Tanxugueiras incorpórase ao cartel do SonRías Baixas 2022 que se celebrará o 4, 5 e 6 de agosto en Bueu

3 Febreiro 2022

O Festival SonRías Baixas anuncia a incorporación de Tanxugueiras ao cartel desta edición, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu. Neste 2022 o Festival SonRías Baixas artellará unha ampla, dinámica e potente programación da que xa se coñecen os primeiros nomes do seu line-up. Tanxugueiras súmase deste xeito a Kase.O Jazz Magnetism, Rayden, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos e García Mc & Nación Quilombo, as confirmacións iniciais de artistas do cartel da cita, que este verán regresará no seu habitual formato de grande festival.

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro veñen avaladas por éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden) ou ‘Terra’ (con máis de 11.000.000 de escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest, competindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show: a “Xira Midas”. 

Nas vindeiras semanas a organización do SonRías Baixas 2022 anunciará novos nomes de artistas que participarán nesta edición, que pretende ser de novo unha grande festa da música en directo na península do Morrazo e un polo de atracción turística e de dinamización socioeconómica no territorio durante a súa celebración.

 Entradas 

As entradas do SonRías Baixas 2022 xa están á venda a través da páxina web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info. O público pode adquirir o seu abono, válido para as tres xornadas de concertos, por 45 euros (máis gastos de xestión).

Ademais, a partir deste xoves 3 de febreiro, todas as persoas usuarias do Carné Xove que utilicen o código “CARNEXOVEFESTIVAIS” poderán gozar dun 15% de desconto na compra das primeiras entradas dos eventos que forman parte da Asociación Festivais de Galicia, a raíz da colaboración que dita asociación leva a cabo coa Xunta de Galicia. Os detalles concretos sobre as condicións para cada un dos festivais adheridos ao Carné Xove poderanse consultar na páxina web xuventude.xunta.es.

A organización do SonRías Baixas quere lembrar tamén que todas as persoas que manteñen a súa entrada do ano 2020 para poder gozar desta edición poderán facelo: tal e como se comunicou desde o primeiro momento da suspensión da 18ª edición, os bonos son válidos para a seguinte edición do festival en grande formato, como é o caso da que se celebrará os próximos 4, 5 e 6 de agosto. Para calquera dúbida que poida xurdir sobre as entradas, a organización dispón dun correo electrónico de contacto no que atenderá ditas consultas: festival@sonriasbaixas.info 


Está pasando!