Volve o teatro con “Prendendo butacas”

30 Xullo 2020

“Prendendo butacas”, enmarcado na programación “Re-Acción cultural”, ofrecerá dez actuacións noutros tantos concellos entre outubro e decembro, a cargo de compañías profesionais da provincia.

A desbordante acollida da cidadanía á aposta da Deputación de Pontevedra pola reactivación cultural ao longo de todo o territorio da provincia acaba de amosar, como destacou a presidenta, Carmela Silva, que a institución “está acertando coa súa amplísima programación para este segundo semestre”.

Carmela Silva deu a coñecer tamén os contidos da iniciativa coa que a Deputación recupera o teatro trala COVID-19 para achegalo a todas as comarcas da provincia “e a concellos de todas as cores políticas, sempre co criterio de que os recursos cheguen a todos os veciños e veciñas, sen importar por quen estean gobernados”. Deste xeito,

Deste xeito, Vila de Cruces (comarca de Deza) acollerá a actuación de Educa Teatro, coa función “Carapuchiña vermella”, mentres que A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) será escenario da proposta de Butaca Zero titulada “Camiños”. Doutra banda, A Feroz porá en escena “Afterparty” en Cuntis (Caldas); A Panadaría a obra “Elisa e Marcela” na Illa de Arousa (O Salnés); Viravolta Títeres ofrecerá “Todos ao balcón” en Moaña (O Morrazo); Tanxarina Títeres “A galiña azul” en Vilaboa (Pontevedra); Ibuprofeno Teatro amosará “O mel non caduca” en Mos (Vigo); Isabel Blanco, Silvia Penas e Mariana Carballal ofrecerán “Literarias” en Oia (Baixo Miño); Baobab Teatro levará “Mai Mai” a Mondariz (O Condado) e, por último, Coperactiva ofrecerá o espectáculo “Rosalía” na Cañiza (A Paradanta).

A presidenta destacou que as obras que protagonizarán estas compañías abordan temas como “o medio ambiente, a igualdade ou a diversidade”, de xeito que se achegará “teatro con valores, porque o teatro ten unha enorme capacidade de transformación”. Os espectáculos abordan diferentes formatos como a performance, a lectura dramatizada, o musical ou o teatro de monicreques e algunhas das propostas están dirixidas de xeito especial ao público infantil. “Non faltarán o humor, a transgresión e, sobre todo, a creatividade destas compañías”, destacou Carmela Silva. A Deputación, como explicou a presidenta da institución provincial, ten elaborado un protocolo cunha serie de recomendacións de aplicación para todos os eventos culturais que realizará nas comarcas.

Está pasando!