‘Inventio’ | © Vanessa Rábade

'Inventio' en Pontevedra

ven11novConsultardom13nov'Inventio' en Pontevedracirco, ilusionismo, danza, música(Consultar) Auditorio Sede Afundación - Pontevedra

Detalles do Evento

Os días 11, 12 e 13 de novembro o Auditorio Sede Afundación de Pontevedra acolle a posta en escena de ‘Inventio’, unha creación para público familiar chea de humor, misterio e fantasía; unha viaxe sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos de cinema futurista, que visitará 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023.

‘Inventio’ é un espectáculo de gran formato no que conviven a comedia as artes circenses, o ilusionismo, a danza, a comedia, o drama e o teatro xestual. Inventio é unha viaxe sensorial, un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena futurista, ‘Inventio’ recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, cun ritmo vertixinoso, nunha gran produción con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca «unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir».

Unha viaxe sensorial, delicada e cegadora, cun ritmo vertixonoso e ecos de cinema futurista.

A HISTORIA

Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha.

Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

MOITO MÁIS CA UN ESPECTÁCULO FAMILIAR

Ilusionismo, levitacións, acrobacias, equilibrios, malabares, números aéreos, aros voadores, coreografías trepidantes, treboadas de neve e torres de vento, pezas interactivas, videoproxeccións, animación audiovisual, música electrónica fundida con composicións tradicionais galegas, simbolismo celta, barroco compostelán e a estética xeométrica e vangardista de Sargadelos, traxes futuristas, humor, misterio, fantasía, drama, comedia, maxia, ilusionismo, teatro xestual, danza…. Todo isto, e moito máis, é ‘Inventio’.

‘INVENTIO’ E O CAMIÑO DE SANTIAGO

O Camiño de Santiago estivo presente na nosa literatura dende a Idade Media aos nosos días, dende a obra de autores como Cervantes, Quevedo, Zorrilla, Valle-Inclán ou os irmáns Machado á de Alejo Carpentier, Álvaro Cunqueiro, Matilde Asensi ou Cees Nooteboom. O Camiño foi tamén fonte de inspiración e materia prima de películas, documentais, composicións musicais e manifestacións artísticas ao longo de décadas. Inventio é fiel a esa tradición, dotando a posta en escena dunha importante profundidade e bagaxe cultural.

‘Inventio’ nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e fano enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

O EQUIPO

Con dirección do novo ilusionista galego Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de Inventio está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo. Á fronte da dirección artística, Suso Montero, recoñecido escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, dous destacados ilusionistas españois -Fani Triana e Martín Camiña- e na de circo, Jorge Miquel, un estudoso cunha longa traxectoria na posta en marcha de proxectos circenses. Na dirección musical, José Trincado ‘Triki’, produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.

DATAS

  • Venres 11 de novembro: 20:00 horas
  • Sábado 12 de novembro: 17:00 e 20:30 horas
  • Domingo 13 de novembro: 12:00 e 17:00 horas

Os menores de 2 anos non pagan mentres non ocupen asento.

Entradas anticipadas á venda dende 15 euros en Ataquilla.com


Hora

novembro 11 (Venres) - 13 (Domingo)

Localización

Auditorio Sede Afundación

Rúa Augusto González Besada, 2, 36001 Pontevedra

Está pasando!