Presentación do reto “Unha semaniña enteira” | Concello de Redondela

O Concello de Redondela súmase ao reto “Unha semaniña enteira” para promover o uso do galego entre a mocidade

20 Febreiro 2026

  • Centros de ensino, Anpas, clubs deportivos, asociacións, comercio e bibliotecas, entre outros colectivos, súmanse ao reto “Unha semaniña enteira” para promover o uso do galego entre a mocidade na semana que celebramos o Día de Rosalía.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, presentou a campaña no IES Chapela xunto con membros de centros de ensino participantes, a Asociación de Empresas, clubs e Escola de Música de Chapela.
  • A programación contará con teatro, concertos, conferencias e charlas para a promoción da lingua galega.

O IES Chapela acolleu esta mañá a presentación dos actos vencellados á celebración do Día de Rosalía. Un ano máis ponse en marcha o reto “Unha semaniña enteira”, unha iniciativa impulsada polos institutos de Redondela á que se suma o Concello de Redondela e cada vez máis sectores da sociedade.

Este reto promove o uso do galego oral durante as 24 horas do día, os sete días da semana, do 20 ao 27 de febreiro. Participa toda a comunidade educativa do municipio, tanto centros de Infantil como de Primaria e Secundaria.

Para arroupar esta campaña o Concello distribuirá 3.500 chapas feitas pola Asociación Lenda de Saúde Mental, colectivo ao que Rivas agradeceu “a súa implicación dende o inicio e o seu compromiso co idioma”.

Como en edicións anteriores é tamén moi significativa a participación dos clubs deportivos, que promoverán o uso do galego oral para darlle continuidade á campaña “xa que moitos alumnos e alumnas practican algún deporte nos equipos locais”.

A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que desde o Concello o obxectivo foi sempre implicar nesta campaña a distintos sectores da sociedade. Nesta ocasión deuse un impulso ao galego no comercio, coa colaboración da Asociación de Empresas. Repartiranse 1.000 bolsas de papel co logo de Rosalía destinadas aos establecementos de Chapela, e tamén marcapáxinas e unha camelia.

Durante toda a semana, a hostalaría participante ofrecerá pratos relacionados con Rosalía, a súa obra ou inspirados na súa literatura. Os comensais que acudan a estes establecementos poderán optar a un sorteo do libro “Rosalía e a cociña”.

Rivas agradeceu a implicación de todos os colectivos neste reto “par fomentar entre todos e todas o uso do galego entre a infancia e a mocidade”.

Programa de actividades:

Luns 23, Día de Rosalía

Na hora de entrada, o CEIP Reboreda recibirá ao alumnado coa música da “Alborada de Rosalía”, unha das inicitivas promovidas pola Fundación Rosalía.

Ás 10 e até ás 12h, conferencia sobre Rosalía no CEIP Outeiro das Penas.

Ás 10h, no CEIP Reboreda: actividade “Dende Rosalía” (teatro infantil sobre Rosalía).

Ás 12h, no CEIP Igrexa Chapela: actividade “Dende Rosalía”.

Ás 17h, encontro de estranxeiras galegofalantes co alumnado no IES Mendiño.

Martes 24

Dende as 10 até as 12h conferencias sobre toponimia e Rosalía no IES Chapela

Ás 10h, no CEIP Outeiro das Penas: actividade “Dende Rosalía”

Ás 11h, actividade coordinada por Bibliotecas con Afaga Alzheimer e o CEIP Igrexa

Ás 12h, no CEIP Porto Cabeiro: actividade “Dende Rosalía”

A partir das 12:30 no IES Mendiño encontro de estranxeiras galegofalantes co alumnado

Mércores 25

De 10 a 11:30 conferencias sobre Rosalía, no CEP Santa Mariña

Ás 11h, actividade coordinada por Bibliotecas con Afaga Alzheimer e o CEIP Reboreda

Xoves 26

Ás 18h, concerto dedicado a Rosalía pola Escola de Música de Chapela

Ás 20h, conferencia na libraría Rosalía e Compañía de Redondela

Venres 27

Ás 10h no EEI A Marisma: actividade “Dende Rosalía”

Ás 12h no CEIP Quintela: actividade “Dende Rosalía”

Está pasando!