‘O Inefable’ de Fernando Carballa e Chelo Rodríguez

xov05maiConsultardom17xul‘O Inefable’ de Fernando Carballa e Chelo RodríguezExposición no Pazo da Cultura(Consultar) Sala de exposicións do Pazo da Cultura - Pontevedra

Detalles do Evento

O proxecto expositivo colectivo de Fernando Carballe e Chelo Rodríguez, fala do invisible no traballo creativo, do que non vemos nas obras.

‘O inefable’ é segundo apunta a súa comisaria Lola Varela “a mensaxe oculta que aparece tras a contemplación da obra, aquilo do que fala o artista e que resulta ser a esencia mesma da devandita obra. É a comunicación entre o interior (o artista) e o exterior (o espectador)”. Os artistas de diferentes disciplinas Fernando Carballa e Chelo Rodríguez, presentan o seu traballo nun diálogo entre eles, de xeito que dende a individualidade das súas obras, vai existir unha ligazón, un nexo que leva ao proxecto cara a un lugar común; o universo interior do invisible.

“Aquilo que non se pode describir nin expresar con palabras é do que nos falan as obras artísticas, establecendo unha relación máxica que nace cando se inicia un diálogo entre a ou o artista e a súa obra. “Trátase de atoparnos co que non se ve e que, porén, existe grazas ao que vemos”, como dixo nunha ocasión a escritora Eva Veiga. O “inefable” podería expresarse a través de diferentes sistemas sígnicos como a poesía, a música, a pintura… ou, simplemente, o silencio. Pero o “inefable” é tamén a luz, a cor, o baleiro e a materia, aspectos fundamentais da creatividade dos protagonistas desta exposición Chelo Rodríguez e Fernando Carballa que, de tempo atrás, comparten amizade e a incansable necesidade de experimentar para captar o instante e transformalo en algo eterno que poidamos nós tamén captar e gozar. O esforzo por desvelar o “inefable” amosa camiños ben distintos en ambos os dous. Mentres Chelo emprega espazos interiores, cheos de luz e de cor, coa presenza constante e desacougante de diferentes cadeiras como metáforas, Fernando xoga a desvelar a materia e, nesta ocasión, preséntanos o misterio a través da livián e suxestiva porcelana, máis tamén coa forza primixenia do barro. Con todo, comparten nesta mostra das súas obras a súa atracción pola figura humana, quer coas diversas representacións de cabezas que nos  atrapan nun mundo simbólico e conceptual, propio de Fernando Carballa, quer cos atractivos manequíns cheos de vida e movemento, de xeito aparentemente contraditorio, que nos mostra Chelo Rodríguez.

Para rematar estas liñas cheas de incertezas e segredos sen desvelar, ninguén mellor que o pintor suízo Paul Klee para definir a relación da arte co insondable: A arte non expresa o visible, senón que fai visible o inefable”.

A mostra permanecerá instalada é visitable ata o 17 de xullo de martes a venres de 18 a 21h. O sábado de 12 a 14 e de 18 a 21h e o domingo de 12 a 14 horas. Os luns, permanecerá pechada.

Fernando Carballa

Natural de Pontevedra, é licenciado pola Facultade de Belas Artes de Madrid. A súa obra caracterízase por unha poética do coñecemento, metafísica traspasada pola materia. Desta forma, a obra de Fernando Carballa amosa unha tradición artística arredor da forma como xeito de crear un diálogo coa materia. Utiliza a porcelana, o barro, a brancura e o equilibrio das formas. A linguaxe das súas obras escultórico-pictóricas ten por obxectivo atrapar ao espectador nun mundo simbólico. Un mundo baseado na imaxinación e nos elementos conceptuais fronte á natureza.

Chelo Rodríguez

Nace en Porriño (Pontevedra), onde inicia a súa formación pictórica. Dende os seus inicios, a súa obra reflicte unha experiencia persoal, na que a artista nos introduce nos seus espazos interiores, habitados por realidades non aparentes. O resultado é unha proposta caracterizada por unha forte impresión de luz sobre os elementos inertes da súa realidade pictórica. Preséntanos o espazo como metáfora. É neses espazos propios nos que a artista nos achega á autenticidade do seu traballo, nun diálogo entre a vida e a creación.

Hora

Maio 5 (Xoves) - Xullo 17 (Domingo)

Localización

Sala de exposicións do Pazo da Cultura

Alexandre Bóveda, s/n 36005 Pontevedra

Está pasando!