setembro, 2020

17setTodo o día31xan"Seda de Cabalo"exposición de Manuel Vilariño(Todo o día) MARCO, VigoEvento tipo:Exposicións

Detalles do Evento

Seda de cabalo é a maior de cantas exposicións se realizaron ata esta data de Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta, Premio Nacional de Fotografía 2007. Unha mostra comisariada por Fernando Castro Flórez, que revisa a súa traxectoria a través dunha selección de obras —fotografías, instalacións, vídeos, e tamén unha parte da súa produción poética— dende 1980 ata a actualidade. Máis que unha retrospectiva ao uso, está concibida como reflexo dos aspectos máis sobresaíntes da súa traxectoria e da súa estética, sempre marcada por un fondo poético e pola demanda dunha actitude contemplativa.

Atendendo a unha orde máis formal e conceptual que cronolóxica, a selección de obras e a súa disposición en salas responde á vontade de manter esa continuidade poética, temática e ambiental que dá sentido ao percorrido e a toda a obra de Manuel Vilariño no seu conxunto.

Así, a montaxe que se articula nas salas do MARCO lévanos dende a súa particular ollada sobre os animais, e a súa reinterpretación da esencia dun xénero clásico como o do bodegón —Vilariño como grande mestre da natureza morta—, á súa visión da paisaxe, intimamente relacionada coa melancolía, nun diálogo permanente e sutil entre a vida e a morte.

As series correspondentes aos anos oitenta e noventa — aves, caveiras, e bestiarios, incluíndo os seus célebres polípticos (Los Pájaros, Cabezas/Sueños)— abren unha primeira fase do percorrido. Destaca a forza de Bestias involuntarias, serie de fotografías en branco e negro nas que os animais nos miran de fronte, retratados xunto a ferramentas, nunha ensamblaxe entre o máxico e o cotián, entre a natureza e a intervención humana.

Como peza central da mostra, e nese xogo de transición dende o branco e negro, a cor fai a súa aparición en Paraíso fragmentado. Unha obra emblemática, un mosaico de naturezas mortas composto por quince fotografías nas que un paxaro, un lagarto ou unha serpe xacen inertes, creando entre todas as imaxes unha composición única que simbolicamente alude á devoción e a un anhelo de resurrección.

A partir de aquí a atención céntrase nas obras das décadas seguintes, en torno ao ano 2000, como Crucifixión de los siete cielos ou Cruz de luz borrada —naturezas mortas que compoñen escenas rituais nas que a cor adquire especial relevancia. A súa serie de bodegóns de candeas e caveiras —Membrillos, Granadas— son composicións aparentemente sinxelas nas que unha bolboreta sobre un misal aberto, ou unhas froitas en descomposición, permanecen á sombra da chama dunha candea que se consume. Escenas nas que non faltan as alusións mitolóxicas e ao ciclo de vida e morte que nos devolven ao esencial deste xénero clásico.

A exposición inclúe exemplos da súa produción das dúas últimas décadas, fundamentalmente as súas fotografías de montañas e océanos, como Al despertar; Lejano interior; ou Montaña negra, nube blanca. Obras en aparencia máis paisaxísticas, e que non obstante teñen un forte sentido dramático, case tráxico, aínda que cunha mirada e amplitude de horizonte que parece aberto á esperanza.

Como apertura e peche deste percorrido circular pola obra de Vilariño, é fundamental a presenza da poesía: os fragmentos dos seus libros de poemas Ruínas ao espertar, e Animal insomne, que acompañan ao visitante dende as escaleiras de acceso á mostra; e unha selección da serie de haikus escritos durante o confinamento —obra inédita que leva por título Elogio del confín— que completan e, á súa vez, son parte integrante das súas fotografías. Neste aspecto afonda tamén o vídeo que se proxecta na sala do vestíbulo principal do MARCO, e no que o artista, en acción e contemplación, fala sobre o seu proceso creativo.

En palabras do comisario, toda a obra de Manuel Vilariño é un autorretrato vital. Dos seus pensamentos e emocións en relación coa vida e a natureza, da súa contorna, da súa formación como biólogo, da súa íntima vinculación co territorio máis próximo. En consonancia con esta idea, a exposición foi concibida tendo moi presentes esas tres facetas de observador, fotógrafo e poeta que conforman a súa obra e traxectoria; esa relación entre bioloxía, fotografía e literatura que sempre o ten acompañado.


  • Datas:  17 setembro 2020 – 31 xaneiro 2021
  • Lugar:  Salas de exposición do 1º andar
  • Horario: martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
  • Produción: Subdirección General de Museos Estatales do Ministerio de Cultura y Deporte
  • Comisariado: Fernando Castro Flórez

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

  • Colabora: Obra Social “la Caixa”
  • A partir do 6 de outubro de 2020
  • Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes
  • Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/113904

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademaiss das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00 h.
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos teléfonos 986 113900 / 986 113904

Hora

Setembro 17 (Xoves) - Xaneiro 31 (Domingo)

Localización

MARCO

Rúa Príncipe, 54 36202 Vigo

Está pasando!