando en experiencias de teatro, música e cinema, como medio para facer accesible a cultura a persoas con discapacidade auditiva.

Hora

(Domingo) 19:00 - 23:50

Localización

Concello de Cuntis

Está pasando!