A poesía recitada, escrita e cantada salta á escena na xornada inaugural do ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’

12 Xuño 2022

  • A segunda edición da feira literaria organizada polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’, arranca o luns, 13 de xuño, cun intenso e interesante programa a desenvolver ata o domingo 19, e no que o xénero poético será o único protagonista na xornada inaugural.

Recitada, escrita ou cantada, a poesía estará omnipresente o luns tanto nos títulos dos libros á venta nas casetas das librerías participantes, coma en actos como o recital de A Mesa das Verbas, a sinatura de exemplares a cargo dos autores Yolanda Castaño e Xurxo Alonso ou no concerto que o poeta e cantautor madrileño Marwan ofrecerá no Auditorio. As actividades infantís do Literatour tamén terán á poesía como centro de xogos e espectáculos.

O bulicio no Vilagarcía, Cidade de Libro comezará o luns xa de mañá, a partir das 10, cando comecen a chegar ao Parque Miguel Hernández os primeiros grupos de escolares que participarán no Literatour. Ata ás 13.30, os cativos contactarán co mundo dos libros e, nesta xornada en especial, coa poesía a través dos xogos previstos na xincana literaria.

A feira propiamente dita abrirá ás súas portas ás 11 horas na Praza da II República cando as casetas das librarías e dos colectivos levanten as súas persianas e comece a exposición e venta de libros. As casetas funcionarán de 11 a 13.30 e de 18 a 21 horas.

Co obxectivo de fomentar a creación poética, o seminario número 1 do Auditorio acolle a partir das 17.30 horas a actividade “Da palabra á voz”, un obradoiro de poesía rebelde para as persas que desexen iniciarse neste xénero. A poetisa viguesa Nuria Vil impartirá a actividade dirixida a maiores de 18 anos e na que poderán participar 25 persoas de forma gratuíta, previa inscrición a través do mail xuventude@vilagarcia.gal.

Os actos infantís regresan ao Parque Miguel Hernández ás 18.00 horas co contacontos en verso do apartado denominado “O recuncho dos contos”. Será unha das firmas máis representativas da poesía galega actual, Yolanda Castaño, quen protagonice o acto dirixido a nenos e nenas de 5 a 7 anos. E ás 19.00 horas, no escenario infantil do Miguel Hernández, a diversión continuará co espectáculo infantil “Fazulas, o ladrón de paraugas”, baseado no libro de Xosé Lueiro e interpretado por Bandullo Azul. Está dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos.

Para públicos de todas as idades, o escenario principal da Praza da II República acollerá a partir das 19.00 horas o recital poético do colectivo A Mesa das Verbas, no que participarán, entre outros, Lois do Salnés, Paula Cascaller Latorre, Roberto Abal, Carmen Castejón, Cándido Duro Domínguez e Jean Carballo.

A caseta de firmas de autores tamén levantará a persiana ás sete da tarde para que Yolanda Castaño e Xurxo Alonso departan cos seus lectores e asinen algúns dos seus libros. O poeta e músico Marwan, que inicialmente estaba previsto que tamén participase na firma de libros, non poderá facelo finalmente debido a unha lesión no brazo. O que si poderá facer será exhibir a súa voz e o seu talento musical e poético no recital-concerto que ofrecerá a partir das 21.00 horas no Auditorio. O espectáculo, que leva por título “Una mujer en la garganta”, concíbese como unha reivindicación dos amores apaixonados e da beleza, así como unha autoreivindicación poética. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Por outro lado, as rúas da cidade xa están decoradas con diferentes elementos e composicións para dar a benvida, anunciar e vestir á feira do libro que durante toda esta semana enchera de actividade literaria a Vilagarcía.

PROGRAMA PDF


Está pasando!