I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis

ven16dec(dec 16)00:00dom30abr(abr 30)23:59I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveisConcello de Bueu(decembro 16) 00:00 - (abril 30) 23:59 Concello de Bueu - Bueu

Detalles do Evento

O Concello de Bueu abre o prazo do I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis, co que se pretende contribuír a promover a creación artística ao tempo que se dá a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena. O extracto do anuncio foi publicado xa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), polo que as persoas que desexen enviar as súas propostas pictóricas poderán facelo ata o 30 de abril, e logo as mellores formarán parte dunha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa.

concurso busca potenciar a creación artística entre as persoas maiores de 18 anos cuxa obra debe ser inédita e orixinal. Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “é un pracer para nós acompañar á familia nun proxecto tan fermoso, que naceu o pasado setembro durante o acto de colocación da placa na que fora a casa deste artista, e que formará parte do noso patrimonio inmaterial, sendo todo un acontecemento”. Este proxecto contribuirá a dar a coñecer un dos artistas locais, ademais de fomentar a creatividade, e súmase a outros premios culturais da vila como o Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo.

O certame vai dirixido a todos/as aqueles/as artistas noveis, maiores de 18 anos, cuxa obra presentada terá que ser inédita e orixinal. A temática será de libre elección e admitirase calquera técnica de pintura, e formato será libre, cunha medida máxima do soporte de 1 m de ancho por 1 m de alto, podendo presentar os seus traballos as persoas de forma individual ou colectiva.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de abril de 2023, e constará de dúas fases: as persoas interesadas en participar poderán inscribirse antes do 30 de abril enviando por correo postal ao enderezo “Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti n18, 36930” un CD ou USB nun sobre que incluirá na cuberta “I Certame de Pintura Otero Baena do Concello de Bueu”, no que se incluirán os arquivos da obra que concorre ao certame (xunto ás características da mesma, como título, técnica, medidas, e ano de realización), e noutro documento de texto Word, OpenOffice ou PDF, un breve currículo do autor ou autora coa traxectoria artística desenvolvida ata o momento, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico, amais dunha declaración responsable onde conste que a obra é orixinal. Unha vez revisada a documentación por parte do persoal do Concello de todas as obras inscritas, convocarase a un xurado, de recoñecido prestixio, que será o encargado de facer unha preselección dun máximo de 25 obras, que son as que formarán parte da exposición na Sala Amalia Domínguez Búa. Ademais, o xurado seleccionará outras cinco obras de reserva, por se algunha das elixidas rexeitan participar na exposición. Unha vez seleccionadas as obras participantes, os e as artistas presentaranas en formato físico no Concello de Bueu antes do 20 de maio, solicitando cita previa para a entrega presencial a través do correo comunicacion@concellodebueu.gal, ou ben a través de envío con axencia de transporte ao enderezo Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº8 Bueu.

A exposición poderase ver nas semanas previas ao 27 de xuño, data de nacemento do pintor e arredor da que tamén se organizará a gala de entrega do premio á persoa que resulte gañadora dun premio dotado con 1.500 euros.

Segundo establecen as bases,que se poden consultar completas na web municipal, o premio contará cun xurado de importante nivel, que é o que fará que moitas persoas queiran participar, e de feito compoñerase de recoñecidos artistas, ademais de representantes da Fundación Laxeiro, a Facultade de Belas Artes, ou o Museo Massó.

Este premio forma parte dun proxecto ambicioso co que o Concello de Bueu contribuirá a  manter vivo o legado dunha persoa comprometida coa arte, revitalización que xa comezou hai uns meses coa colocación dunha placa conmemorativa na que fora a súa vivenda na rúa Eduardo Vincenti, 9, moi preto da Casa Consistorial.

José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.


Hora

Decembro 16 (Venres) 00:00 - Abril 30 (Domingo) 23:59

Localización

Concello de Bueu

Está pasando!