'O efecto reliquia'

ven14xandom01mai'O efecto reliquia'Exposición de Teresa Moro(xaneiro 14) 11:00 - (maio 1) 11:00 MARCO - Vigo

Detalles do Evento

Para Teresa Moro, ‘efecto reliquia’ é aquela emoción que se esperta nela cando cre atoparse perante un obxecto (unha paleta, un tallo, a cama…), que puidese pertencer ou ser utilizado por un artista, actual ou pasado, a quen ela admira.

Durante a época clásica nos santuarios gardábanse artigos venerables asociados co heroe, incluídos roupas e mobles. En principio, os antigos gregos non atribuían a aqueles restos propiedades milagrosas, senón que a súa presenza tiña para eles unha misión protectora. É esta segunda función a que interesa á artista, quen apoiada na súa paixón por rastrexar, colleitar e arquivar, hai xa varios anos que comezou unha persoal campaña de rescate de reliquias, como estratexia defensiva fronte ás ameazas que sentía que asediaban o creador contemporáneo.

Este proxecto pretende mostrar parte do botín de exemplares atopados por Moro tras peregrinacións reais ou virtuais, que ela vai clasificando nun particular arquivo gráfico.

Arquivo que traslada á parede do estudio, o cal pouco a pouco adquire o aspecto dun altar votivo. O espazo de traballo transformouse nun lugar dedicado a render culto aos ídolos. Taller de artista-coleccionista convertido en cámara onde se custodian eses obxectos anteriormente usados por outros. Adoitan ser cousas ordinarias, ás que a relación diaria cos seus donos converteu en únicas. E que por ese status de singularidade son incorporados ao tesouro de reliquias.

Walter Benjamin pensaba que cando un coleccionista pasaba revista aos artigos que compoñían a súa colección dalgún xeito afloraba nel a memoria do pasado deses obxectos. De igual xeito cada unha das reliquias que Moro nos ensina é un recordo evocado no presente que grazas ao acto de preservalo se proxecta cara ao futuro. Ela cre que a pegada daqueles artistas aos que pertenceron, se conserva latente nos seus aparellos e revivirá grazas ao feito de reunilos, e esa reminiscencia quedará na obra realizada baixo a súa invocación.

O percorrido organízase en varias series: postais, estudos, reliquias e camas.

Obstinarse en colleitar e converter eses artigos de uso común en protagonistas da obra, e ademais facelo pintando hoxe, constitúe un acto de resistencia fronte á estandarización e un xeito de render tributo aos mestres. Toda unha reivindicación da creación como experiencia extraordinaria.

Horario: martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas, domingos, de 11.00 a 14.30 horas.

Hora

Xaneiro 14 (Venres) 11:00 - Maio 1 (Domingo) 11:00

Localización

MARCO

Rúa Príncipe, 54 36202 Vigo

Está pasando!