'Permíteme cambiar de forma' en As Neves

xov26mai12:00'Permíteme cambiar de forma' en As Neves'Mulleres en acción. Violencia zero'12:00 Concello das Neves - As Neves

Detalles do Evento

Iria Vázquez porá en escena na Casa das Xuventude das Neves, a acción ‘Permíteme cambiar de forma’ dentro do programa ‘Mulleres en acción. Violencia zero’, da Deputación de Pontevedra.

O programa ‘Mulleres en acción. Violencia zero’ entendeu a emerxencia feminista e a urxencia cultural que demandaba o momento e, lonxe de parar, saíu á rúa con máis forza se cabe, levando nas súas pezas artísticas as problemáticas da situación actual: visibilizando, sensibilizando e implicando.

E fixo activismo noutro senso non menos importante: mantivo o compromiso coas mulleres artistas. Nunha crise sen precedentes, que masacrou o sector cultural dun xeito ineludible, as mulleres creadoras víronse na estacada presenciando a caída, a cancelación e o aprazamento de case todos os seus proxectos culturais.

Por iso, manter a axenda do programa (literalmente) tamén era poñer a axenda feminista no foco. Así, o programa volveuse flexible para poder acompañar as artistas, máis tamén as mulleres, na loita pola igualdade.

IRIA VÁZQUEZ

Artista multidisciplinar, mediadora cultural e docente, é licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2015).

En 2011 obtivo unha bolsa da Universidade de Vigo para realizar unha estadía de investigación no Museo d´Orsay, no Museo do Louvre e en distintos centros de arte de París en 2012 para desenvolver o traballo de campo e documental da súa tese de doutoramento.

Realiza e colabora en proxectos artísticos de carácter multidisciplinar que abarcan tanto o ámbito expositivo coma o audiovisual e o escénico, que desenvolve xunto coa mediación cultural e coa dirección artística.

‘PERMÍTETE CAMBIAR DE FORMA’

Un tempo acumulado que emerxe desde unha montaña de teas, unha paisaxe onde a memoria se esfía para dar lugar a un novo comezo.

Tremer e crear outras realidades que chegan a ser a través de quen lles dá forma, dos pasos que desafían o seu equilibrio, que atopan o lugar onde queren estar, que proban para volver comezar. Emerxer desde a liberdade que nos proporciona a práctica artística, o recoñecemento, a experiencia sensible, o encontro.

Darlles énfase a través desta acción, nese espazo esencial de expresión e de manifestación da nosa subxectividade, aos anhelos e á presenza. Ese espazo emancipado que nos proporciona a experiencia artística, onde cultivarnos, transcender os nosos medos, afrontalos, desafiar os roles e as inercias, os hábitos caducos e os imprescindibles, as realidades incuestionables, transitar neles, miralos, desbordalos, convertelos en tránsitos de universos posibles, en materia viva coa que transformar o presente.

Afondar na sororidade, nun tempo da agarda que se escinde no momento de facer historia.

Hora

(Xoves) 12:00

Localización

Concello das Neves

Está pasando!