'Danza Pontevedra'

mér12abr(abr 12)00:00dom16abr(abr 16)23:59'Danza Pontevedra'ciclo de danza en Pontevedra00:00 - 23:59 (16) Concello de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O ciclo de danza ‘Danza Pontevedra’ terá lugar entre o Teatro Principal e o Pazo da Cultura de Pontevedra e contará na súa programación con palestras, talleres con Alumnado de Belas Artes e espectáculos.

As entradas para os espectáculos de pago, ‘Figuras no Limiar’ de Javier Martín, a estrea en Galicia de ‘Acciones Sencillas’ de Jesús Rubio Gamo e ‘DeMente’ de Fran Siera, xa están á venda en Ataquilla.com a un prezo invidual de 8 euros (4 euros para estudantes, desempregados e maiores de 65) e en formato bono triple para os 3 espectáculos, que terán lugar no Auditorio do Pazo da Cultura, a un prezo de 15 euros.

ESPECTÁCULOS

Xoves 13 de marzo | 20:30h | ‘FIGURAS DE LIMIAR’ de Javier Martín | Auditorio do Pazo da Cultura | Entradas en Ataquilla.com

Un limiar refire o tránsito. O concepto de «atravesar o limiar», tan característico de ritos e cerimonias de paso, está presente en infinidade de culturas desde tempos ancestrais e sempre implica un corpo en movemento nunha danza social feita acontecemento.

O famoso arquetipo do «gardián do limiar» remite a aquelas figuras que adquiren as formas dos nosos medos máis íntimos: vixían o limiar pero non para negarnos a entrada, senón para animarnos a vivir o labirinto oportuno que posibilita a transformación e, por tanto, o paso. É necesario vestir as peles das bestas, habitar as máscaras. Vibrar coa forma do monstro e incorporar a diferenza.

Venres 14 de marzo | 20:30h | ‘CUANDO LE PERMITO AL CUERPO AQUELLO QUE LE PIDO’ de Alejandra Balboa (Formato work in progress dentro das Residencias Paraíso) | Pazo da Cultura | Entrada libre ata completar cabida

O programa Residencias Paraíso de Colectivo RPM e o Concello de Pontevedra suman forzas para acompañar o proceso de creación da artista pontevedresa Alejandra Balboa. Esta colaboración danos a oportunidade de coñecer en formato work in progress o traballo desta creadora galega.

Cuando le permito al cuerpo aquello que digo é un proxecto de investigación física que explora a distancia entre a palabra e o corpo, no que propón esculcar e observar a garganta, a mandíbula, a boca (lingua) e a respiración como motores desde os que partir e facer florecer o movemento. Inspirándose en técnicas xaponesas que lle axudan a conectar corpo e imaxinación, apoderándose do tempo. Escoitarse e expresarse dende un lugar honesto e sutil, potenciando a idea da experiencia que reside no acto de moverse. Facelo dende o desexo, dende un corpo “deseducado”, dende unha “fisicalidade parda”. Un corpo que se permite acceder ao encontro coa incomodidade, o pudor e a torpeza, como limiares de aproximación ao descoñecido.

Sábado 15 de marzo | 20:30h | Estrea en Galiza de ‘ACCIONES SENCILLAS’ de Jesús Rubio Gamo | Auditorio do Pazo da Cultura | Entradas en Ataquilla.com

Queres aprender a bailar: fas, repites, buscas o ángulo, ás veces te centras na forma e outras confías na sensación. Logo te perdes. Veste con todo iso e non sabes moi ben para que usalo, como poderá servir. Xa viches algúns corpos enchendo eses códigos, desafiándoos, con toda a súa forza e toda a súa historia e todo o seu cansazo e toda a súa plenitude. Sabes que están aí para todos, son tamén teus. Só tes que atopar a túa maneira. De que vas enchelos ti? Por onde comezar?

En 2020 RNE outórgalle a Jesús Rubio Gamo o Premio Ollo Crítico na modalidade de danza. O xurado destacou o seu enfoque artesanal da composición coreográfica, tanto en proxectos íntimos como na orquestración de grandes grupos, nos que consegue axuntar a estrutura coa individualidade dos seus intérpretes. A súa obra Gran bolero obtivo o Max ao Mellor Espectáculo de Danza 2020.

‘Acciones Sencillas’ foi nominada á mellor coreografía nos Premios da Crítica de Catalunya.

Domingo 16 de marzo | 19:00h | ‘DEMENTE’ de Fran Sieira | Auditorio do Pazo da Cultura | Entradas en Ataquilla.com

‘DeMente’, é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto de 60 minutos de duración. Conta cun elenco artístico de oito bailadoras e bailadores, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Cristian Silva Bóveda. Todo isto desenvólvese dentro dun marco escénico e cun vestiario diseñado por Carlos Alonso Alonso xunto co deseño de iluminación de Fidel Vázquez Díaz. Aparte máis física e a estética contemporánea preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque como directora artística.

En “DeMente” plasmaremos unha realidade,  un estigma,  unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.   A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”…


ACTIVIDADES PARALELAS

Mércores 12 abril | 10:00 a 14:00h | Auditorio Pazo da Cultura | ‘LABORATORIO SOMA’ (TALLER) con Javier Martín

Encontro no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura co alumnado da Facultade de Belas Artes da asignatura ‘Artes afíns’ que coordinan Silvia García e Ignacio Barcia. Entrada libre.

Experimentación dunha serie de conceptos, técnicas e exercicios para acompañar e afinar a percepción, para comprender as relacións entre as sensacións físicas e as linguaxes que empregamos, entre o corpo, a súa materialidade e os procesos que median na conciencia que temos do mesmo.

Mércores 12 abril | 19:30 a 20:45h| Sala Multiusos do Teatro Principal | CONFERENCIA OXIMÓRICA (PALESTA) con Javier Martín

Parlamento sobre diferentes investigacións no eido da arte, a ciencia e a filosofía do movemento. Texturas, topoloxías, percepción, fluxos, carne e complexidade son algunhas das cuestións que, extraídas da práctica, están relacionadas co performativo, a creación e a memoria. A intención é comunicar diversos mapas físicos e conceptuais sobre o corpo e o movemento. Arguméntanse os contidos postos en xogo co corpo, a palabra e soporte multimedia (fragmentos de películas, danzas de orixe e de vangarda, imaxes anatómicas…).

«Non hai máis poesía que a acción. » Pasolini

Sábado 15 de abril | 18:30 a 20:00h | Salón de Actos do Pazo da Cultura | ‘IDADISMO E CUESTIÓNS XERACIONAIS DA DANZA CONTEMPORÁNEA GALEGA’ (PALESTRA) | con Amparo Martínez Paz e Marcia Vázquez, moderada por Afonso Becerra de Becerrea

Na danza, a propia presenza do corpo, o corpo e o seu movemento, incluso na quietude, resulta elocuente, estanos a transmitir e a tocar desde a arte.

A danza contemporánea é aquela que, dalgún xeito, posúe unha maior potencialidade para crear movemento e para absorber e mesturar estilos. Por tanto, fronte, por exemplo, á danza tradicional, ás danzas sociais (bailes de salón, bailes latinos, danzas urbanas tipo Hip-hop ou House, etc.) ou ao ballet clásico, a danza contemporánea pode implicar unha investigación e unha capacidade para ultra pasar os límites incluso do que denominamos danza.

No contexto galego, podemos considerar que a danza contemporánea plena, superando o neoclásico e o ballet, comeza na segunda metade da década dos oitenta. Desde aquela até hoxe, malia ao panorama adverso, temos a sorte de contar con diferentes xeracións de creadoras. Porén cabe preguntarse, quizais, se o escaso “mercado” e a programación dos nosos teatros e auditorios acollen esa diversidade. Cabe preguntarse, quizais, xa nun plano máis artístico e social, se existen diferenzas xeracionais e cales. Cabe preguntarse se hai lugar nos nosos escenarios para bailarinas e bailaríns de idade, que pasen dos 50, dos 60 ou dos 70 anos. E, por aí, entra, quizais tamén, a cuestión do “idadismo” e mesmo da “idadofobia” como elementos para o debate.

Para abordar estes asuntos contamos con dúas coreógrafas e bailarinas: Amparo Martínez Paz (Vigo, 1958), que foi a primeira coreógrafa de Galicia seleccionada para participar no I Certame Coreográfico de Madrid nos anos 80, a cita máis relevante a nivel estatal, e Marcia Vázquez (Vigo, 1994), que debuta en 2021 e que é unha das creadoras galegas dunha das últimas tendencias na danza contemporánea, consistente na hibridación con danzas urbanas de alta exixencia física.

Hora

12 (Mércores) 00:00 - 16 (Domingo) 23:59

Localización

Concello de Pontevedra

Está pasando!