Os Amantes no SinSal 2022 | © Olalla Lojo

26 bandas e solistas procedentes de 18 países diferentes actuarán no Sinsal SON Estrella Galicia, das cales 9 tocarán por vez primeira en España

18 Xullo 2023

  • O festival contará este 2023 con catro escenarios situados no arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, nos que se ofrecerá unha programación musical diversa e estimulante con agrupacións chegadas de África, Asia, América e Europa
  • No marco da programación de actividades paralelas, o público poderá participar nas Sesións San Simón, nas que o experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski rexistrará intervencións das e dos artistas participantes no Sinsal

O festival Sinsal SON Estrella Galicia prepárase para celebrar esta fin de semana a súa nova edición, que decorrerá do venres 21 ao domingo 23 na illa de San Simón. Todas as entradas para asistir á cita, un dos encontros máis coidados e singulares do panorama musical estatal e cuxo cartel é secreto ata que o público desembarque na illa, están esgotadas.

Sinsal SON Estrella Galicia ofrecerá, ao longo de tres xornadas, unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Un total de 26 bandas e solistas procedentes de 18 países diferentes actuarán no festival. Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda son os lugares de orixe das e dos artistas que participarán no evento, das cales 9 se estrearán en España e 16 actuarán por vez primeira en Galicia.


Lido Pimienta no SinSal 2022 | © Olalla Lojo

O festival afonda así na súa aposta pola diversidade cultural a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Ademais, tamén destaca unha relevante presenza feminina nas propostas que conforman o cartel secreto do Sinsal, ben sexa como líderes das mesmas ou porque o 100% das súas integrantes son mulleres.

Neste 2023, Sinsal SON Estrella Galicia contará con catro escenarios nos que se desenvolverá a súa programación musical. En San Simón estarán os habituais Buxos FEST Galicia e San Simón SON Estrella Galicia; mentres que ao outro lado da ponte haberá dous palcos: Santo Antón, que acollerá concertos co público en cadeiras cada día -propostas intimistas co público sentado ás que se poderá acceder por orde de chegada ao recinto e até completar a capacidade do mesmo-, e o novo Santo Antón Clásico, que acollerá micro-concertos de música clásica de dúas agrupacións de talento novo o sábado 22 -cun repetorio centrado en compositores renacentistas-, e domingo 23 -que se centrará na celebración do 300 aniversario d’As catro estacións de Antonio Vivaldi-. Estes recitais -cada día dun ensemble diferente- terán lugar ás 17:00, 17:30 e 18:00 horas e a duración de cada pase será de 15 minutos.



As Sesións San Simón completan a programación paralela da Escola Sinsal

Durante o festival Sinsal SON Estrella Galicia sucederanse as actividades divulgativas vinculadas á programación paralela e que se enmarcan no proxecto A Escola Sinsal, e que incluirán, entre outras accións, a exposición sobre a historia da casete Do cinema familiar ás casetes domésticas, e un obradoiro impartido pola artista Sarah Rashines no que o público aprenderá a xerar loops cunha cinta de casete e creará a súa propia caixa-libro da Escola Sinsal.

Dentro desta liña, atópanse tamén as Sesións San Simón e as Audicións San Simón, dúas actividades que se levarán a cabo grazas á colaboración do experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski. A primeira delas, na que participarán artistas do festival, consiste no rexistro dunha canción de dous minutos nun ciclindro de cera.

Estas Sesións San Simón -que fan referencia ao propio arquivo de vídeo do festival gravado ao longo destes anos-, ás que o público pode asistir, celebraranse en distintos espazos do arquipélago -concretamente, no mirador de cristal de Buxos e xunto ao escenario Santo Antón Clásico-, nos que se instalará un estudio de gravación cun fonógrafo do s. XIX. Os horarios e localizacións de cada sesión pódense consultar desde hoxe no apartado de Actividades paralelas do espazo web de Sinsal.


Festival Sinsal | © Olalla Lojo

Tamén coa colaboración de Kolkowski celebraranse as escoitas das Audicións San Simón, nas que o público poderá rememorar a instalación no espazo público da primeira máquina de discos para a escoita colectiva –gramola ou jukebox-. Entre os rexistros que se poderán ouvir, están as respostas recibidas na convocatoria Que é a música para ti?, publicada por Sinsal no mes de maio.

Outra das grandes novidades da programación paralela desta edición será a posibilidade de gozar dalgunhas das actuacións do Sinsal da última década grazas á realidade virtual. Así, o venres 21, a capela de San Simón acollerá a pre-estrea do documental Road to Meta-Stage: The Documentary, proxecto impulsado por Toño Cabanelas (Liveforevr!) da man do festival Sinsal SON Estrella Galicia, e que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo. A proxección realizarase no formato Theater VR, que permitirá que distintas persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos grazas á sincronización de varias lentes de realidade virtual.

Tamén na mesma capela de San Simón, pero xa de cara ao sábado 22 e o domingo 23, celebrarase Illas Imaxinadas: Laboratorio de paisaxes visuais e sonoras, un obradoiro familiar para a creación, desde unha perspectiva lúdica, de ambientes visuais e sonoros a través de diferentes procesos, dispositivos e artefactos. Estableceranse diferentes quendas e en cada unha poderán participar -de xeito totalmente gratuíto- 20 persoas.


Festival Sinsal | © Sinsalaudio

Patrimonio natural, historico e cultural: Descubre San Simón

As e os asistentes tamén poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago a través das actividades agrupadas baixo a denominación Descubre San Simón. Como novidade, Sinsal SON Estrella Galicia 2023 propón ao público a posibilidade de realizar un roteiro polo arquipélago, sen guías, para coñecer a súa historia.

A través de seis paradas, -sinalizadas e que incorporan un código QR para ampliar a documentación en galego, español e inglés- as e os asistentes ao festival coñecerán as transformacións do territorio ao longo do tempo: como fonte de inspiración da lírica medieval, como lazareto e campo de concentración, a creación do paseo dos Buxos, de cando estivo a piques de ser o primeiro aeroporto marítimo de Galicia ou mesmo da súa conexión de San Simón co Pórtico da Gloria.


Illa de San Simón | © Sinsalaudio

As actividades gratuítas de Descubre San Simón inclúen visitas en grupo pola illa, como é o caso do Paseo Islario Marabilloso, guiado polo investigador Xosé Lois Gutiérrez Faílde e do que se celebrarán dous pases o sábado 22; ou mesmo un percorrido con axentes sociais de proximidade, como o Paseo con Amarturmar. Membros da asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes darán a coñecer ao público a diversidade mariñeira do lugar, o papel da economía circular e como o cambio climático está a transfromar os recursos naturais da zona. Para poder participar nestas andainas, será necesario realizar unha inscrición previa na propia illa, no Punto de Información e Administración. A saída de cada roteiro terá lugar desde a Casa da Cultura de San Simón.

Finalmente, Sinsal ofrecerá a posibilidade de facer unha actividade de deporte náutico 100% sostible e segura como é o pedal surf, coa que se percorrerá o perímetro da illa desde a auga en rutas duns 30 minutos. Para participar nesta actividade -aberta a todos os públicos, e para menores a partir de 5 anos acompañadas dunha persoa adulta- é necesario adquirir, previamente, os tickets a través do espazo web do festival.

Toda a información das actividades paralelas, horarios, lugares de encontro dos paseos e outra información de interese sobre as inscricións ou reservas pódese consultar na páxina web de festival.sins.al, que se atopa sempre actualizada e na que se publicará, cada xornada, o programa musical do día unha vez desembarque o público na illa.

Está pasando!