Tramontana en concerto na Igrexa de Santa Baia

xov06xul21:00xov23:50Tramontana en concerto na Igrexa de Santa Baia'Música no ar'21:00 - 23:50 Concello de Mos - Mos

Detalles do Evento

Dentro do ciclo ‘Música no ar’ da Deputación de Pontevedra, Tramontana ofrecerá un concerto no exterior da Igrexa de Santa Baia (Mos).

Desde a fundación de Tramontana en 2017 en Berna (Suíza), Aurora Pajón (frauta), Alejandra Martín (viola) e Mathilde Bernard (arpa) perseguen unha dirección artística común: crear espectáculos nos que a música se atopa e combina con diferentes elementos artísticos.

Deste xeito, música clásica e contemporánea mestúranse co teatro, a poesía, a escenografía ou as artes visuais. A decisión de integrar todos estes elementos non só é estética, senón que permite expresar e transmitir as conviccións do grupo, que quere darlle ao seu público novas ideas e algo no que seguir a pensar unha vez fóra da sala de concerto.

Tramontana conmove, inspira, fai reflexionar e, sobre todo, nunca deixa indiferente a quen escoita.


‘MÚSICA NO AR’

Pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos, espazos protexidos cheos de maxia e historia… e a mellor música de cámara nunhas experiencias únicas!

Co fin de promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todas e todos, alén de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, naceu ‘Música no ar’, unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra achegou a música clásica a todo o territorio.

Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios desde o clásico ao contemporáneo deleitaron a público de todas as idades ao longo da nosa cartografía provincial. Catro edicións despois, ‘Música no ar’ seguirá a apoiar a renovación deste programa que tan bos momentos nos fixo sentir, e aposta por unha nova tempada onde a música instrumental, a voz e a danza volverán xerar sinerxías en perfecta simbiose co patrimonio.

Este 2023 aposta pola accesibilidade e inclusión para que todas e todos poidan gozar a experiencia da música clásica!

Que soe de novo a música no ar!

  • Castelo de Soutomaior, Castelo de Sobroso e Pazo de Quinteiro da Cruz: inscrición previa en participa.cultura@depo.es
  • O resto: entrada libre ata completar aforo

UNHA APOSTA POLA DEMOCRATIZACIÓN DA MÚSICA CLÁSICA

EXPERIENCIAS ÚNICAS

Ademais, este ano propoñemos como novidade a celebración de 2 ou 3 concertos que inclúen dispositivos tecnolóxicos que lles permitan ás persoas xordas ou con dificultades auditivas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo. Tamén incluímos algunha proposta especial, que mestura música e danza, música e voz e… curiosamente, música e silencio, a un mesmo tempo, permitíndolle ao público experimentar a música desde todos os sentidos, e sentir o lugar dun xeito diferente.

MÚSICA ACCESIBLE E INCLUSIVA

E, na aposta por dar visibilidade a profesionais do noso territorio cuxo talento é recoñecido en moitos lugares máis alá da nosa fronteira, engadimos intérpretes, virtuosas e virtuosos da nosa terra, ensembles moi recoñecidos, e proxectos das grandes orquestras da provincia, e facemos fincapé no protagonismo das mulleres, nunha selección a prol da igualdade un ano máis.

A maiores do concerto de Soutomaior, que xa incorpora auriculares que poden graduar o volume (o que facilita a experiencia para as persoas con déficit de audición), propoñemos este ano como novidade incorporar en 2 ou 3 concertos do ciclo (escolleranse aqueles que poidan funcionar mellor polas súas característica acústicas) mochilas vibratorias para facer da música unha experiencia accesible, convidar a algunha asociación de persoas con discapacidade auditiva, e, con algúns exemplares en aluguer, contar cun técnico especialista que explique ao comezo, brevemente, en que consiste esta tecnoloxía.

MOCHILAS VIBRATORIAS (4 ou 5 unidades)

É un sistema de vibración dentro dunha mochila que se lle pon a unha persoa. A mochila vibrará coas frecuencias graves e subgraves do son que estean a recibir. O sistema inclúe un transmisor FM conectado ao audio que se queira transmitir para enviarlle o sinal a cada mochila sen necesidade de fíos. Estase probando en experiencias de teatro, música e cinema, como medio para facer accesible a cultura a persoas con discapacidade auditiva.

Hora

(Xoves) 21:00 - 23:50

Localización

Concello de Mos

Está pasando!