A próxima fin de semana o Recinto Amurallado de Salvaterra de Miño acollerá unha nova edición da Festa do Viño do Condado do Tea

24 Agosto 2022

Empeza a conta atrás para unha das festas gastronómicas máis esperadas no mes de agosto, a Festa do Viño do Condado do Tea, que se celebra como todos os anos a última fin de semana deste mes, unha festa que ano a ano segue crecendo e que trae novidades neste 2022.

Unha semana dedicada ao produto referencia no municipio de Salvaterra de Miño, ao viño do Condado, que este ano amplía a súa programación ofertando máis actividades para que todos os amantes dos nosos caldos poidan desfrutar deles.

Así durante toda a semana poderemos asistir as catas comentadas, impartidas polas adegas participantes que dan a oportunidade de coñecer dunha forma máis profunda os viños das nosas adegas.

Despois do éxito do ano pasado, este ano manterase o Túnel do Viño que se desenvolverá o xoves, venres e o sábado, onde poderemos desfrutar  de todos os viños participantes na Festa. O prezo é de 15 euros por persoa e será necesario inscribirse a través da dirección de correo museocienciavino@concellodesalvaterra.org

O venres 26 terá lugar a inauguración oficial da festa e a partir de aí música, cultura, historia e gastronomía reinarán durante tres días nun enclave privilexiado como é o Recinto Amurallado de Salvaterra de Miño.

Ademais do viño e a gastronomía, a música en directo tamén será a gran protagonista durante a fin de semana. Os concertos arrincarán o venres 26 de agosto ás 22:30 horas e estarán a cargo dos grupos Voces do Arrieiro, La Quinkillada e Os Vacalouras.

O sábado 27 de agosto ás 23:00 horas será a quenda de Xisco Feijoo e Lucía Pérez.

O domingo 28 de agosto a partir das 19:00 horas, Almudena Lamora & Adrián Perez e Amnesia serán os encargados de pechar o apartado musical da LXIII Festa do Viño do Condado do Tea.


Está pasando!