Por mor das previsións meteorolóxicas do luns, a celebración do Día Europeo da Música adíase ao día seguinte, o martes 22 de xuño

19 Xuño 2021

Aproveitando que xa case chegou o verán, a Deputación de Pontevedrá propón dous concertos de música na rúa dirixidos especialmente á xente máis nova, a que está en contacto directo coa música e quizais a que máis está a sufrir a falta de concertos e festivais.

En Pontevedra o Brais das Hortas e Peter Punk farán que as nenas e os nenos gocen desde o punto rebelde do punk, co seu Concerto Punk Infantil, mentres que en Vigo a banda The Mirror Music será a encargada de facer vibrar a xuventude, cunha mestura de soul, funk e rock.


Concerto Punk Infantil | Deputación de Pontevedra

CONCERTO PUNK INFANTIL

Martes 22 de xuño, ás 18:00 h. | Exterior do Pazo provincial, Pontevedra

Capacidade limitada. É necesario reservar previamente en participa.cultura@depo.gal, indicando nomes completos e teléfono. Máximo 4 reservas.

Dirixido a público infantil (convidaríase alumnado dun par de colexios da cidade)

O Concerto Punk Infantil é un concerto pensado para público familiar; está composto por nove temas orixinais en galego con temática infantil pero co punto rebelde do punk. A idea xorde pensando en crear unha nova proposta no mundo da música infantil galega.

Un cantante punk e un cantante infantil condenados a compartir escenario acaban creando un delirio musical chamado “Concerto Punk Infantil”. Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo, progresivamente, nun espazo común que dá como resultado este espectáculo didáctico musical e de clown para todos os públicos, no que está presente o concepto punk máis alá dos aspectos máis superficiais, vencellado ás inquedanzas das cativas e dos cativos.

No Concerto Punk Infantil únense o músico Brais Gutiérrez e o clown Isaac Rodríguez.


The Mirror Music | Deputación de Pontevedra

THE MIRROR MUSIC

Martes 22 de xuño, ás 20:00 h. | Exterior da Sede de Vigo

Capacidade limitada. É necesario reservar previamente en participa.cultura@depo.gal,  indicando nomes completos e teléfono. Máximo 4 reservas.

Grupo soul, funk e rock de Vigo. Público mozo e adulto.

The Mirror é unha banda viguesa fundada en 2018 froito da unión de varios músicos de proxectos diferentes con longas traxectorias no mundo da música e que decidiron poñerse a traballar xuntos cun claro obxectivo: crear unha banda de temas propios con influencias do rock, o funk e o soul. Así, Tania Rodríguez (vocalista), Alejandro Vasconcellos (vocalista e guitarrista), Óscar Román (baterista), Gorio Álvarez (baixista, substituído na actualidade por Mikel Román) e Pablo Doallo (guitarrista, actualmente Rubén Carrera) formaron unha banda que lles permitiría levar as súas propias creacións musicais aos escenarios.

Neste breve pero intenso período de tempo comezaron a asomar a cabeza pola escena musical miñorana e viguesa e a participar en festivais coma o Solpor de Monteferro, o Mercado da Música da Guarda ou o Sons do Casco de Baiona. Conseguen mesturar as súas diferentes influencias musicais neste grupo galego, cunha perfecta combinación entre soul, funk e rock.

Integrantes: Tania Rodríguez (vocalista), Alejandro Vasconcellos (vocalista e guitarrista), Óscar Román (baterista), Mikel Román (baixista) e Rubén Carrera (guitarrista).


Está pasando!