setembro, 2020

06setTodo o día28nov"Descubre Moaña no Outono"RUTAS GUIADAS DE BALDE(Todo o día) Concello de MoañaEvento tipo:Ademais

Detalles do Evento

Da man da Asociación A Illa dos Ratos, o Concello de Moaña organiza o programa “Descubre Moaña no Outono”, con rutas guiadas gratuítas que terán lugar  nos meses de setembro, outubro e  novembro.


Ruta literaria “O último barco”

  • Domigo 6 de setembro | 10:30 h.
  • Xoves 10 de setembro | 19:30 h.
  • Domingo 20 de setembro | 10:30 h.
  • Xoves 24 de setembro | 19:30 h.
  • Domingo 11 de outubro | 10:30 h.
  • Domingo 8 de novembro | 10:30 h.

A desaparición de Mónica Andrade leva ao inspector de policía Leo Caldas e máis o seu axudante Estévez á costa de Tirán para intentar descubrir o paradoiro da rapaza. Na súa busca percorren diferentes localizacións desta vila, recompilando pistas que os axudarán a resolver o caso.

Nesta ruta literaria coñeceremos algúns dos lugares nos que transcorre a trama do libro. Partiremos da estación marítima de Moaña, pasaremos pola histórica igrexa de San Xoan de Tirán e chegaremos ata o curioso miradoiro da Mona, seguindo os pasos de Caldas e Estévez na súa investigación, e coñeceremos máis detalles sobre eses lugares reais nos que está baseada esta historia de ficción do escritor Domingo Villar.


Ruta “Sendeiro de Rialdarca”

  • Sábado 12 de setembro | 10:30 h.
  • Sábado 19 de setembro | 10:30 h.

Dende o ano 2005 ata a actualidade, veciños dos barrios deste val de Moaña, decidiron organizarse para tratar de poñer en valor un entorno ao redor dunha senda que durante moito tempo fora unha vía de comunicación moi empregada entre o centro do pobo e os barrios próximos a San Martiño e a “Moaña alta”, dentro dunha zona cun enorme uso agrario, muiñeiro e para o lavado tradicional de roupas. No ano 2019, da man do concello de Moaña, vén de elaborarse unha estratexia para converter a medio prazo este entorno nun corredor ambiental que vertebre diferentes barrios desta zona da vila. Daremos un dobre enfoque á ruta:

Por unha banda, seguindo un enfoque ambiental, trataremos o problema das especies invasoras e outras ameazas ambientais que se aprecian neste entorno natural e dos seus efectos sobre o ecosistema autóctono no que atopamos especies ameazadas como a anguía europea, anfibios endémicos de Galicia, aves rapaces e ata 15 especies de árbores autóctonas.

Por outra, centrarémonos no aspecto etnográfico e utilizaremos as características, historias e anécdotas de Rialdarca como exemplo para coñecer como era a vida no rural galego baseada no cultivo do campo, especialmente de millo e viño, que xogaban un papel moi importante na economía familiar.


Ruta “San Martiño”

  • Domingo 4 de outubro | 10:30 h.
  • Sábado 7 de novembro | 10:30 h.

A igrexa de San Martiño de Moaña é un dos grandes expoñentes do románico no Morrazo. Unha igrexa que a primeira vista pode parecer unha igrexa máis pode ser todo un libro aberto que nos fai ver a historia que os seus muros viron pasar desde hai case mil anos.

O tímpano da porta principal axudou a resolver un misterio escondido noutras igrexas, as súas inscricións pasaron de ser un crebacabezas a toda unha revelación. Pero hai máis, o seu interior conserva escondidos, á vista de todos, elementos moi curiosos e anecdóticos.

A localización da igrexa será a clave para entender, nunha historia de ricos e pobres, como naceron o barrio do Igrexario e do Cruceiro.


Ruta “Sendeiro da Fraga de Moaña”

  • Domingo 18 de outubro | 10:30 h.

O río da Fraga, un dos máximos expoñentes naturais de Moaña, foi un dos fíos vertebradores da vida cotiá dos nosos antepasados. Un entorno natural espectacular serviranos nesta ruta como marco para explicar a importancia que os ríos en xeral teñen tanto a nivel natural como paisaxístico e humano.

Un río é moito máis que un curso de auga, é o eixo de todo un ecosistema do que os humanos tamén formamos parte. As súas augas serviron para regar os cultivos e, sobre todo, para mover a principal industria de Galicia ata non hai tanto: os muíños.

Nesta ruta viaxaremos pois, río arriba, desde o presente urbano e agrícola ao pasado natural que lle dá nome ao río, a fraga, o bosque autóctono que aínda podemos contemplar neste espazo tan singular.


Ruta “A Moaña mariñeira”

  • Sábado 31 de outubro | 10:30 h.

Ao longo deste percorrido polo litoral entre o Porto de Moaña e o Porto de Meira coñeceremos os detalles dos inicios da pesca tradicional, a historia do Pósito de Moaña e a figura do seu impulsor D. José Costa Alonso, e algúns dos naufraxios máis importantes que afectaron ás familias de Moaña.

Visitaremos o estaleiro de Carlagho, sede da Asociación Sueste, no que descubriremos o interior dunha carpintería de ribeira, e o museo aberto das Carreiras de Meira.


Ruta “Canteiras do litoral de Moaña”

  • Domingo 15 de novembro | 10:30 h.

Moaña é terra de mar pero tamén de pedra. Ao longo do noso percorrido descubriremos a historia que agochan as antigas canteiras do litoral de Moaña, en Meira, e que foron a orixe do crecemento económico e social da vila.

Descubriremos interesantes historias, vivencias e anécdotas das canteiras do Cocho, o Arroás, a Laxe, o Latón e a Borna e coñeceremos o significado dalgúns termos ben curiosos que se empregaban na xerga propia dese gremio como “romper pedra”, “tocar fuegho” ou “facer uns tiros”.

Co paso do tempo e o desmantelamento das canteiras, eses novos espazos serviron de ubicación para novas actividades empresariais relacionadas co mar, como no caso do estaleiro ASCON ou de Conservas A Guía.


Ruta “Mulleres da Historía de Moaña”

  • Sábado 28 de novembro | 10:30 h.

Unha ruta para dar a coñecer e poñer en valor o papel da muller dentro do desenvolvemento da sociedade e a vila de Moaña.

Historias que paga a pena coñecer sobre figuras importantes con nome propio como Lela Soage, Elisa de la Peña ou Lola Diz que se mesturarán con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as carreiras.


Con motivo das circunstancias sanitarias relacionadas coa COVID-19, as prazas son limitadas. Os interesados deben realizar unha inscrición previa via whatsapp no teléfono 611 08 08 53 ou por email info@ailladosratos.org

Así mesmo e como novidade, poden consultar toda a información do programa de roteiros na web www.ailladosratos.org

Hora

Setembro 6 (Domingo) - Novembro 28 (Sábado)

Localización

Concello de Moaña

Está pasando!