© Concello de Poio

Baiuca e Guadi Galego abrirán o programa Verán en Poio que se extenderá ata mediados de setembro

3 Xullo 2021

O concelleiro de Festexos de Poio, Xosé Luís Martínez, deu a coñecer na mañá deste venres o groso do programa Verán en Poio 2021, que comezará a vindeira fin de semana co festival Os Sons de Ánkar e que se prolongará ata mediados de setembro. Trátase dunha programación “ambiciosa e pensada para xente de todas as idades”, tal e como explicou o edil do Goberno municipal, que destacou a calidade e o status dos grupos e bandas que protagonizarán preto dunha ducia de concertos en diferentes emprazamentos do municipio. Todas as citas serán de carácter gratuíto.

Martínez Blanco agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra á hora de desenvolver esta primeira cita do programa. Os Sons de Ánkar comezarán o vindeiro venres 9 de xullo coa actuación de Baiuca e, un día máis tarde, será a quenda de Guadi Galego. Ambos concertos serán no parque de Ánkar, na parroquia de San Salvador.

A seguinte parada será a finais de mes, en Lourido. Trátase do Festival Chalaniñas, unha iniciativa pensada para as crianzas e que en edicións anteriores xa resultou todo un éxito. Posteriormente, xa en agosto, o día 1 Lourido será tamén escenario da actuación de Pelepau. A parroquia de Samieira acollerá as actuacións do Grupo América e Xoel López (días 13 e 14).

Ademais, Verán en Poio 2021 recupera dous eventos de gran relevancia, como son a Festa do Mar e a Festa da Ameixa. Iso si, a situación sanitaria obrigará a modificar de forma substancial as súas programacións, tal e como xa se adiantou no seu momento. Deste xeito, prescindiranse das actividades gastronómicas. Ademais, no caso da Festa do Mar, con motivo da súa vixésima edición, tamén se desenvolverá en Raxó (días 26 e 28 de agosto), ademais de en Combarro (do 20 ao 22).

No 20 e 21 volverá tamén o Armadiña Rock. Para esas datas (o 22, concretamente) está prevista, asemade, unha actuación na orquestra Marbella nesta parroquia. Efecto Pasillo e La Ocaband (26 e 27 de agosto, Raxó) completan o calendario de actuacións de agosto.

O broche de ouro á programación será a Festa da Ameixa, os días 17 e 18 de setembro, que contará cos concertos de M-Clan e Dr. Queen.

Xosé Luís Martínez garantiu que todas as actividades desenvolveranse cumprindo coas medidas de aforo, distanciamento e hixiene correspondentes. No caso das actuacións de Ánkar, permitirase a entrada ata completar aforo, mentres que nos concertos de agosto será preciso solicitar reserva previa. En todos os casos, habilitarse un espazo con cadeiras.

DESCARGAR PROGRAMA 

Está pasando!