VII Xornada de Onomástica Galega en Pontevedra

sáb15out10:00VII Xornada de Onomástica Galega en Pontevedra‘A onomástica literaria’10:00 Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Como se escollen os nomes para as protagonistas de novelas ou por que se usan determinados topónimos na poesía? Esas serán algunhas das cuestións que se abordarán o vindeiro 15 de outubro na VII Xornada de Onomástica Galega, unha cita que reunirá no Museo de Pontevedra a especialistas con olladas dende a literatura medieval á moderna baixo o título ‘A onomástica literaria’.

Así, poranse sobre a mesa nomes de persoa como a Maxina de Marcial Valladares, a Maxa de Xohana Torres, o Adrián Solovio de Otero Pedrayo ou o Balbino de Neira Vilas; topónimos reais como o Bastavales, Laíño e o Lestrove de Rosalía, os do Courel de Novoneyra e outros entre a realidade e a ficción como as Terras de Miranda de Cunqueiro como algúns exemplos da fecunda pegada da onomástica nas letras galegas.

O programa

O programa arrincará o sábado 15 de outubro ás 10:30 horas con catro intervencións de persoas investigadoras. Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, centrarase na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

Na literatura medieval centraranse deseguido Bieito Arias Freixedo (Uvigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.

Xa pola tarde, Berta Dávila, a académica Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda conducida pola académica Marilar Aleixandre na que compartirán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Pechará a xornada Xosé María Álvarez Cáccamo cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos.

As persoas interesadas en inscribirse na VII Xornada de Onomástica Galega poden facelo antes do 12 de outubro escribindo un correo electrónico a publicacions@academia.gal no que figuren o seu nome completo, o DNI e un número de teléfono. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. O encontro poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal.

Dez traballos sobre a onomástica nas rutas xacobeas

As achegas da VII Xornada de Onomástica serán ademais recollidas posteriormente, como é costume, nunha publicación en papel e versión dixital. O que é ata o momento o último volume da serie recolle os traballos das persoas que interviñeron no encontro do ano pasado, dedicado aos nomes dos lugares que atravesa o Camiño de Santiago, dez especialistas que afondaron na toponimia das rutas xacobeas e na pegada do haxiónimo Santiago nos nomes de lugar, nos propios e mais nos apelidos, cadrando coa celebración do Ano Santo Compostelán.

‘Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago’ arrinca co percorrido de Anselmo López Carreira, historiador da Galicia medieval, sobre a evolución semántica dos nomes Galicia e España desde a época romana e ao longo da Idade Media.

O filólogo José María Anguita presenta deseguido un minucioso estudo que permite recoñecer as formas que designan algunhas cidades hispanas conquistadas por Carlomago recollidas nun dos libros do Códice Calixtino, o Pseudo-Turpín, e achega argumentos que reforzan a teoría do académico electo Gonzalo Navaza que propón que a orixe do topónimo A Coruña, Crunia, estaría nunha mala tradución de Cauria.  Sandra Beis examina a fértil descendencia de Iacobus en nomes, apelidos e topónimos peninsulares e Pilar Cagiao, especialista en historia de América, segue a propagación do nome do apóstolo na toponimia na colonización americana desde as viaxes de Colón.

No apartado das experiencias didácticas, Mª Carmen Linares e Luciano Fernández Martínez presentan dous proxectos desenvolvidos no CEIP Agro do Muíño e do IES do Milladoiro, no Concello de Ames, por onde discorre o Camiño Portugués, o de Fisterra-Muxía e mais un terceiro que se pretende revitalizar, o da Ría de Muros-Noia.

O volume remata coas intervencións e o debate da mesa redonda sobre os nomes de lugares no Camiño que lle puxo o ramo á xornada, na que se quixo tratar a toponimia das rutas xacobeas como elo vertebrador dos estudos toponímicos en Europa. Para isto contouse coa participación da antropóloga Cristina Sánchez-Carretero, especialista en xestión do patrimonio; Eduardo López Pereira, doutor en Filoloxía Clásica e membro da Academia Xacobea; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e o académico electo Gonzalo Navaza.


Hora

(Sábado) 10:00

Localización

Museo de Pontevedra

Está pasando!