The Sould Jacket | © antia.random

O 12 e 13 de xullo o rock toma a praza da Ferraría de Pontevedra co ciclo ‘Rock na vila’

10 Xullo 2021

Tras o Memorial Ricardo Portela que se está a celebrar esta fin de semana, a praza da Ferraría acollerá o programa ‘Rock na Vila’ o luns e martes da vindeira semana. Trátase dun pequeno ciclo de concertos de rock que inclúe dúas sesións por día e que permitirá gozar da música de catro bandas, das que dúas son pontevedresas e tamén dúas teñen unha importante compoñente feminina.

O luns 12 o cartel está composto por Río Verdugo (ás 20:00 horas), unha das bandas emerxentes no panorama musical de Pontevedra, e por The Soul Jacket (ás 22:00 horas), banda de ‘rock clásico sureño’ nacida en Vigo en 2004 e que neste momento é unha das máis consolidadas a nivel galego.

O martes 13 é a quenda de The Rebel Espirits (ás 20:00 horas), banda integramente feminina que forma parte da importante canteira musical coa que actualmente conta Pontevedra, e de The Funkles (ás 22:00 horas), banda tributo a The Beatles e maioritariamente feminina, da que varias das súas integrantes son de prodencia pontevedresa e que ademais tamén forman parte doutros proxectos musicais do Estado.

Deste xeito, ‘Rock na Vila’ achega a Pontevedra formacións que dan mostra do talento musical emerxente na cidade, ao tempo que pon en valor a presenza da muller na música, nomeadamente no mundo do rock, e ofrece ao público un programa atractivo e de calidade.

Convén lembrar que, atendendo á situación sanitaria, estes concertos ao igual que todas as actividades de ‘O son da rúa’ terán lugar en espazos aforados, nos que son de obrigado cumprimento as normas de seguridade vixentes.


Está pasando!