‘Tras as ameas’, un programa para vivir experiencias culturais entre muros de historia

24 Xuño 2021

Tras o éxito de ‘Re-Acción nos Castelos’ o pasado verán, este 2021 a Deputación de Pontevedra volve transformar Soutomaior e Sobroso en escenarios para gozar de interesantes actividades nun contorno único! Recuperamos o alento para respirar a través da cultura e facémolo de novo apelando á orixinalidade e ao misterio que suscita a cultura entre o público, ás ganas de aventura e de participación e, por que non, á tan precisa evasión de todo o que semella máis real agora mesmo.

Co programa ‘Tras as ameas’ a Deputación achegará o público de xeito presencial a eses espazos máxicos e históricos que son parte do noso patrimonio provincial, para mirar cunha ampla perspectiva ao máis alto e máis alá dos seus muros, e poder cumprir con citas coma obradoiros, concertos nos xardíns ou espectáculos escénicos que compartirán como grandes premisas a maxia, o circo e a cor.

Un programa cheo de imaxinación que convidará o público de todas as idades, e especialmente o máis novo, a achegarse con curiosidade e moito ánimo para vivir todo o que vai acontecer tras as ameas dos castelos de Soutomaior e de Sobroso.

Coa premisa de aviventar a cultura, esta iniciativa abarcará desde os meses do verán ata a entrada do outono, explorando todas as disciplinas artísticas e poñendo en valor o patrimonio desde a acción cultural, que, xunto coa musealización dos castelos, supón unha aposta por un proxecto innovador que sitúa a historia en diálogo directo coas novas tecnoloxías, coa diversidade de públicos e coa creación cultural actual.

As ameas son os remates de pedra da parte superior das murallas que tanto caracterizan os castelos e fortificacións, un elemento distintivo da arquitectura defensiva que automaticamente relacionamos coa época medieval, que nos leva a viaxar no tempo, a imaxinar historias,a descubrir personaxes e a vivir aventuras.

Séculos de historia concéntranse neste remate de pedra. Os episodios de cultura que van suceder esta temporada tras as ameas dos castelos de Soutomaior e de Sobroso só os coñeceremos e viviremos se vixiamos ben as posicións da Deputación de Pontevedra!

+info. e solicitude de preinscrición en depo.gal


PROGRAMA, DATAS E LUGARES


Mércores 30 de xuño, 19:00 h. Castelo de Soutomaior

COMPAÑÍA SU.MA | VAIA CIRCO ESTE CASTELO!


Xoves 8 de xullo, 19:00 h. Castelo de Sobroso

‘CONCERTO CON FUSIÓN’

PÍSCORE | MÚSICA CON HISTORIA


Xoves 15 de xullo, 19:00 h. Castelo de Soutomaior

PEDRO VOLTA | ENTRE MUROS DE MAXIA!


Xoves 22 de xullo, 19:00 h. Castelo de Sobroso

GALA DE CIRCO | VAIA CIRCO ESTE CASTELO!


Xoves 29 de xullo, 22:00 h. Castelo de Soutomaior

TRILITRATE | NOITES NO CASTELO


Xoves 5 de agosto, 19:00 h. Castelo de Soutomaior

ALDAOLADO | NIN PRÍNCIPES NIN PRINCESAS. CONTACONTOS


Xoves 12 de agosto, 19:00 h. Castelo de Sobroso

O MAGO PACO | ENTRE MUROS DE MAXIA!


Xoves 19 de agosto, 18:00 h. Castelo de Soutomaior

OBRADOIRO ARTÍSTICO CON PILAR ALONSO | CREANDO NO XARDÍN


Xoves 26 de agosto, 18:00 h. Castelo de Sobroso

OBRADOIRO ARTÍSTICO CON TALLER ABIERTO | CREANDO NO XARDÍN


Mércores 1 de setembro, 19:00 h. Castelo de Soutomaior

TEATRO GHAZAFELHOS | O TEATRO VÉN DE VISITA!


Mércores 8 de setembro, 19:00 h. Castelo de Sobroso

CAXOTO | NIN PRÍNCIPES NIN PRINCESAS. CONTACONTOS


Mércores 29 de setembro, 19:00 h. Castelo de Soutomaior

VERO RILO E SONSOLES PENADIQUE | MÚSICA CON HISTORIA

Está pasando!