II Premio Sesé Mateo

mar13setConsultarven30setII Premio Sesé Mateode Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista(Consultar) Concello de Redondela - Redondela

Detalles do Evento

O Concello de Redondela presentou o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista, un certame que busca recoñecer o traballo que realizan as e os profesionais do xornalismo que, á hora de tratar temas relativos á violencia de xénero, fuxan dos sensacionalismos e salvagarden a intimidade tanto das vítimas coma das súas familias.

segunda edición deste premio foi presentada na Casa do Concello de Redondela nun acto no que a alcaldesa, Digna Rivas, estivo acompañada de Joshua Mateo –fillo de Sesé Mateo– e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa e no que a rexedora local reafirmou o compromiso do seu Goberno “na loita pola erradicación da lacra que supón a violencia machista en todas as súas manifestacións”. Non se pode acadar a igualdade, engadiu Digna Rivas, “mentres existan mulleres maltratadas e aterrorizadas polas súas parellas”.

Os premios non só buscan ser un recoñecemento ao traballo “profesional e comprometido de homes e mulleres que, a través da súa labor, contribúen a loitar contra un dos peores males da actual sociedade”, senón que tamén queren ser un “permanente recordatorio ás vítimas”.

“Redondela foi sempre un municipio pioneiro en igualdade e referente na loita contra a violencia machista e, coa convocatoria desta II edición, non facemos senón dar outro paso mais no longo camiño da loita por unha sociedade máis xusta, obxectivo que non se pode acadar ata a erradicación da violencia e da desigualdade”, afirmou Digna Rivas.

Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista

A segunda edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, dotado con 1.500 euros en metálico, está aberto aos traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e que deberán ser presentados antes do 30 de setembro do 2022.

Os traballos poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, en horario do Rexistro de Entrada (09:00 a 14:00 horas), ou nos lugares que sinala o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entre os cales se atopa a Sede Electrónica do Concello de Redondela.

No caso de non presentar a solicitude no rexistro ou na sede electrónica do Concello de Redondela, a persoa ou entidade aspirante deberá dirixir ao enderezo electrónico: igualdade@redondela.gal, e con anterioridade ao remate do prazo, unha copia da solicitude na que conste o rexistro de entrada e a documentación que achegue, para os efectos de que poida ser incluída na relación de persoas ou entidades admitidas.

En calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa ou á entidade participante que achegue información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta valoración da solicitude presentada

Ao certame poderanse presentar aqueles e aquelas xornalistas, maiores de idade, que asinen noticias cos requisitos sinalados nas bases e tamén poderán presentar propostas e candidaturas os xornais, radios ou televisións. Neste caso, de resultar premiado o traballo, a beneficiaria e quen recibirá o premio será a persoa autora do traballo.

Só se poderá presentar un traballo por persoa. No caso de coexistir un traballo presentado polo/a autor/a e outro ou o mesmo dese/a autor/a proposto/a por calquera entidade, prevalecerá a candidatura do/a autor/a, rexeitándose a presentada polo xornal, radio ou televisión, respectándose así a Lei de propiedade intelectual (RDL 1/1996, do 12 de abril).

Os traballos poderán presentarse en lingua galega ou castelá, pero valorarase con maior puntuación os realizados en lingua galega por ser o seu uso minoritario no ámbito xornalístico e tendo en conta que “Redondela foi sempre pioneiro no uso, potenciación e espallamento da lingua galega”.

Consulta as bases ao completo en redondela.gal e en https://boppo.depo.gal


Hora

setembro 13 (Martes) - 30 (Venres)

Localización

Concello de Redondela

Está pasando!