‘Galiza profunda'

sáb01out11:30‘Galiza profunda'Olladas a realidade do rural galego na ilustración e fotografía contemporáneas11:30 Casa dos Alonso - A Guarda

Detalles do Evento

Este sábado día 1 de outubro ás 11:30 horas a Casa dos Alonso da Guarda acolle a inauguración da exposición ‘Galiza profunda. Olladas a realidade do rural galego na ilustración e fotografía contemporáneas’.

Contarase coa comisionaría da exposición, Vanesa Iglesias Casal, coa que poderase desfrutar dunha visita guiada para coñecer en profundidade todas as obras. Ademais tamén haberá unha intervención musical.

E que nos imos atopar nesta exposición?

A visión do rural galego brinca ás veces entre imaxes idealizadas que del conservamos de cando eramos cativos, os prexuízos cara o mesmo pero tamén a confrontación fronte á idealización que supón voltar a el cunha ollada adulta.

Esta mostra pretende, dende a conciencia e visión crítica das artistas escollidas, facer unha dignificación do mesmo fronte a unha visión clasista, reaccionaria, costumista e ata denigrante do rural galego que xerou co tempo un “autodio” cara o mesmo, e por conseguinte, cara a toda cultura galega. Pois Galiza non se pode nunca desligar da súa ruralidade como país

Se ben é certo que fronte a certas visións utópicas do rural galego que se poidan ter dende a cidade, o día a día no mesmo alónxase desa idealización. Por iso as pezas elixidas axúdannos a confrontar esa dimensión bucólica á realidade tan dura que pasaron os nosos avós e avoas, especialmente as mulleres. Mulleres bravas e homes que con todo en contra lograron erguerse e sobrevivir en tempos de miseria tal como a posguerra.

‘Galiza profunda’ quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.

Mais a mensaxe final é positiva. Cales son as achegas das novas xeracións e das artistas que manifestan as mesmas? ‘Galiza profunda’ recolle e representa o respecto, a dignidade e o orgullo cara as nosas raíces e cara a nosa historia vencellada á paisaxe. Así, presenta unha realidade complexa de Galiza para entender e comprender o noso pasado e reivindicar así a nosa orixe tantas veces maltratada e infravalorada.

ARTISTAS PARTICIPANTES:

  • LIDIA CAO
  • PAMPILLO STORE
  • MARY DE LYRIOS
  • ACONTRAVENTO/PRUDEN TT
  • CAVALINHO DO DEMO
  • XIRALÚA
  • ARIADNA SILVA FERNÁNDEZ
  • ALBERTE PEITEAVEL
  • IRIA RIBADOMAR
  • SABELA EIRIZ
  • ROSA DE CABANAS
  • ALEJANDRO MOSQUERA
  • REBECA LAR
  • NEKA

Organizan: Casal de Creación, Acontravento e Concello da Guarda.

Cartaz: obra de Rosa de Cabanas.


Hora

(Sábado) 11:30

Localización

Casa dos Alonso

Praza do Reló 36780 A Guarda

Está pasando!