© D.O. Rías Baixas

A Ruta do Viño Rías Baixas retoma o seu programa ‘Ruta de Catas’ con dúas novas sesións no Pazo de Mugartegui

24 Maio 2021

A ruta do Viño Rías Baixas, integrada no Club de Producto de Rutas del Vino de España, retoma o seu programa ‘Ruta de Catas’ con dúas sesións no Pazo de Mugartegui (Pontevedra) os próximos 3 e 4 de xuño ás 20:00 horas.

O sumiller Nacho Costoya encargarase de guiar ás persoas asistentes nunha viaxe polos matices dos produtos das adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas. “En cada xornada degustaranse diferentes viños entre os que se atoparán elaboracións especiais, tintos e espumosos. Deste xeito, buscamos dar a coñecer esa ampla variedade de produtos que os visitantes se poden atopar no noso itinerario enoturístico”, indican desde a asociación sen ánimo de lucro.

As entradas poñeranse mañá á venda a través do portal de Ataquilla.com e o prezo establecido é de 5 euros.

Para poder asistir a algunha das dúas catas programadas, as persoas interesadas deberán asinar unha declaración responsable (dispoñible a través da propia web de venda de billetes ou en www.rutadelvinoriasbaixas.com), dando conta de que non presentan síntomas compatibles coa COVID-19 nin no momento de participar na actividade nin nos días previos á mesma.

Durante as sesións, “levarán a cabo todas as medidas necesarias para garantir unha experiencia enoturística segura: os postos estarán distribuídos respectando as medidas de distancia interpersoal. Ademais, dispoñeremos de hidrogeles para a limpeza de mans e ofrecerase material personalizado, de modo que non se compartirá nada entre os asistentes.

Todas as persoas que participen deberán usar máscara, excepto no momento da degustación”, explican desde a Ruta do Viño Rías Baixas. A celebración da ‘Ruta de Catas’ podería variar se as circunstancias derivadas da situación sanitaria así o requirisen.

Desde a ruta do Viño Rías Baixas animan a todas as persoas amantes do enoturismo para participar nesta proposta.


Está pasando!