O Museo de Pontevedra inaugurou o pasado venres 12 de abril, a exposición ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’. Este proxecto expositivo, concibido especificamente para este museo, aborda unha perspectiva inédita ou pouco explorada ata hoxe: a importancia do arquivo de Berta Cáccamo, entendido desde unha visión complexa e expandida, e as súas conexións directas coa súa pintura e coa súa obra en papel ao longo de toda a súa traxectoria artística. Estará aberta no Edificio Castelao ata o 9 de xuño.

“Todos estes arquivos que van estar ligados e depositados no Museo de Pontevedra serán a base dun fondo traballo que imos desenvolver para seguir ligando o nome de Berta Cáccamo, unha figura fundamental das artes de finais do século XX e XXI, a Pontevedra”, asegurou o vicepresidente, Rafa Domínguez, na visita realizada esta mañá xunto cos medios de comunicación mentres se ultima a montaxe da mostra.

No percorrido tamén participaron o comisario da exposición, Juan de Nieves, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e o representante do Legado de Berta Cáccamo, Xosé María Álvarez Cáccamo, ao que Domínguez lle agradeceu a súa xenerosidade. “O Museo enriquécese con esta achega da que van desfrutar todos os pontevedreses”. Deste xeito, o vicepresidente remarcou que este é un paso máis “para converter a cidade de Pontevedra na capital cultural por excelencia, cunha programación única, que nos está a permitir elevar o Museo de Pontevedra a un nivel nunca antes alcanzado”.



O Legado foi constituído en 2018 por familiares e amigos da artista viguesa, logo do seu prematuro falecemento, co obxectivo de manter viva a súa memoria e difundir a súa obra. Nestes anos organizáronse varias exposicións individuais, coma a do Museo Patio Herreriano de Valladolid, en 2022, publicáronse libros sobre o seu traballo e institucións coma o Museo Reina Sofía e o Banco de España adquiriron obra súa. Deste xeito, a obra da artista viguesa conseguiu o recoñecemento que merece dentro da súa xeración.

‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’ é o colofón deste traballo de posta en valor. É ,ademais, parte dun obxectivo máis ambicioso de preservar a memoria da que foi profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O arquivo da pintora, agora xestionado polo Legado, pasará ao Museo de Pontevedra co fin de que o conserve, ordene e difunda publicamente.

Parte desta documentación que se lle entregará formalmente ao Museo en próximas datas está agora presente na exposición, para que o público poida contemplar as conexións entre os diferentes rexistros presentes no arquivo de Berta Cáccamo e a súa obra pictórica. Nas 15 vitrinas instaladas móstranse 30 cadernos, diarios e libros de artista; fotografías de obras, persoais e de viaxes, e 26 obxectos atopados e levemente manipulados que nos axudan a entender o seu universo estético.


‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’ | © Museo de Pontevedra

Con eses rexistros do arquivo dialogan as arredor de 40 pinturas e máis de 30 debuxos que se exhiben na mostra. Foron creados nas diferentes cidades nas que viviu Cáccamo ao longo dos 33 anos de traxectoria que cobre a exposición, desde mediados dos 80 ata 2018: Vigo, Barcelona, París e Roma. Xunto a un amplo conxunto de obras pertencentes ao Legado Berta Cáccamo, atópase obra cedida para esta exposición polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e as coleccións La Caixa, Banco de España, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Afundación.

Recital e seminario

A exposición complétase cunha programación paralela con dous fitos importantes en maio e xuño. O 3 de maio, Xosé María Álvarez Cáccamo realizará unha lectura pública do seu poema Berta, unha composición longa que en 2019 publicou a editorial Chan da Pólvora e que será presentada e comentada polo comisario, Juan de Nieves.

Xa o 7 de xuño, o Museo reunirá ás e aos directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos. Aquí estarán, entre outros, Manuel Segade, director do Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora de Artium; Javier Hontoria; director de Museo Patio Herreriano; e Eduard Vallès, xefe de coleccións do Museu Nacional d’Art de Catalunya.



Berta Cáccamo

Berta Álvarez Cáccamo (Vigo, 1963 – Vigo, 2018), comezou a súa carreira como artista a mediados da década de 1980. Licenciada en Belas Artes pola Facultade San Jordi de Barcelona, doutorouse nesta facultade e posteriormente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde exerceu a docencia de 1995 a 2013. Gozou de bolsas coma a Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia en 1987 e a de Creación Artística Banesto en Madrid en 1990. Obtivo o segundo premio na XXI Bienal de Pontevedra, co que fixo dunha estancia na Cidade Internacional das Artes en París entre 1990 e 1991. En 1992 e 1993 foi bolseira na Academia de Belas Artes de Roma.

Galerías e centros dedicáronlle preto de 40 exposicións individuais, entre elas “Expansión ensaio”, no CGAC, en 2017, e “Horas felices, un transitar”, no Museo Patio Herreriano de Valladolid, en 2022. Ademais, expuxo de forma individual en espazos de Vigo, A Coruña, Madrid, Baiona, Barcelona, Porto, Palma de Mallorca, Zaragoza, Santiago de Compostela, Palencia, Eivisa, San Sebastián, Cambados e Ferrol. Tamén estivo presente a súa obra en arredor dun cento de exposicións colectivas en Galicia, España, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, Alxeria, Cuba, México, Suíza e Alemaña.

A súa obra gráfica forma parte de varias edicións. Tamén ilustrou libros, entre eles o poemario Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora, 2017), que obtivo o premio ao libro ilustrado na III Gala do Libro Galego (2018). Entre a ducia de premios obtidos na súa carreira, destaca o Premio da Cultura Galega na Sección de Artes Plásticas (Xunta de Galicia, 2017).


O Ateneo Santa Cecilia convoca o Concurso de Relato Curto ‘Marín Conta’ – Letras Galegas 2024, aberto á participación de escolares dos centros de ensino de Marín e atendendo á súa proximidade xeográfica tamén a Placeres.

Poderán participar todos/as os/as alumnos/as que o desexen, cun único texto de creación literaria en lingua galega cunha extensión máxima de 500 palabras. Os traballos deberán presentarse mecanografados a dobre espazo. No caso de escolares de Primaria, acéptanse traballos manuscritos.

No caso de tratarse da categoría de “Educación Especial” a extensión será entre 30 e 50 palabras.

A temática e xénero narrativo serán libres, establecéndose como única condición que o relato aconteza en Marín. Os textos presentados deberán ser inéditos baixo calquera formato, non premiados en ningún outro certame anterior, nin estar pendentes de resolución doutro concurso.

Os relatos presentaranse baixo “lema”, acompañados dunha “plica” en sobre pechado. Na mesma figurarán os datos persoais do autor ou autora: nome, idade, curso, teléfono, enderezo electrónico, centro de ensino e título do relato. No caso de menores de 14 anos, a plica deberá ser asinada por un dos pais ou titores, facendo constar que autorizan a participación do seu fillo ou filla neste concurso. No caso de resultar premiado/a, o Ateneo Santa Cecilia difundirá a autoría do texto nos medios de comunicación e redes sociais, así como a imaxe do seu autor/a.



Os traballos deberán presentarse na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín (Rúa do Forno, nº 42, baixo – 36900 Marín – Pontevedra). Poderán entregarse en persoa ou remitirse por correo electrónico (ateneosantacecilia@gmail.com).

O prazo de recepción de obras remata ás 20:00 horas do venres, 3 de maio de 2024.

O Xurado estará formado por tres persoas, cuxo fallo será inapelable, e poderá declarar desertos os premios dunha ou máis categorías. O fallo e entrega de premios terá lugar o xoves 16 de maio ás 20:00 horas no local do Ateneo Santa Cecilia.

Establécense tres premios por cada categoría: Primaria A (1º, 2º e 3º), Primaria B (4º, 5º e 6º), ESO, Bacharelato/FP e Educación Especial). Todos/as os/as finalistas recibirán asemade, un diploma acreditativo da súa participación.

Os textos premiados quedarán en poder do Ateneo Santa Cecilia de Marín que se reserva o dereito da súa publicación se así o estima oportuno.

O Ateneo Santa Cecilia non devolverá os orixinais premiados. Os restantes traballos poderanse recoller ata o 31 de maio.

Os/As autores/as, polo feito de participar neste certame, aceptan as presentes bases e o fallo do xurado. Para todas aquelas cuestións non previstas nos apartados anteriores, aplicarase o criterio inapelable do Xurado. Se o Xurado así o considerase algún dos premios podería quedar deserto.

O incumprimento de calquera dos puntos das Bases descualificará de inmediato o traballo presentado.

A réplica do navío que entre 1519-1522 realizou a Primeira Volta ao Mundo, a Nave Victoria, recalará esta semana no porto deportivo Juan Carlos I, dentro da súa gran xira europea, onde abrirá as súas cubertas ao público o 20 e 21 de abril, de 10:00 a 20:00 horas.

O barco é unha auténtica obra mestra da carpintaría de ribeira, feito de carballo e piñeiro, construído con minucioso rigor histórico e fiel a como foi aquel que hai 500 anos circunnavegou a terra. Un barco con historia propia, que realizou xa inmensas singraduras por todo o planeta.

Durante os anos 2004/2006 completou a súa propia volta ao mundo, surcando máis de 26.000 millas náuticas, facendo escala en 17 países. Desde entón non cesou de navegar polo mundo, realizando importantes xiras culturais por máis dun centenar de portos de EE.UU. e Europa, nas que recibiu centos de miles de visitas.



A visita á Nave Victoria consiste nun tour auto guiado polas 3 cubertas polas que poderás descubrir o contexto histórico e social que propiciou a maior xesta marítima da historia da navegación a través dos seus paneis informativos, a ambientación das diferentes áreas do barco e falar cos tripulantes, auténticos mariñeiros que viven tal e como se facía 500 anos atrás. Sen dúbida, unha oportunidade única para revivir a historia.

A tripulación actual fórmana 12 homes e mulleres de diferentes nacionalidades e actualmente estanse aceptando novas solicitudes para postos de tripulación voluntaria.

A Fundación Nave Victoria é unha entidade sen ánimo de lucro que está especializada na promoción e desenvolvemento de eventos a través das súas réplicas de barcos históricos (Nave Victoria, O Galeón, Nave Santa María e a Nave Victoria 500) en portos de todo o mundo.


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías; o presidente do grupo DistriSantiago, Rafael Rey Díaz; e a responsábel de eventos, María Bardanca Muñiz; presentou esta mañá o DSG Forum 2024, que acollerá Pontevedra esta fin de semana, entre o 19 e o 20 de abril.

Esta cita pode ser definida coma o maior congreso do Estado dentro do sector da papelería, todo un referente para os profesionais aos que vai dirixida. «Estamos encantados de poder acoller esta feira por primeira vez e de que escollesen Pontevedra como sede neste 2024», indicou o rexedor. «Falamos dunha cita que contará con representantes de distintos países do mundo, non só España, senón que falamos de Alemaña, Portugal… Chega nun intre do que chegamos tempada baixa, o que beneficiará a todos os sectores económicos da nosa cidade».



Así, o DSG Forum logrará achegar máis de 1.500 persoas profesionais da papelería a través dun cento de expositores que se situarán no Recinto Feiral da Boa Vila, con máis de 160 marcas ensinando e presentando os seus produtos. Cómpre indicar que se trata dunha feira profesional, e non está aberta ao público como tal. «De novo, temos unha cita que pon a Pontevedra no mapa e que permite que moita xente coñeza a Boa Vila e goce da mesma, cousa que de seguro así será».

Pola súa banda, Rafael Rey quixo poñer sobre a mesa que a imposibilidade de facer este evento en de Compostela tal e como viña facéndose nos últimos anos, abriu a posibilidade de procurar novas localizacións, aparecendo Pontevedra cun «recinto extraordinario, unha cidade extraordinaria e un alcalde que nos está a tratar de marabilla».

«A xente moi ilusionada por vir. Estamos a recibir mensaxes de todo o mundo e contaremos con fabricantes de Alemaña, Italia ou Lituania», indicou Rey, que afondou nas cifras concretas dunha cita referente no sector: 1.563 participantes xa acreditados, 160 marcas e 10.369 produtos. «Temos todos os hoteis de Pontevedra cheos e tivemos que recorrer a outros da comarca, como Sanxenxo ou A Toxa, aos que tamén damos as grazas».

A concelleira de Cultura e Eventos de Sanxenxo, Elena Torres, presentou o pasado venres no Club Náutico de Portonovo, a segunda edición de Portonovo Gastronómico, unha cita que conta este ano coa implicación de 24 locais de hostalaría e onde non faltará a música e animación na rúa.

Torres utilizou unha metáfora para presentar o programa da cita que se desenvolverá entre o 26 e o 28 de abril. “Portonovo Gastronómico é un prato que se prepara con tres ingredientes. O principal é a gastronomía ao que acompañan a música e a animación. Tampouco pode faltar a sobremesa, que sería a Raia de Ouro”, explicou.


Presentación da segunda edición do Portonovo Gastronómico | © Concello de Sanxenxo

Portonovo Gastronómico abre a súa programación o venres, 26 de abril, cun showcooking con degustación a cargo do Obradoiro de Hostalería do Salnés no mercado da vila mariñeira a partir das 11:30 horas. Ademais da variada oferta gastronómica de Portonovo, os locais participantes na cita elaborarán dúas tapas con motivo da cita.

A música estará presente na cita en tres escenarios diferentes como a Praza de Compostela, Praza Méndez Núñez e Rafael Picó con grupos de distintos estilos musicais como Raúl&Cía, Bo Dereck’s, Dani Barreiro, Ropa Vieja, La Buena Vida e La Mosca Valiente. Ademais, pola mañá e a tarde as charangas animarán o tapeo desde o Campo de San Roque ata Rafael Picó.

O outro ingrediente é a animación nas rúas no que se inclúe espectáculos pensados para todas as idades: Circo Salvaxe, Atlantis, Druídas Errantes, Les Variepides e O Show de Fito “Soño”. Tampouco faltarán os obradoiros para nenos e os xogos populares no Espiñeiro, coa Asociación Amigos da Dorna ou a exposición fotográfica ao aire libre, “A Vida en Instantes” ao longo de Rafael Picó

O domingo 28, a partir das 12:00 horas, celebrarase a cerimonia da entrega da Raia de Ouro na Casa de Don Fernando. Unha comitiva formada por membros da Corporación e familiares partirá da lonxa de Portonovo acompañando ao galardoado desta edición con gaiteiros e grupos de baile.

Torres convidou a “aos disfrutóns e á xente de bo padal a pasar o fin de semana en Sanxenxo, entre o 26 e o 28 de abril, e aos veciños a participar na cita”.

Por último, sortearanse entre os participantes un total de 24 estancias e 24 comidas por valor de 50 euros.



Liberdade, creatividade e convivencia danse a man no Teatro espontáneo, unha iniciativa promovida pola Concellaría de Benestar Social de Pontevedra, que xestiona a concelleira Anabel Gulías, en colaboración coa asociación Inzar, posta en marcha o pasado febreiro co fin de xerar espazos de encontro, de reflexión e crecemento persoal, social e comunitario.

Este obradoiro é unha actividade mensual que se desenvolve en dúas sesións de hora e media, en dous xoves consecutivos.

O terceiro xoves de cada mes, neste caso o día 18 de abril, celébrase unha sesión de adestramento en técnicas de escenificación, improvisación e teatro espontáneo na Casa Azul, en horario de 19.30 a 21.30 horas. É unha actividade aberta polo que para participar só hai que acudir, non é necesario inscribirse.

Unha semana máis tarde, o cuarto xoves de abril o día 25, o Mercado acolle unha representación pública deste teatro de improvisación, en horario de 20.00 a 21.30 horas. Trátase dunha interpretación sen guión previo, no que os actores e actrices, autores e público constrúen un relato colectivo.



O Teatro espontáneo busca crear condicións para que as persoas poidan expresarse con liberdade, dicir o que queiran, reflexionar sobre os temas que lle interesan ou inquietan, debater sen confrontación, buscar respostas e transitar cara a unha creación colectiva.

Malia non ser -en termos rigorosos- un produto artístico nin un recurso terapéutico, o teatro espontáneo é unha ferramenta de resolución de conflitos, unha intervención social que fomenta o diálogo social respectando a diversidade, fortalece o desenvolvemento humano e a conciencia cívica, ademais de incentivar a participación social activa.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu vén de anunciar a apertura da convocatoria para a segunda edición da Residencia FICBUEU, o seu programa de desenvolvemento de proxectos de guión de curtametraxe que terá lugar novamente este outono na Illa de Ons.

En outubro de 2023 o certame bueuense estreou o seu novo proxecto para a promoción do formato curtametraxe, a Residencia FICBUEU. Logo de ter recibido un total de 122 propostas, catro delas foron seleccionadas para ser titorizadas pola guionista Isabel Peña e outras profesionais do audiovisual como Carmen Ávalos, Elena Neira ou Cormorán VFX. Alén de participar nunha semana enteira dedicada ao estudo e mellora dos seus guións, as e os residentes optaban ao premio á produción que outorgou a organización e que finalmente recaeu en “Sismes” de Jordi Sanz Angrill.


I Residencia FICBUEU | © Estudio Prolight

Pechada esta primeira edición, o FICBUEU aposta pola consolidación deste proxecto que se suma á xa ampla lista de actividades e iniciativas relacionadas co cinema que o equipo leva a cabo durante todo o ano.

A II Residencia FICBUEU terá lugar na Illa de Ons do 16 ao 23 de outubro e contará novamente coa titorización por parte de recoñecidas profesionais do cinema cuxos nomes serán anunciados nos vinderos meses a través das canles do festival. “Arrincar este proxecto con Isabel Peña foi un auténtico luxo e aínda que é complicado a nosa idea é manter o nivel das e dos profesionais participantes, ofrecendo unha oportunidade única para as e os residentes” comenta a organización.

A metodoloxía do programa contempla diferentes tipos de encontros para o traballo nos guións (titorías individuais e colectivas), así como formacións específicas noutros aspectos a ter en conta á hora de fortalecer os proxectos audiovisuais. Ademais, durante toda a semana serán levadas a cabo varias reunións de produción grazas ás que a organización poderá coñecer o avance e estado das proposta e escoller a premiada desta edición.



Desde a dirección do FICBUEU, convidan a escoitar as entrevistas a residentes do ano pasado dispoñibles nas súas redes socias para coñecer as súas opinións e destacan que “Aínda coa moi boa experiencia que vivimos na estrea da residencia, nesta segunda edición tentamos mellorar o programa grazas ás suxestións das e dos residentes de xeito que os horarios de traballo estarán máis optimizados”.

Os requisitos para a participación poden consultarse en ficbueu.com e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de maio. Será o equipo do FICBUEU xunto coa persoa encargada da titorización quen seleccione os catro proxectos finalistas.

A concellería de Novas Tecnoloxías do Concello de Redondela, que dirixe Antonio Cabaleiro, abre a matrícula para os novos cursos das aulas Cemit de Redondela e Chapela. Desde o 17 e ata o 30 de abril os interesados poden solicitar praza nas actividades que se desenvolverán durante os meses de maio e xuño.

Serán en horario de mañá na Aula Cemit de Redondela (luns e mércores) e na Aula Cemit de Chapela (martes e xoves), cunha duración total de 24 horas de formación cada curso. Todos inclúen un módulo transversal sobre Fundamentos da Intelixencia Artificial.

Estas actividades son de balde e están dirixidas a público adulto. Para máis información poden consultar no apartado cursos da web redondela.gal.

CURSOS AULA CEMIT REDONDELA – CHAPELA (Maio e xuño 2024)

AULA REDONDELA

AULA CHAPELA

AULAS CEMIT OS VENRES

Ao longo de todo o curso as aulas Cemit de Redondela e Chapela están abertas ao público adulto todos os venres de 9.30 a 12.00 horas. Tamén os venres, e en horario de 12.00 a 13.30 horas, ofrécense aulas sobre Competencias dixitais básicas con tablet.


A música galega, o xogos populares e as labores do campo son peza fundamental dunha festa que cada ano atrae a máis público da nosa comunidade


A Asociación Cultural Quinta do Piñeiro presentou este xoves, no Pazo As Barreiras, a que será a decimosexta edición da Sementeira e Música que se celebrará o 11 e 12 de maio na Área Recreativa Muíño da Ponte en Corzáns.

No acto, que contou coa presenza do deputado de Cultura Jorge Cubela, a alcaldesa de Salvaterra de Miño Marta Valcárcel, integrantes do grupo O Caimán do Río Tea e membros da asociación anunciaron o programa da nova edición, as novidades e resaltouse a importancia dunha festa que promove a tradición e música galega.


XVI Sementeira e Música | © Concello de Salvaterra de Miño

Este ano como en anteriores a festa desenvolverase en dous días nos que non faltará o tradicional desfile de tractores, o mercado de agrícolas e artesáns ademais das Olimpiadas agrícolas que xa son unha das actividades máis aclamadas entre o público.

Outro dos anuncios máis esperado é o da persoa que será a encargada de dar lectura ó pregón que este ano recae no actor galego David Perdomo, que poderemos escoitar o domingo ás 14:00 horas.

As actuacións musicais son parte fundamental do festival que ven encabezado por Mondra, Familia Caamagno, Son das Tabernas, O Caimán do Río Tea, Storrentos, Sun Iou, De Ninghures, Festicultores, Pédëpôtè, La Duendeneta, As Lucernas e Naiama. Precisamente este ano unha das novidades é a banda sonora da festa que presentaron este xoves, unha canción incluída no novo disco da banda ‘O Caimán do Río Tea’.

O vindeiro 11 e 12 de maio Corzáns será o mellor enclave para o tradicional, a música e a gastronomía da nosa terra.



A terceira edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio celebrarase o domingo 28 de xullo en Combarro e contará cos percorridos de 4,5 km e 6 km, que se celebrarán na contorna da illa de Tambo, un dos enclaves naturais máis importantes da ría de Pontevedra.

Ademais, disputarase a distancia de 1 km, na que poderán participar nadadores a partir de 12 anos, que consistirá nun triángulo que se desenvolverá moi preto da Praza da Chousa, o que permitirá que sexa seguida por numeroso público. As inscricións poderán realizarse en championchipnorte.com.

A travesía a nado ten como obxectivos fomentar a natación entre os mozos, consolidarse como unha das competicións de natación en augas abertas máis importantes que se disputan en España e poñer en valor a riqueza natural, cultural, histórica e patrimonial da illa de Tambo, un dos enclaves máis destacados da ría de Pontevedra e cuxa xestión pasou a mans do Concello de Poio en 2022.


‘Volta a nado Illa de Tambo’ | © Atlantic Extreme Sports

A inscrición da travesía a nado inclúe: camiseta, gorro e bolsa conmemorativa, cronometraxe electrónica, balizado, servizo de gardarroupa, avituallamiento durante a travesía e en meta, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil e de accidentes, apoio con embarcacións e kaiaks, servizo de masaxes na meta, premios e participación no sorteo de material deportivo. A información da proba e o regulamento están dispoñibles na páxina web www.voltaanadoilladetambo.es.

A proba de 6 km permitirá aos participantes dar a volta completa á illa de Tambo, percorrendo o faro de Tenlo Chico e a praia de Adreirá, e apreciar a riqueza dos fondos mariños, mentres que no percorrido de 4,5 km os nadadores terán que ir ata a praia de Area da Illa, situada ao norte de Tambo. Alí haberá un control de paso obrigatorio para todos os participantes desta distancia. O neopreno será optativo en todos os percorridos, mentres que a boia de seguridade será obrigatoria para os participantes das probas de 4,5 km e 6 km.

As tres distancias serán cronometradas por chip electrónico a través da empresa Champion Chip Norte, e os percorridos estarán balizados con boias para facilitar a orientación dos nadadores. Os participantes estarán acompañados por embarcacións pneumáticas, kaiaks e pádel surf. A organización contará co apoio de Protección Civil de Poio, Escola Naval Militar de Marín, Mariña Combarro, Club Náutico de Raxó, Club Náutico de Sanxenxo, Nauta Sanxenxo e a Garda Civil do Mar. En meta haberá unha ambulancia e médico para velar pola seguridade dos nadadores.

A saída e chegada das tres probas estará situada na céntrica Praza da Chousa, en Combarro, onde estarán situadas tamén as zonas de repartición de dorsais, avituallamiento, entrega de premios aos participantes e o servizo de masaxes a cargo da Asociación Galega de Masaxes (AGAMA).

A travesía a nado, organizada polo Concello de Poio e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Ence Pontevedra, Abanca, Supermercados Froiz, Centro Comercial A Barca, Suzuka Móbil e Móvil Auto e a navieira Mar de Ons, e a colaboración de Afanco-Cecopesca, Powerade, Cruceros Pelegrín, Area, Eroski Center, Adegas Valmiñor, os restaurantes Tinta Negra e La Espuela, Pádel Surf Sanxenxo, Club Escola Marítima Combarro, 226ers, Asociación Vodea e Clubnatacion.com, entre outros. Na pasada edición da travesía a nado participaron preto de 300 nadadores de distintos puntos de España e estranxeiros, e concedéronse un total de 40 premios.

Atlantic Extreme Sports é tamén co-organizadora da proba de natación ultrafondo a Triple Coroa Illas Atlánticas, unha competición que une as illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas con terra firme, que este ano celebrará a terceira proba da terceira edición entre a illa de Ons e Combarro, de 23 km de distancia, o 7 de setembro.



Visita guiada a Tambo e degustación de mexillóns

Paralelamente á travesía a nado, a organización da proba celebrará unha visita guiada exclusiva á illa de Tambo o sábado 27 de xullo, o día anterior á competición, dirixida aos nadadores participantes e acompañantes co obxectivo de que coñezan a historia e o patrimonio natural e cultural da illa da man de guías especializados.

A visita, de tres horas de duración, partirá do porto de Combarro e inclúe un roteiro guiado a cargo da navieira Cruceros Pelegrín nun catamarán con visión submarina durante a cal os visitantes poderán percorrer a pé a illa situada na ría de Pontevedra e descubrir algúns dos restos que conserva, como a capela de San Miguel, o antigo lazareto, a polvoreira e o faro de Tenlo Chico, entre outros puntos de interese. Unha vez finalizada a visita guiada, acudirán a unha batea de mexillóns para coñecer como é o seu proceso de cultivo e poderán degustar mexillóns ao vapor, veu e refresco a bordo. A saída do catamarán será ás 17:00 horas desde o porto deportivo de Combarro e o regreso ás 20:15 horas. Para participar na visita é necesario inscribirse previamente en voltaanadoilladetambo.es antes do 26 de xullo.

Beneficiario do IV Plan Social Ence Pontevedra 2023

A II edición da ‘Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio’ resultou beneficiaria do IV Plan Social Ence Pontevedra 2023 na categoría de apoio ao deporte basee. Un total de 138 proxectos da comarca de Pontevedra, individuais, clubs e eventos deportivos foron beneficiarios da última edición do Plan, que destinou 900.000 euros a este apartado de deporte base.