‘Preto de ti! Mulleres artistas a pé de rúa’ | © UVigo

15 creadoras da Facultade de Belas Artes para 15 parroquias de Tomiño

14 Marzo 2022

A través de fotografías que reflicten proxectos artísticos de diferentes disciplinas, as obras de 15 artistas vinculadas á Facultade de Belas Artes de Pontevedra poden contemplarse ao longo deste mes nas prazas de Tomiño, da man do proxecto ‘Preto de ti! Mulleres artistas a pé de rúa’, que a alumna do Grao en Belas Artes Conchi Garrido puxo en marcha xunto co Concello.

Nacido como un traballo académico, este proxecto expositivo presenta as reproducións fotográficas das obras de 15 artistas nuns espazos expositivos, os denominados Puntos de Información Municipal (PIM), presentes nas prazas das 15 parroquias de Tomiño.

Esta iniciativa, que se insire na programación impulsada polo Concello de Tomiño con motivo do 8M, naceu como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano da facultade, Xosé Manuel Buxán.

A proposta de desenvolver un proxecto de xestión artística levou a Garrido a pensar nunha iniciativa que puidese levar a cabo, recoñece, no municipio no que reside, e que á súa vez contribuíse a dar resposta a “unha demanda por parte da cidadanía e dalgúns ámbitos académicos”, a de “achegar a arte á xente da pé”.

Foi así como naceu o proxecto que ao longo deste mes de marzo se espalla polas diferentes parroquias do municipio, co que buscaba tamén facer fronte, nun concello caracterizado pola dispersión poboacional, a outro “impedimento máis, o illamento do rural en canto á accesibilidade o circuíto cultural da arte e, máis especificamente, á arte contemporánea”.


Unha das obras incluídas neste proxecto, no punto da parroquia de Currás | © UVigo

15 representantes da arte contemporánea galega

Nas diferentes parroquias do municipio poden verse nestas semanas fotografías que proxectan as creacións das artistas e docentes da facultade Marina Núñez, Basilisa Fiestras, Chelo Matesanz, Mar Caldas, Yolanda Herranz, Natividad Bermejo e Loreto Blanco; así como de artistas que se formaron ou continúan formándose na actualidade na facultade como Vero Vicente, Celeste Garrido, Rebeca Lar, Doira B. Paratcha, Mar Ramón Soriano, Julia Huete e Andrea Dávila, xunto coa propia Garrido.

Trátase, como sinala a comisaria, dun “grupo heteroxéneo que permite ofrecer os cidadáns unha mostra das diferentes disciplinas” que se engloban na arte contemporánea, xa que, alén de traballos fotográficos como o de Caldas, o que se presenta nestes puntos de información son imaxes de instalacións, colaxes dixitais, esculturas, debuxos reproducidos con técnicas risográficas e pintura dixital.

O obxectivo, explica Garrido, era que esta selección “reflectise a heteroxenidade da arte contemporánea” e facelo ademais a través de artistas “que traballan dende Galicia e están vinculadas dalgún ou outro modo á Facultade de Belas Artes”.

Está pasando!