Participantes no Desfile de Entroido en Poio 2024 | Concello de Poio

25 grupos e comparsas de toda a provincia desfilan este domingo no Entroido de Poio

26 Febreiro 2025

  • Onte celebrouse unha reunión de coordinación e de seguridade na Casa do Concello.
  • A programación, que se desenvolve durante o mes de marzo, arranca en Campelo e inclúe a Pasarela de Comparsas o venres 21 na Seca e o enterro do Galo Fodorico, o sábado 22 na Praza do Mosteiro.
  • Os participantes individuais ou en parella poden inscribirse ata o mesmo día do evento.

O Entroido de Poio arranca este domingo co Desfile de Disfraces, a primeira gran cita da programación elaborada polo Concello e que xa ten confirmada a participación de 25 comparsas e grupos de toda a provincia, converténdose así na edición máis numerosa.

Un desfile de disfraces que arrancará ás 12.00 horas desde a Biblioteca Municipal de Poio e rematará na Praza da Granxa, coa entrega de premios e a animación musical de Due Eventos. Contará coa participación das comparsas locais Canecos, Grupo de Entroido Samieira, 100Tolos e As Sonecas, así como de agrupacións chegadas do resto da provincia, como por exemplo Politicamente incorrectos, Os Miúdos ou Alegría de Bora.

En total, repartiranse 4.820 euros entre os mellores disfraces nas categorías individual, parellas e grupos, tanto infantís (ata 14 anos) como adultos, e haberá tamén mencións especiais para a mellor animación e choqueiros.

No caso das categorías individual e por parellas, poden inscribirse ata o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal. Xunto coa solicitude de inscrición deberase acompañar a seguinte documentación: copia do DNI do/da participarte no desfile e do/da seu titor/a ou representante legal, no caso de menores de idade. No caso de asociacións, copia do CIF da entidade e do DNI da persoa representante.

O alcalde Ángel Moldes presidiu a reunión de coordinación e seguridade do Entroido, na que participaron técnicos municipais, así como o inspector xefe accidental da Policía Local e representantes de Protección Civil de Poio. O domingo habilitaranse aparcadoiros disuasorios nos accesos a Campelo e o tráfico pecharase desde as 10.30 horas. Todos os grupos e comparsas que participen no desfile deberán estar puntuais desde unha hora antes da saída, e acceder á Biblioteca Municipal de Poio desde a PO-308, na Avenida de San Xoán, polo Casal.



PREMIOS

Este ano aumentan os premios establecidos para o concurso. Así, na categoría de adultos, o 1º premio do disfrace individual será de 170€, 120€ para o segundo, 75€ para o terceiro e 50€ para o cuarto clasificado. En parellas, o primeiro posto recibirá 210€, 160€ o segundo, 120€ o terceiro e 90€ o cuarto. Por grupos, os gañadores terán un premio de 500€, 400€ para os segundos clasificados, 300€ para os terceiros, 200€ para os cuartos e, por último, 100€ para os quintos.

En categoría infantil, o primeiro premio individual é 120€, 105€ para o segundo e 70 o terceiro. En parellas, os gañadores recibirán 160€, os segundos clasificados 120€, os terceiros, 75€, e os cuartos, 50€. Con respecto aos grupos, o primeiro premio son 250€, o segundo 205€ e o terceiro 160€. Ademais, haberá premios especiais choqueiro e animación que son compatibles co resto de premios e que repartirán nos dous casos 200€ para o primeiro clasificado, 155€ para o segundo e 110€ para o terceiro.

No caso do choqueiro, haberá tamén un cuarto premio de 80€.

O xurado do concurso estará composto por membros que forman parte da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, que valorarán aspectos

como o vestiario, a orixinalidade, coreografías, harmonía, simpatía, actitude, ritmo, animación, estética, posta en escena, maquillaxe, presenza de elementos complementarios como carrozas ou plataformas móbiles, etc.

PROGRAMACIÓN DURANTE TODO O MES DE MARZO

O Entroido de Poio desenvolverase durante todo o mes de marzo. Así, ademais do Desfile de Disfraces este domingo, tamén inclúe unha Pasarela de Comparsas o venres 21 na Seca e o enterro do Galo Fodorico e festa choqueira o sábado 22.

A maiores, tamén se inclúen os bailes, desfiles e enterros que organizan os colectivos locais en Combarro, Lourido e Samieira.

En Combarro será o mércores 5, coa festa familiar e Enterro do Mexillón na Praza da Chousa; en Lourido, o venres 14 coa festa familiar e o enterro do Berberecho; e o sábado 29 en Samieira, co desfile e enterro do Galo Bruxo.

Está pasando!