Esta fin de semana o Concello da Guarda ten unha cita coa mellor música Blues internacional

30 Xuño 2022

O Concello da Guarda prepárase xa para acoller unha fin de semana intensa e chea de actividades entre as que destacan a XXX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira e a II edición de A Guarda Mar de Blues.

A Guarda Mar de Blues chega este ano á Praza do Reló con importantes artistas internacionais e nacionais coma Will Jacobs, Remi Bankyln, Julian Vaughn, Javier Vacas, Marcos Coll ou Javier Turnes.

Rafa Álvarez, Concelleiro de Turismo, quixo por de manifesto o compromiso municipal coa realización de actividades que impliquen tamén a colectivos ou asociacións coma é o caso da Asociación River Bucks Cultural,  cunha ampla experiencia na organización de eventos. Deste xeito se xeran sinerxias que traen como resultado un festival en pequeno formato, pero cunha excelente calidade musical e artística, que continúa a por no mapa a vila da Guarda no mundo do Blues.

A iniciativa musical que xurde no ano pasado da man da Asociación River Bucks Cultural, trae á Guarda nesta edición 2022 a Will Jacobs, que posúe unha extensa carreira como guitarrista de Blues, aprendendo dos máis grandes da escea de Chicago e tocando entre outros moitos con: Linsey Alexander Blues Band, Toronzo Cannon, Shemekia Copland, Sharon Lewis, Mike Wheeler Band… Destaca pola súa sutileza e gran dominio das seis cordas, ademais de ser un gran compositor, está dotado dunha bronceada voz que lle permite deslizarse sutilmente entre o Blues e o Soul.

Outro dos principais atractivos desta nova edición é  Mr. Julian Vaughn, todo un mestre de mestres no mundo da percusión, sendo na actualidade un dos grandes referentes do Blues e do Jazz. Estamos falando de que no seu día foi batería dun dos reis do Blues como Albert King e B.B. King.

Ademais deles estarán entre outros: Marcos Coll, sobradamente coñecido no mundo do Blues, é un dos mellores armonicistas das últimas décadas e fundador de “Reyes del K.O.” , imaxe da prestixiosa marca Hohner.

Tamén estarán este ano en A Guarda Mar de Blues, Javier Vacas, todo un amante do Blues e coñecido por ser membro fundador de Sex Museum, Los Coronas,… e Javier Turnes, fundador de la banda gallega Bakin Blues Band y del Festival de Blues de Fisterra.

Nesta edición presentarase en exclusiva ao novo bluesman Remi Bankyln que virá directamente desde Londres para deleitarnos  cunha boa dose de Blues Tradicional.

Horarios:

  • Venres 1 de xullo ás 22:30h primeira xornada do festival na Praza do Reló.
  • Sábado 2 de xullo ás 11:00h masterclass na Praza do Reló para todas as idades, pero principalmente indicada para os máis pequenos.
  • Sábado 2 de xullo ás 22:30h segunda xornada do festival na Praza do Reló.

Está pasando!