This is a repeating event

II Salón Lérez UP en Pontevedra

sáb26ago00:00sáb23:59II Salón Lérez UP en PontevedraSalón do videoxogo e cultura friki00:00 - 23:59 Recinto Feiral de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O pasado verán a Lérez Up reuniu a máis de 3500 persoas na súa primeira edición no Recinto Feiral de Pontevedra, enchéndose de apaixonados da cultura xaponesa, dos videoxogos, do manga e do anime. Este punto de encontro volverá contar coa presenza de diferentes asociacións que ofrecerán un abanico de actividades para todos os gustos: torneos, xogos de mesa, cosplay, karaoke, xogos indie, graffiti, manualidades e máis.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Novas tecnoloxías, Anabel Gulías, e as voceiras da asociación pontevedresa Gaming Troop (colectivo organizador do evento), Rocío Fernández e Sonia Piñeiro, presentou deste o local da agrupación esta nova edición, que se celebrará os días 25 e 26 de agosto no interior do Recinto Feiral.

«Estamos encantados de volver celebrar a Lérez Up en Pontevedra e só podo manifestar o meu agradecemento e orgullo de que en Pontevedra teñamos un grupo de xente que sexa quen de poñer en marcha citas como esta», explicou o rexedor. «Partimos do éxito espectacular do ano pasado, unha edición que visite e na que quedei abraiado de ver tanta xente moza (e non tan moza), non só de Pontevedra, senón de toda a comarca e que quedaran encantados».

Lores subliñou o atractivo do que goza esta actividade, lembrando que desde o Concello sempre se promocionará e se traballará a prol de xerar novas sinerxías entre os diferentes sectores económicos e sociais da cidade.


Nesta segunda edición, os fans dos videoxogos voltarán loitar en torneos como o do League of Legends ou Valorant, que xa levan unhas semanas na súa fase previa en liña. Non pode faltar o torneo estatal de Smash Bros. Ultimate, que conta nestes momentos con 100 xogadores inscritos procedentes de toda España e Portugal.

Aproveitando o éxito que tivo na primeira edición, este 2023 manterase a zona de consolas e ordenadores para xogo libre. Os asistentes poderán probar e retarse entre eles coa ampla variedade de videoxogos como o Teamfight Tactics, Tekken 7, Switch Sports, Mario Strikers, ou o novo Street Fighter 6, entre outros, que contarán con torneos de pequenas dimensións.

Para os afeccionados ó cosplay, repetirase o exitoso concurso onde se premiará á mellor caracterización dunha personaxe, valorando a súa actuación, vestimenta e representación. Ademais, o xurado impartirá charlas sobre o mundo do cosplay con consellos e técnicas para iniciarse a este ámbito.

Así mesmo, o evento terá máis de 60 postos formados por pequenos creadores locais e de tódalas partes do país que exporán a súa obra e traballo para os máis fanáticos do arte, da ilustración e a artesanía. A Lérez Up bateu un récord de demandas nesta edición, duplicando a capacidade dispoñible en tan só dez minutos desde a súa apertura.

Como non podería ser doutra maneira, repetirase a zona de descanso con varios foodtrucks de cociñas locais no interior do Recinto Feiral.

Neste ano destacan as novas zonas para dar unha experiencia máis completa ós asistentes: un salón de actos onde terá lugar o clásico concurso de cosplay así coma dúas actuacións musicais; unha zona indie máis completa onde se promocionarán ata 9 videoxogos creados por estudios independentes que veñen compartir o seu traballo; unha zona exclusiva para talleres e a ampliación doutras xa existentes.

Na programación resaltan a cantidade de charlas, que se centrarán no desenvolvemento de videoxogos, a autoedición, modelaxe e patronaxe, ou a xestión do proceso creativo. Nomes como Paula Cheshire, Victor Develops, Luzbel ou AngryYuna compartirán as súas experiencias co público, fomentando un entretemento máis didáctico.

A Lérez Up pretende, unha vez máis, destacar que a mestura de entretemento, vocacións e cultura alternativa é máis que necesaria. A maiores o Salón resáltase como un centro de interese para todas as idades nos que promover os valores comunitarios e de identidade, podendo así gozar duns intereses comúns e, finalmente, converténdose nun referente do catálogo de festas anuais da provincia de Pontevedra.


Hora

(Sábado) 00:00 - 23:59

Localización

Recinto Feiral de Pontevedra

Alexandre Bóveda, s/n. 36005 Pontevedra

Está pasando!