'Outono en ruta 2021'

sáb02outConsultarsáb27nov'Outono en ruta 2021'Rutas guiadas gratuítas(Consultar) Concello de Cangas - Cangas

Detalles do Evento

Para celebrar que A Illa dos Ratos veñen de chegar ás 450 rutas realizadas dende 2016, nos meses de outubro e novembro presentan ‘Outono en ruta 2021’ composto por 8 rutas en diferentes localizacións de Cangas no que contan coas colaboracións da A.C. A Cepa e Comercio do Morrazo e que inclúe grandes clásicos dos últimos anos como ‘Massó, o sentir dun pobo’, ‘O Facho, gardián milenario’, ‘Muíños de Coiro’ ou ‘Intermareal de Areamilla’, mesturados con outras rutas como ‘O Hío, de pedra en pedra’, ‘Cangas e o mar’ ou ‘Historia das mulleres de Cangas’.

As rutas levaranse a cabo cumprindo con todos os requisitos de seguridade que as autoridades establezan en cada momento.

Os interesados poden inscribirse previamente por whatsapp no 611 08 08 53. Cun límite de 30 prazas por ruta, unha vez sexan completadas habilitaranse as correspondentes listas de espera.


‘O Hío, de pedra en pedra’

  • Sábado 2 de outubro

No corazón da parroquia do Hío, no Igrexario, atópase un conxunto monumental cargado de arte, historia e tradición.

Todos sabemos que nel o protagonista indiscutible é o famoso Cruceiro do Hío pero, ás veces, parece que esquecemos que o cruceiro brilla aínda máis grazas ao magnífico entorno que o acompaña día a día.

Así pois, con esta ruta polo corazón do Hío, percorreremos, pedra a pedra, cada un dos elementos que fan compañía ao famoso monumento: un adro de danzas e defuntos, unha igrexa de arte e cultos, casas de señorío e de chan de terra, unha fonte de felicidade, un lavadoiro de noticias, un pequeno cruceiro que non deixa de sufrir, rúas esquecidas que volveremos descubrir…


‘Intermareal de Areamilla’

  • Domingo 10 de outubro
  • Domingo 23 de outubro

Partiremos da praia de Areamilla, enmarcada no Espazo Natural Punta Balea, aproveitando a súa gran riqueza e biodiversidade para contar dun xeito ameno e distendido temas relacionados co medio mariño.

Falaremos de como se forman as ondas, explicaremos os diferentes tipos de praia e observaremos a flora e a fauna mariña que hai en cada poza da zona intermareal cando baixa a marea.

É unha ruta moi interactiva na que poderemos ver e tocar diferentes especies como os ourizos, os tomates de mar ou algunha estrelamar e seguro que sairedes sabendo moitas curiosidades sobre as praias e a vida mariña.


‘Massó, o sentir dun pobo’

  • Sábado 16 de outubro

Mentres percorremos os 180.000 m2 do antigo complexo industrial de Massó en Cangas, contaremos a historia, curiosidades e anécdotas da gran fábrica que chegou a ser a maior conserveira de Europa nos anos 50 do século XX, xogando un papel moi importante no desenvolvemento económico e social da vila.

Veremos como era o día a día das traballadoras, cales eran as súas ocupacións e preocupacións e a importancia que tivo a actividade conserveira para a súa incorporación ao mundo laboral.

Tamén contaremos como a empresa chegou a ter a primeira asistenta social de Galicia, a orixe da gardería, como funcionaba o sistema de avisos para ir a traballar, as innovacións tecnolóxicas, as actividades de ocio que se facían, o inicio da actividade baleeira e a moratoria, o declive da factoría e o que significou para a poboación, ata chegar aos nosos días.


‘O Facho, gardián  milenario’

  • Sábado 30 de otubro

A case 200 metros sobre nivel do mar e dominando toda a Costa da Vela, atopamos a interesante historia deste monte sagrado, que durante milenios estivo gardando as nosas costas e que, pouco a pouco, nos vai desvelando os seus segredos.

O máis coñecido hoxe en día é o santuario galaico-romano do deus Berobreo, situado sobre un antigo castro. No ascenso ao monte descubriremos un asentamento anterior á beira dunha antiga calzada, pasando por unha aldea medieval abandonada e singulares petróglifos.

E por se fora pouco, a chegada ao cumio estará recompensada cunha das máis fermosas vistas da costa das Rías Baixas.


‘Muíños de Coiro’

  • Sábado 13 de novembro

Ao principio foi o millo miúdo moído manualmente o que nos daba a fariña para o pan (ese alimento básico para a supervivencia ata non hai tanto tempo), pero pouco a pouco o enxeño foi evolucionando, pasando por innumerables fases e tipoloxías, ata chegar á máis absoluta perfección: moer sen esforzo e sen consumir recursos.

A natureza proporciona o gran e a auga que, unha vez usada, volve limpa como chegou e sen perder unha pinga, ao seu curso natural. Nós simplemente temos que poñer o medio para transformar o gran en fariña. O resultado foi unha máquina perfecta e totalmente ecolóxica.

Queres saber máis? Nesta ruta desvelaremos os segredos do muíño, piar da alimentación durante séculos.


‘Cangas e o mar’

  • Sábado 20 de novembro

Nesta ruta faremos unha aproximación ás orixes da vila vinculados ao mar. Explicaremos algunhas das artes de pesca que se empregaban como o cerco e as sacadas e coñeceremos as institucións que foron a base do crecemento da vila vinculados á actividade mariñeira e exportadora.

Coñeceremos a importancia do sal na conservación do peixe e as implicacións que tivo para Cangas o seu estanco.

Finalmente, veremos como a finais do século XIX se produce unha importante confrontación entre os pescadores máis humildes adicados á pesca tradicional de autosubsistencia e os conserveiros que pretendían unha pesca moito máis extensiva utilizando novas embarcacións e artes de pesca.

Explicaremos especialmente ese conflito histórico tan relevante no desenvolvemento económico e social do pobo que daría lugar ao nacemento dos movementos sociais e sindicais relacionados co mar como o “Pósito de Cangas”, ou os sindicatos “A Alianza Mariñeira” ou “A Reivindicadora”.


‘Historia das mulleres de Cangas’

  • Sábado 27 de novembro

A vila de Cangas non sería a mesma sen as súas mulleres. Percorreremos o centro da vila para coñecer as historias de mulleres de diferentes épocas como Maria Soliño, Dolores Blanco Montes que foi represaliada polo franquismo ou Fina Acuña Graña, unha muller loitadora e fundadora de ADICAM.

Tamén adicaremos tempo a mulleres vinculadas con eidos como a cultura, a educación, a política, ou o deporte sen esquecernos do papel relevante dos colectivos de mulleres que forman parte do matriarcado do mar como as peixeiras, as redeiras ou as mariscadoras.


 

Hora

Outubro 2 (Sábado) - Novembro 27 (Sábado)

Localización

Concello de Cangas

Está pasando!