O Museo de Pontevedra organiza unha mesa redonda sobre “A revista Nós: a romaría das palabras”

26 Outubro 2020

O mércores 28 de outubro ás 19:30 na área de cristal do Sexto Edificio vai ter lugar a mesa redonda “A revista Nós: a romaría das palabras”. É unha das actividades que realizará o Museo lembrando a emblemática revista ilustrada ideada en Pontevedra e publicada por primeira vez en Ourense o 30 de outubro de 1920.

Polas limitacións actuais só poderán asistir 30 persoas que deberán inscribirse previamente no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es (de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30).

Participan o deseñador Pepe Barro que estudou a composición e a imaxe comunicativa e publicou o libro “Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza”; o doutor en filoloxía e profesor Emilio Xosé Insua, autor, entre outros, do libro “A nosa Terra é Nosa! A xeira das Irmandades da fala (1916-1931)” sobre a xeración de 1916; a profesora Patricia Arias Chachero, editora de parte do epistolario de Ramón Otero Pedrayo (“Cartas a nai”) e das súas memorias (“Lembranzas do meu vivir”) en dous tomos; e Miguel Anxo Seixas Seoane, autor do libro “Castelao, construtor da nacion”, do que acaba de saír o tomo 2.

Está pasando!