'Subordinadas, coordinadas, xustapostas'

ven25mar(mar 25)19:00ven10xuñ(xuñ 10)19:00'Subordinadas, coordinadas, xustapostas'ciclo de cine na casa das campás19:00 - (xuño 10) 19:00

Detalles do Evento

Reflexionar sobre o rol das mulleres na historia do cinema e analizar os modelos argumentais a través dos que esta industria abordou unha “suposta feminindade” son dous dos obxectivos do novo ciclo de cine da Vicerreitoría do campus. Baixo o título de ‘Subordinadas, coordinadas, xustapostas’, esta actividade busca tamén por de relevo ás achegas de numerosas profesionais a esta industria a través das once proxeccións que, entre este 25 de marzo e o 10 de xuño, a sede de Vicerreitoría acollerá nas tardes dos venres.

Con entrada libre ata completar aforo, a actividade arranca esta semana coa proxección de Mildred Pierce, un filme dirixido por Michel Curtiz e protagonizado por Joan Crawford.

“Cremos que o relato oficial, parcial e sempre interesado, da historia do cinema carece daqueles capítulos que evidencien a importancia do traballo desenvolvido polas mulleres ao longo de 126 anos”, subliña o programador Suso Novás, coordinador dunha actividade na que as proxeccións, programadas para as 19.00 horas, completaranse cun coloquio.

Once citas nas tardes dos venres

O ciclo dá comezo este venres con ‘Mildred Pierce’ (1945), un filme dirixido por Michel Curtiz, “que reflotou a carreira de Joan Crawford, que gañou o Oscar á mellor actriz”, por a súa interpretación dunha “nai loitadora que intenta desenvolver un rol independente nun mundo de homes”, salienta Nóvas. Á semana seguinte, proxectarase ‘Brave’ (2012), “unha xoia da animación” dirixida por Brenda Chapman, Mark Andrews e Steve Purcell, cunha trama que pon o foco no “empoderamento feminino”. O 8 de abril poderá verse ‘Alicia xa non vive aquí’ (1974), de Martin Scorsese, “un drama de superación que reivindica sobre todo ás actrices dos anos 70”, mentres que o venres 22 poderá verse ‘París 1900’ (1947), de Nicole Vedrès. Programada grazas á colaboración do Instituto Francés do Cinema, trátase “dunha película documental, que radiografía a historia parisina a través da recuperación de imaxes de arquivo e dun guión no que o pensamento poético e a historia van da man”. Á semana seguinte, o venres 29, poderá verse ‘Que o ceo a xulgue’ (1945), de John M. Stahl, un “clásico do cine negro” que proxecta “o reverso feminino”, apunta Novás, do personaxe shakesperiano de Otelo.

Xa en maio, ‘Subordinadas, coordinadas, xustapostas’ continúa o venres 6 coa longametraxe alemá ‘Nove vidas ten o gato’ (1968), de Ula Stöckl, “unha película moi escondida dunha cineasta militante”, que Nóvas defende como un filme “capital para entender a reivindicación da muller na década de 1960”. Á semana seguinte poderá verse ‘Non son ningún anxo’ (1933), de Wesley Ruggles, nunha sesión dirixida a reivindicar á figura de Mae West, que ademais de ser a protagonista “foi tamén a responsable do guión e tivo bastante control de toda a produción da película”, sinala o coordinador do ciclo. A continuación, o venres 20 exhibirase o filme británico ‘Unha xove prometedora’ (2020), “unha das películas do movemento Me Too”, pola que a súa guionista e directora, Emeral Fennell, foi recoñecida co Oscar ao mellor guión orixinal. Por último, maio pecharase do western ‘O rastro da pantera’ (1954), de William A. Wellman, “un melodrama familiar onde o personaxe negativo é a figura da nai, que ‘devora’ os seus fillos”, explica.

Por último, a programación completarase con dúas proxeccións o 3 de 10 de xuño. A primeira estará centrada en ‘Aceiro azul’ (1990), de Kathryn Bigelow, “un filme policíaco dirixido por unha muller e protagonizado por unha muller, Jamie Lee Curtis, onde se cuestionan moitos roles”. A última sesión estará dedicada a ‘Harold e Maude’ (1971), unha longametraxe de Hal Ashby, coa que se busca afondar na idea argumental da “muller curadora”, así como pór de relevo o traballo da súa actriz protagonista, Ruth Gordon.

Hora

Marzo 25 (Venres) 19:00 - Xuño 10 (Venres) 19:00

Está pasando!