‘O noso planeta’ | © Afundación

'O noso planeta' de Netflix en Pontevedra

mar15febConsultarsáb28mai'O noso planeta' de Netflix en PontevedraCoa participación de David Attenborough(Consultar) Café Moderno Afundación - Pontevedra

Detalles do Evento

En colaboración coa plataforma audiovisual Netflix, Afundación trae a Pontevedra a exposición ‘O noso planeta’, baseada na serie homónima e coa participación de David Attenborough.

Este traballo fotográfico tenta concienciar sobre a problemática á que se enfronta o planeta pola acción do ser humano: plásticos, encoros, quecemento global, contaminación, etc. Mergullámonos na beleza natural do planeta Terra para reflexionar sobre o impacto da nosa actividade, así como sobre a necesidade inminente de incorporar a sustentabilidade á nosa forma de vida.

Unha exposición con imaxes sorprendentes, elementos audiovisuais e interactivos, realidade virtual e unha mensaxe imprescindible.

Estruturada en oito bloques, a exposición incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. A partir do documental que a plataforma audiovisual Netflix produciu para a televisión, e que bateu todos os records de audiencia da plataforma, Afundación e Planeta, editora do catálogo, presentan esta exposición.

‘Mundos de xeo’, ‘Auga doce’, ‘Praderías’, ‘Desertos’, ‘Bosques’, ‘Selvas’, ‘Litorais’ e ‘Alta mar’ son as oito divisións nas que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, acompañadas por textos que contextualizan cada ecosistema en clave divulgativa a través de aspectos biolóxicos, ecolóxicos, de sustentabilidade ou curiosidades da natureza.

Esta proposta consiste en presentar esta exposición como unha actividade experiencial: ás espectaculares imaxes do planeta súmase un chan interactivo que ofrece ao visitante a posibilidade de cruzar o fondo do mar en plena sala de exposicións, unha curtametraxe de animación chamada LEMON producida pola Fundación Reina Sofía, unha mesa de luz que lanza preguntas e respostas sobre a sustentabilidade, un audiovisual chamado ‘Que podo facer eu’ co que o visitante poderá coñecer as pequenas accións que na nosa vida diaria podemos achegar á sustentabilidade dos ecosistemas, e moitas máis sorpresas que irán acompañando o visitante desde o comezo ata o final do percorrido pola sala.

Esta exposición enmárcase na iniciativa ‘Cultura por alimentos’ que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros cando veñas ver a exposición.

HORARIO:

  • Luns a venres: de 17:30 a 20:30 horas.
  • Sábados: de 12:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas.
  • Domingos e festivos: pechado.

Hora

Febreiro 15 (Martes) - Maio 28 (Sábado)

Localización

Café Moderno Afundación

Praza de San Xosé, 3 36001 Pontevedra

Está pasando!