Banda Migallas | © Migallas Teatro

O Salón do Libro acolle a estrea do espectáculo musical ’30 anos cantando con Migallas’

11 Marzo 2022

O próximo domingo 13 de marzo ás 12.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra e dentro da programación do XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, terá lugar a estrea do espectáculo musical ’30 anos cantando con Migallas’.

Migallas Teatro celebra os 30 anos facendo e cantando música infantil en galego cun divertido e variado concerto para público familiar. Nesta ocasión, conta con músicos de recoñecido prestixio e traxectoria como Xaquín Xesteira e Anxo Xesteira, de Treixadura, e Borja García e Isi Baúlo, que acompañarán a María Campos e a Carlos Yus no escenario.

No concerto, a Banda Migallas interpretará temas dos discos ‘Canta connosco!’ e ‘Pan de millo’. Cancións tan coñecidas como ‘Pan de millo’, ‘O rap da lingua’, ‘Miña Abuela Manuela’, ‘O esqueleto’ ou ‘O libro máxico’, coas que medraron varias xeracións, farán gozar de novo as nais e pais que as cantaron na súa infancia e os nenos e nenas de agora.

As entradas pódense adquirir en Ataquilla.com a un prezo de 3 euros.

Está pasando!