outubro, 2022

Detalles do Evento

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra abriu o pasado sábado 6 de agosto as portas a ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia’, a exposición organizada en colaboración coa Hispanic Society de Nova York, que se encargou de aportar o material fotográfico, e comisariada pola pontevedresa Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

Os comisarios da exposición, José Luis Rodríguez e David Quiñones, farán visitas guiadas tódolos sábados de 10.30 a 12:00 horas mentres dure a mostra en grupos de máximo 25 persoas con inscrición previa en reservas.museo@depo.gal

Con máis de 75 traxes, a mostra reproduce cada unha das vestimentas fotografadas por Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes a Galicia entre 1924 e 1926 por encargo da sociedade neoiorquina. Unha experiencia que permite coñecer a Galicia dos anos 20 a través da lente da súa cámara e as anotacións do seu “caderno de bitácora”.

Esta exposición é froito de cinco anos de estudo, busca, análise e recuperación na que Sete Espadelas amosa unha compilación de vestimentas, que forman parte dos fondos da súa colección, para reproducir as fotografías de Ruth Matilda Anderson. Este proxecto supera as 1.000 prendas expostas, unha gran parte delas antigas ou reproducidas a partir de patróns e tecidos antigos acompañadas de ferramentas de traballo orixinais da época e de incalculable valor etnográfico.

A mostra implica unha viaxe no tempo cen anos atrás, recuperando os vellos oficios xa esquecidos, as feiras, as romarías, os traballos no mar, no campo ou na vida cotiá a través dos ollos de Ruth Matilda Anderson.

As 150 imaxes que se amosan no Museo, lembran as leiteiras da comarca de Compostela reunidas na Rúa Nova ao amencer, as redeiras nos portos, os zoqueiros nas feira, as mulleres lavando ou transportando mercadorías na cabeza, entre outras situacións da vida rural galega de inicios do século XX. As vestimentas daquel entón, captaba a atención da cámara de Anderson: a elegancia das mulleres en Muros, a roupa de faena, a representación do loito na vestimenta feminina ou os traxes de gala entre outros. A ourivería tradicional tamén espertou o interese da neoiorquina xunto cos pequenos detalles da roupa, os complementos ou os utensilios de traballo que formaban parte da estética diaria nas vilas e aldeas.

Con motivo da exposición, que se poderá visitar ata o 16 de outubro, tamén se publica un catálogo, que recolle máis de 300 fotografías da americana, así como as dos traxes reproducidos para esta ocasión e diferentes pasaxes do seu caderno traducidos por primeira vez ao galego. Do mesmo xeito, fai unha profunda análise do que significou e significa para a nosa etnografía o traballo recollido pola fotógrafa neoiorquina.


Hora

(Sábado) 10:30

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!