© Museo de Pontevedra

This is a repeating event

Visita comentada á exposición 'Origami. De papel a obra de arte'

xov25nov20:00Visita comentada á exposición 'Origami. De papel a obra de arte'MUSEO DE PONTEVEDRA20:00 Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Visita comentada á exposición ‘Origami. De papel a obra de arte’, na que poderedes coñecer as distintas técnicas e modalidades da papiroflexia (esencial, orgánica, hiperrealista, escultórica, xeométrica…) a través de esculturas realizadas nun só papel, sen cortes nin pegamentos.

Todos os xoves ás 18:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Sen inscrición previa.

A exposición

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle dende o xoves 4 de novembro ata o 23 de xaneiro a mostra ‘Origami, de papel a obra de arte’, unha exposición que pretende facer un percorrido por todas as modalidades que existen do origami, a arte do pregado do papel onde non cabe a posibilidade de cortes nin pegamentos.

A mostra é unha selección de figuras da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), un dos poucos museos de papiroflexia que existen no mundo e o único na súa categoría como museo de autor, o que quere dicir que só amosa modelos creados e pregados polas persoas autoras, motivo que o diferencia cos existentes en Xapón e Corea, que son coleccións de modelos expostos en forma de dioramas. Actualmente a EMOZ conta con máis de 5.000 obras orixinais das persoas creadoras máis importantes internacionalmente.

A exposición parte dunha proposta histórica onde se desvelan os inicios do origami tanto no mundo como en España, onde a máxima relevancia recae no Grupo Zaragozano de Papiroflexia fundado en 1944, convertíndoo no primeiro grupo de persoas que se reúnen arredor do pregado do papel no mundo, e salientando a figura dun dos máximos expoñentes en España, Miguel de Unamuno.

© Museo de Pontevedra

A mostra estará dividida en varias zonas, unha primeira de ‘Introdución’ na que se fala da habilidade de dar a un anaco de papel, dobrándoo convenientemente segundo a forma de determinados seres ou obxectos, vendo como ao pregado utilitario se lle foron engadindo outros usos: cerimonial, recreativo, xeométrico, matemático, educativo, artístico etc.

A parte do ‘Origami elemental’ inclúe todos os modelos da papiroflexia tradicional, entendida como o patrimonio origamístico anterior ao século XX, caracterizado por empregar un mínimo de recursos fléxicos, xeralmente pregaduras fixas, fáciles de realizar e de lembrar e que se poden completar en poucos minutos. Unha terceira zona está dedicada ao ‘Origami esencial’, un estilo que naceu a mediados do século XX a partir da obra de Akira Yoshizawa, cun modo de traballar o papel co que o artista trata de expresar unha emoción a través do pregado.

O cuarto apartado, de ‘Origami orgánico’, é o que permitirá ver modelos que seguen os patróns da bioloxía e tamén da xeoloxía, unha tendencia inicidada polo CRIMP, centro francés de investigación liderado polo artista Vincent Floderer. No pregado orgánico rexéitanse os valores ortodoxos da simetría e da xeometría clásicas para conseguir, mediante o que se coñece como ‘froissage’, ou engurrado, que os modelos aludan, ás veces con precisión, ás veces vagamente, a texturas propias de formas xeolóxicas ou biolóxicas.

Unha quinta sección é a do ‘Origami hiperrealista’, grazas ao que cun deseño, cun plan e cunha meta preconcibidos e levando o papel aos seus límites fléxicos e xeométricos, búscase o máximo realismo e o detallismo exhaustivo; todo iso, na medida do posible, sen sacrificar a expresividade. Un dos campos preferidos desta tendencia é o pregado de figuras con forma de insectos, animais pequenos ou plantas, co obxectivo de que se puidesen confundir cun animal ou con vexetais  reais.

Na zona do ‘Origami escultórico’ veranse pezas nas que o papel exprésase volumetricamente grazas a un coñecemento preciso das súas características e das súas propiedades para manter formas e volumes por medio de arredondamentos e contraarredondeamentos, pregaduras e contrapregaduras e todo coa máxima de “só pregar”.

No ‘Origami xeométrico’, pola súa parte, haberá pezas modulares obtidas mediante procedementos de pregado fixos e repetitivos que, repetidas, a modo de ladrillos, e convenientemente ensambladas, forman un todo: o modelo buscado. O apartado do ‘Origami teselado’ amosará creacións nas que unha estudada, precisa, laboriosa e intricada serie de pregaduras monte e val transforman o plano bidimensional nunha estrutura tridimensional.

Finalmente, haberá un apartado de ‘Non origami’ ou metaorigami no que se inclúen obxectos de papel tratados de forma heterodoxa (desde o punto de vista do origami) e tamén outros materiais distintos do papel, pero susceptibles de recibir algunha forma de traballo similar: tea, cartón, metal…

Obradoiros

Para completar a exposición, o Museo vai organizar obradoiros de papiroflexia para público de 5 a 90 anos -sendo preciso que a cativada menor de sete anos veña acompañada dunha persoa adulta-. Os días nos que haberá obradoiro serán os sábados 6 e 20 de novembro, e o 11 de decembro, mentres que no Nadal haberá sesións os días 28, 29 e 30 de decembro. Haberá un máximo de 20 participantes por sesión e o horario será de 11.30 a 13.00 horas. É precisa inscrición previa en reservas.museo@depo.gal.


Hora

(Xoves) 20:00

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!