Esta semana cúmprese un ano dende que se abriron as cabinas literarias, e a avaliación desde o Concello de Redondela é moi positiva. Tanto pola cantidade de libros que se ofrecen, e que amosan a participación da veciñanza, como pola proximidade da cultura escrita a todos os públicos gañando espazos nas rúas e prazas.
O Servizo de Normalización Lingüística, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, felicita tamén á veciñanza de todas as idades “polo seu respecto e civismo”. Despois dun ano as cabinas locen en perfecto estado, e non se teñen rexistrado pintadas, nin roturas, polo que Rivas fala “dun gran exemplo para todas e todos nós, e tamén para toda Galicia”.
As cabinas literarias de Redondela son froito dun proxecto que naceu en marzo do ano pasado para darlle “uha nova vida” as cabinas telefónicas en desuso. A día de hoxe seguen a formar parte do mobiliario urbano reconvertidas en pequenas bibliotecas para uso da veciñanza e visitantes. Os seus andeis contan con ducias de libros doados pola veciñanza e volumes editados polo Concello sobre as súas parroquias.
A alcaldesa sinala que neste ano “a cantidade de libros multiplicouse grazas ás doazóns da cidadanía” e hai de todo tipo: novelas, contos infantís, literatura xuvenil ou libros de historia, entre outros, ademais de exemplares que o Concello edita sobre Redondela. A acollida destas cabinas literarias “superou todas as expectativas” e cumpriuse co obxectivo de promover a lectura.
As cabinas están instaladas na Fonte de Santiago, Praza da Constitución e Praza de Ponteareas, en Redondela, e tamén na Av. de Redondela de Chapela.
A Festa da Ostra de Arcade constitúe unha cita imprescindible no calendario gastronómico de Galicia. Esta parroquia do municipio de Soutomaior dálle a benvida a unha marea de visitantes a primeira fin de semana de abril para degustar este exquisito bivalvo.
Esta celebración naceu en 1987 a iniciativa do sector ostreícola de Arcade, pioneiro na comercialización e exportación deste molusco. Abril é o mellor mes para a degustación da chamada trufa do mar ou perla dos mariscos, por iso se elixiu para a súa exaltación. A súa talla comercial, de entre 6 e 7 centímetros, conséguese en menos de 24 meses.
A cría e o consumo da ostra atesouran unha longa tradición na ría de Vigo. Existe constancia de que a poboación castrexa colleitaba este bivalvo, e o seu cultivo remóntase á época dos romanos. As dinastías dos Austrias e dos Borbóns apreciaban a calidade deste manxar, que era transportado á Corte do Reino en escabeche dentro de pequenos barrís de madeira; e que, xa no século XIX, se comercializaba en Europa.
A XXXVI edición da Festa da Ostra terá lugar os días 5, 6 e 7 de abril, cunha ampla e variada programación que se desenvolverá no Peirao de Arcade.
O venres 5 ás 12.00 horas, os asistentes poderán asistir á entrega do galardón á ostreira Isabel Seoane Amoedo. Xa pola tarde, ás 20.00 horas gozar coa animación da charanga A cabeza non para, e desde as 22.30 horas coa música das orquestras Origen e Marbella.
O sábado 6 a partir das 11.00 horas haberá pasarrúas e animación a cargo da charanga Fanfarria Furruxa, desde o centro urbano ata o Peirao. Ás 12.00 horas terá lugar a apertura das casetas de degustación.
Ás 20.00 horas Mekanika Rolling Band será o encargado de animar as rúas de Arcade e ás 22.30 horas comezarán a animación musical coan América de Vigo e La Fórmula. Ás 00.00 horas dará comezo a tradicional tirada de foguetes de arteficio.
A xornada do domingo 7 comezará ás 10.00 horas na rúa do Calvario, cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Arcade e a Banda Cultural de Arcade, e que rematará no Peirao. Ás 11.00 horas terá lugar a apertura das casetas de degustación.
Ás 13.00 horas terá lugar á lectura do pregón, que este ano estará a cargo do escritor e profesor Manuel Lourenzo González. Pola tarde, ás 18.30 horas, os asistentes poderán gozar coa actuación musical de Cantanascroas.
Tres restaurantes locais prepararán as racións a base de mexillón, choco e ameixas xapónica e cornicha mantendo os prezos do ano pasado
O alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, presentaron o pasado venres o programa da Festa do Mar de Vilaboa, que este ano se consolida na súa terceira edición.
A promoción gastronómica irá ligada a un potente programa musical e mesmo actividades infantís xa que se trata dun evento para gozar en familia coa Banda de Gaitas e Baile Aires de Cobres, Fanfarria Taquekardia e Os Bregadiers.
De xeito consensuado coas mariscadoras e bateeiras, a Festa do Mar de Vilaboa celebrarase este ano os días 13 e 14 de abril, datas nas que “a ameixa e o mexillón están no mellor momento para o consumo”, explicou Carmen Gallego, que agradeceu tamén a colaboración dos restaurantes (A Casa de Rosa de Mazaroca, Casa Aurelia, A Garboa e Panadería Pastelería Os Laranxos), na elaboración das tapas que se servirán, e que manteñen os mesmos prezos do ano pasado (6 euros para a ameixa, 5 para o choco e 3,5 o mexillón). No recinto da carpa, instalada á beira do porto, estará tamén bar Chancho, completando a oferta gastronómica.
Producirase unha maridaxe dos produtos do mar cos viños da IXP Ribeiras do Morrazo, que estarán representados polas adegas Os Areeiros e Ardán.
Entre os produtos a degustar a cornicha é a principal novidade deste ano e prestarase a novidosas presentacións. As datas elexidas este ano para a celebración da Festa do Mar coinciden precisamente coas mareas vivas, que favorecen o traballo de mariñeiros e mariscadoras.
A Festa contará tamén cunha cata na que o xurado estará integrado por bateeiras e mariscadoras que outorgarán tres premios ao sabor, á innovación e á presentación.
Tanto César Poza como Carmen Gallego apostan por esta Festa como un evento para poñer en valor todo o que o mar de Vilaboa pode aportar á gastronomía galega e convidan á veciñanza da contorna a achegarse a gozar do programa das dúas xornadas festivas.
Estudo Momento porá en escena o sábado 13 de abril, no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra, unha versión rompedora e sexy do clásico de August Strindberg, un dos textos máis polémicos da historia. Para os amantes do thriller psicolóxico e do cine negro.
Protagonizada por Iria Ares e Xoán C. Mejuto, a peza teatral ‘1888. Señorita Xulia’ está considerado pola Revista GODOT como un dos mellores 7 espectáculos de 2022 da carteleira madrileña.
A señorita Xulia aparece morta na cociña da casa do seu pai, o Conde. Todo apunta a que se suicidou cunha navalla de afeitar que pertencía a Xoán, criado predilecto da casa. Durante o interrogatorio, Xoán convértese en sospeitoso de asesinato ao desvelarse que el e a señorita compartiron bebida e confidencias, e incluso, chegaron a consumar un acto sexual consentido e incitado pola propia señorita.
Os feitos, sucederon durante a máxica e sensual Noite de San Xoán. O criado, única testemuña, non pode explicar por que ten as mans e a roupa totalmente cubertas de sangue…
‘1888. Señorita Xulia’ obtivo varias distinción nas mellores webs especializadas de teatro en Madrid, entre elas, o galardón ao Espectáculo Máis Valorado pola plataforma, Madrid es Teatro.
Tras o éxito de ‘1879. Casa de Bonecas’, Premio Luísa Villalta pola Igualdade en 2018, Estudo Momento volve demostrar o seu compromiso co feminismo, rescatando un clásico para seguir afondando na ardua tarefa de construír un futuro mellor, no que as mulleres sexan quen de pensar e vivir por elas mesmas.
Entradas anticipadas á venda dende 18 euros en Ataquilla.com
Dende que no ano 2004 o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, creara un ciclo de concertos no que se potenciaba aos novos valores do jazz galego chamado Jazz no Principal, este formato foi un dos principais responsables da boa saude que amosa o jazz no noso país.
Para esta ocasión o ciclo contará con dúas figuras tanto na sua faceta interpretativa coma docente. O batería catalán Joan Terol e o saxofonista vasco Gorka Benítez, todo uns referentes do jazz actual que se fai na península ibérica.
Como sempre estes artistas estarán acompañados dos novos valores do jazz galego, nus concertos únicos, que se celebrarán ás 21:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra.
SÁBADO 6 DE ABRIL
Joan Terol & SPJ-Group
- Joan Terol: batería
- Alberto Rodríguez: saxo tenor
- Javier Abraldes: guitarra
- Daniel Corral: piano
- Paco Charlín: contrabaixo
SÁBADO 20 DE ABRIL
Gorka Benítez & SPJ-Group
- Gorka Benítez: saxo tenor
- Helena Pardo: voz
- Luis Felipe Fernández: saxo alto
- Fernando Blanco: guitarra
- Mauro Tissone: guitarra
- Jorge Ruiloba: piano
- Lolo Martínez: tuba
- Alberto López: batería
Venda de entradas anticipadas para cada concerto ao prezo de 3 euros en Ataquilla.com e, o mesmo día, na billeteira do Teatro Principal 1 horas antes do concerto.
Os obradoiros terán lugar no local do SPJ (Rúa Alfonso XIII, 7 Pontevedra), en horario de 11:00 a 14:00 horas.
- Sábado 6 de abril: Joan Terol
- Sábado 20 de abril: Gorka Benítez
Entrada libre. Entregarase diploma acreditativo.
- A medida adoptada de xeito provisional mentres non se executa a reforma necesaria, ofrecerá xa a posibilidade de que estas persoas acudan acompañadas aos espectáculos que inicien a venda de entradas a partir de agora no Pazo da Cultura
- O espectáculo de danza contemporánea e flamenco ‘Mariana’ de La Phármaco, que terá lugar o 12 de abril ás 20.30 horas no Pazo, ten xa activa a venda de entradas con esta novidade
O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez traballa a través do Servizo de Infraestruturas Culturais, responsable do Pazo da Cultura e Teatro Principal, na reestruturación ou creación de espazos para cadeiras de rodas que permitan ás persoas con mobilidade reducida gozar da programación acompañadas. Para a implementación deste novo servizo, será preciso modificar a estrutura actual e é probable que a execución se demore uns meses. Mentres, e de xeito provisional, os espectáculos que activen a venda a partir de agora no Pazo da Cultura, permitirán o acceso de 3 cadeiras de rodas con acompañante ubicado diante e unha cuarta que tería acompañante ao lado.
O primeiro espectáculo en gozar desta mellora será ‘Mariana’ de La Phármaco o vindeiro 12 de abril ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. As entradas están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de 8 euros + gastos (reducido a 4 euros + gastos para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos).
‘Mariana’ é unha obra onde o flamenco primitivo e a danza contemporánea lánzanse á area, como animais de especies distintas que comparten a celebración e a miseria. Como nos cantes de besana, de arar ou nas marianas (cantes primitivos flamencos que aparecen na obra) os homes do campo protexen, precisan e maltratan ao mesmo tempo os seus animais femia: eguas, mulas, cabras.
Luz Arcas recrea de forma libre a potencia do animal, vestida cos apeiros propios dos animais de carga e exhibición andaluces, e o espazo sonoro viaxa polos cantes jondos camperos, as cornetas das festas populares e as percusións experimentais.
O cante de Bonela Hijo, a guitarra de Bonela Chico, as palmas e zapateados de Carmen Riós, a corneta de Abraham Romero e a percusión de Carlos González alentan e animan a forza produtiva e o corpo de Arcas recrea de forma libre a potencia do animal.
- Os premios recoñecen e visibilizan o traballo destacado a prol da igualdade en distintas esferas sociais: ámbito cultural, empresarial, deportivo e da administración
- O evento terá lugar o sábado 23 de marzo na cidade de Pontevedra
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) traballa incansablemente para promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. Os ‘Premios Mulleres Femupo’ recoñecen e visibilizan o traballo destacado daquelas mulleres e entidades que, desde o seu eido, sexa o cultural, o deportivo, o social ou laboral, traballan a prol da igualdade.
Nesta edición, prémianse catro entidades cuxa dedicación e esforzos foron fundamentais na promoción da igualdade de xénero e na loita contra os estereotipos e barreiras que aínda enfrontan as mulleres. As galardoadas son a empresa Forestalis no ámbito empresarial, o Club Ciclista Farto no ámbito deportivo, o Centro de Información á Muller de Marín e o Estudo Bonobo, nos eidos administrativo e cultural, respectivamente.
Como sinalan desde Femupo, o seu labor promove a igualdade e contribúe á participación activa das mulleres en todos os ámbitos da nosa sociedade.
O acto de entrega dos ‘Premios Mulleres Femupo’ terá lugar o sábado, 23 de marzo, ás 20:30 horas no Bizarro, situado no Club Naval de Pontevedra. As galardoadas recibirán unha figura que representa a provincia de Pontevedra en mans dunha muller.
Estes premios súmanse ao legado das galardoadas en edicións anteriores, como Diana Lameiro Aznar, directora do Centro Lingoreta; o CIM de Mos, as Cantareiras Madialeva, e o Club Waterpolo Pontevedra feminino no 2023; así como Andrea González, o equipo feminino do Clube de Rugby Coreti, o Centro de Información á Muller de Sanxenxo, e a Cooperativa Ardora no 2022. Todas elas teñen contribuído de maneira significativa a promover un cambio positivo e duradeiro na nosa sociedade.
Esta actividade é posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do Ministerio de Igualdade e do Xacobeo 21-22.
- Fotografía, poesía, narrativa, audiovisual, banda deseñada, música… O conxunto de certames máis popular da Boa Vila abre este 21 de marxo o seu prazo para a recepción de traballos
- O Concello de Pontevedra continúa a colaborar cunha das actividades máis lonxevas do municipio no eido cultural e na promoción do galego, repartindo até 3.750 euros
Con maio xa albiscándose no horizonte, o alumnado de Pontevedra sabe que se aveciña unha nova edición dunha das actividades culturais e educacionais máis lonxevas da cidade: o ‘Ben Veñas Maio’.
O edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, presentou a nova edición desta actividade a prol do uso e impuslo á lingua galega entre a mocidade, que agrupa distintos certames de música, vídeos de Tik Tok e reels de Instagram, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía. O concelleiro estivo acompañado da profesora do IES Luís Seoane, María Xosé Dourado, cuxo departamento exerce este ano como coordinador do ‘Ben Veñas Maio’.
«Falamos dun certame organizado polos distintos equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario de Pontevedra e que chega xa á súa 31ª edición tentando fomentar a creatividade e a creación artística entre o alumnado do noso concello», indicou Gómez. «Está claro que 31 anos non son poucos para un proxecto, son moitísimos, por iso sempre cómpre parabenizar aos distintos equipos e profesorado de lingua galega polo seu labor á hora de mantelo e facelo chegar até aquí».
Desde onte está aberto o prazo para a inscrición e recepción de traballos nas distintas categorías, prazo que rematará o 12 de abril. O Concello de Pontevedra ofrecerá até 3.750 euros en total en premios, e que se entregarán durante o clásico certame musical no Teatro Principal, o vindeiro 12 de maio. Como novidade, este ano realizarase un obradoiro de formación para o alumnado que colabore na mesma organización da gala.
No imaxinario popular da cidade, ‘Ben Veñas Maio’ é unha das actividades de Normalización Lingüística máis exitosos da cidade, ao pasaren centos de participantes polos seus distintos certames durante estas tres décadas.
Se nalgunha categoría as obras non acadan o nivel mínimo esixible, o xurado poderá declarar deserto un ou todos os premios contemplados nas bases. As dotacións económicas dos premios desertos poderán ser empregadas para premiar obras presentadas a calquera categoría dos outros certames.
Pola súa banda, a profesora Dourado quixo agradecer tamén o traballo de todos os centros de ensino á hora de motivar a participación do seu alumnado nos diferentes certames e modalidades de concurso. A mestra de ensino secundario explicou que neste ano non foi ningunha categoría nova, manténdose, iso si, por terceiro consecutivo, o certame de vídeos de Tik-Tok e Reels de Instagram.
O Auditorio Municipal de Lalín converterase o mércores, 3 de abril, en punto informativo de referencia sobre a orientación universitaria e a Formación Profesional acollendo a primeira Feira sectorial destas características que se desenvolve en Lalín.
Unha Feira na que se ofrecerá orientación e asesoramento aos estudantes de cara á elección do seu itinerario formativo, tan necesaria para guiar o seu futuro académico e, consecuentemente, profesional.
Segundo explicou a concelleira de Educación, Begoña Blanco, a feira terá carácter experimental e veremos que se pode mellorar de cara a vindeiras edicións. Pero é importante poder contar con postos informativos de preto dunha vintena de centros universitarios e de FP de toda España que recibirán durante esa xornada a visita de centros escolares lalinenses e da comarca. Cremos que é unha boa iniciativa pola axuda que pode brindar aos estudantes nun momento clave como é o de tomar a decisión de que estudos ao remate da ensinanza obrigatoria.
Na presentación da Feira interviron a concelleira de Educación, Begoña Blanco; a delegada do Reitor da USC para Asuntos de Ensino Medio, Maite Flores; o coordinador de Desarrollo Corporativo da Universidad Intercontinental de la Empresa, Andrés Armada e Ana Mª Gulías Troitiño, do departamento de Orientación do IES Laxeiro.
POSTOS INFORMATIVOS:
- Centro Superior de Hostelería de Galicia
- Universidad Intercontinental de la Empresa
- Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital
- Universidad Europea de Madrid
- Universidad de Santiago de Compostela
- Centro de Estudios Universitarios de Galicia
- AFN Escuela de Pilotos de Aviación
- Universidad de Navarra
- Universidade de Vigo
- Universidad Nebrija
- Escuela Superior Marcelo Macías
- Fuerzas Armadas
- Universidade de A Coruña
- Formación Profesional da Xunta
- Escola de Canteiros de Poio
- Escola de Relacións Laborais de A Coruña
- Universidad CEU San Pablo
- Centro de Formación Profesional IES Laxeiro de Lalín
- Centro de Formación Profesional e Promoción Rural Efa Piñeiral de Arzúa
- UNED Pontevedra
- CESUGA Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia
- Lego´s Segurity Play
HORARIOS DE VISITAS DOS CENTROS:
- 09:30h. IES Aller Ulloa de Lalín
- 10:00h. Scientia Lalín
- 10:30h. IES Laxeiro de Lalín
- 11:00h. IES Monterroso
- 11:30h. IES N.º 1 do Carballiño
- 12:00h. IES Garcia Barros de A Estrada
- 12:30h. IES Lama Quendas de Chantada
- 13:00h. IES Melide
- 13:30 h. IES Camballón de Vila de Cruces
- 14:00 h. IES Pintor Colmeiro de Silleda
Luchi Iglesias e Carlos Quintá presentan na casa unha comedia colorista e vitalista escrita e dirixida por María Peinado
A compañía Paporrubio estrea este venres, 22 de marzo, no Salón Teatro de Lalín ‘E entón, un xardín’, unha produción para público familiar de Luchi Iglesias, con música de Carlos Quintá, escrita e dirixida por María Peinado. Ás 12:00 horas haberá un dobre pase para público escolar e ás 18:00 horas unha función aberta ao público.
‘E entón un xardín’ é unha comedia colorista e vitalista asentada no teatro de marionetas, na plasticidade do teatro de obxectos e na poética da imaxe. Todo envolto nun realismo máxico que contrasta coa veracidade da estética do collage. Neste espectáculo, o xardín convértese nun lugar de celebración e reivindicación. Os vexetais e animais, vertebrados e invertebrados, microscópicos e xigantescos, son os protagonistas dunha historia estrafalaria na que a natureza esperta e loita por non perder os seus dereitos.
Unha comedia disparatada ao servizo da imaxinación das pequenas (e non tanto) para espertar valores como a empatía, a responsabilidade e o respecto: a necesidade dun latir común co mundo natural.
- Elenco: Luchi Iglesias e Carlos Quintá
- Deseño escenografía e personaxes: María Peinado
- Deseño marionetas: Luchi Iglesias e Armindo Salgueiro
- Deseño iluminación: Alberto Quintá, Fran Lareu, María Peinado
- Espazo sonoro: María Peinado e Carlos Quintá
- Composición musical: Carlos Quintá
- Construción escenografía e marionetas: Luchi Iglesias
- Deseño gráfico: María Peinado
- Fotografía e vídeo: Santi García
- Produción: Paporrubio
A compañía Paporrubio naceu en Lalín no ano 2013 da man de Luchi Iglesias. A súa personalidade enredante e argalleira fixo que dende moi novo se interesase polas formas de diversión da xente, o que unido ao seu traballo de actor, titiriteiro e escenógrafo deu como resultado Paporrubio, un proxecto que xira ao redor dos xogos populares e tamén de producións propias como ‘E entón, un xardín’.