A Mostra de Cinema Euroárabe Amal en Ruta regresa ao Teatro Principal de Pontevedra

4 Setembro 2020

O ciclo de cinema euroárabe Amal en ruta festexará entre o luns 7 e o sábado 12 de setembro no Principal a súa 5ª edición.

O festival, organizado pola ‘Fundación Araguaney – Puente de Culturas’, achega a sociedade árabe a Galicia rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta heteroxénea cultura, fuxindo dos habituais reducionismos. Pensamos que Amal é hoxe máis necesario que nunca, porque o coñecemento do ‘outro’ trae entendemento e respecto mutuo, dous elementos que cómpre recuperar con urxencia.

Nesta edición, o público que se achegue de balde pero con retirada previa de entradas en Ataquilla.com ou unha hora antes de cada pase na billeteira do Principal, poderá gozar de 7 películas que reflicten unha gran diversidade de ámbitos e realidades sociais: a viaxe a Europa dunha familia kurdo – siria que foxe da guerra; o proxecto dunha muller refuxiada palestina que trata de poñer en marcha unha empresa de cátering e restauración ou a historia dun neno de 12 nos que recorre á xustiza para demandar aos seus pais polo ‘crime’ de darlle a vida.

O aforo do teatro verase reducido a 98 prazas nunha distribución que contempla a asistencia con 1 acompañante en butacas contiguas que están destinadas a persoas conviventes (a adquisición destas supón o recoñecemento expreso desta condición por parte dos/das asistentes) ou asistencia individual para a que a persoa interesada deberá reservar tamén a butaca contigua, evitando que esta sexa ocupada por unha persoa allea ao seu círculo de convivencia.

Será obrigatorio o uso de máscara en todo momento así como o cumprimento das normas de seguridade e indicacións do persoal de sala que poden deben ser consultadas máis profundamente no momento de adquirir os convites anticipadamente en Ataquilla.com

PROGRAMA AMAL EN RUTA


LUNS 7 DE SETEMBRO – 21:00

Soufra de Thomas Morgan | 2017 | Singapur | 73’

Soufra narra a historia de Mariam Shaar, unha muller nada no campo de refuxiados palestinos de Burj El Barajneh (Beirut) que trata de crear unha empresa de restauración para mulleres como medio de supervivencia económica, social e persoal.


MARTES 8 DE SETEMBRO – 21:00

Mafak Screwdriver de Bassam Jarbawi | 2018 | Palestina, USA, Catar | 108’

Despois de 15 anos de prisión Ziad non recoñece o mundo que o rodea. A tecnoloxía cambiou, a sociedade non é a que era e empeza a comprender que os seus problemas non son só sociais, senón tamén psicolóxicos. Ziad sente que a súa única escapatoria pasa por volver ao momento no que se atopaba 15 anos atrás, con todo o que iso supón.


MÉRCORES 9 DE SETEMBRO – 21:00

Yomeddine de Abu Bakr Shawky | 2018 | Exipto | 93’

Beshay nunca saíu da colonia de leprosos na que o abandonaron sendo un neno. Tras a morte da súa muller decide coller as súas escasas pertenzas e ir en busca das súas raíces xunto a Obama, un mozo orfo que se une a el no camiño.


XOVES 10 DE SETEMBRO – 21:00

Look at me de Nejib Belkadhi | 2018 | Catar, Tunes, Francia | 96’

A vida de Lofti, un inmigrante asentado en Marsella, cambia drásticamente o día que recibe unha chamada do seu irmán desde Tunes. A súa ex-esposa acaba de sufrir un infarto e Lofti tense que facer cargo do seu fillo de 9 anos afectado de autismo.


VENRES 11 DE SETEMBRO – 21:00

Sky and Ground de Talya Tibbon, Joshua Bennett | 2018 | USA | 86’

Sky and Ground cóntanos a historia dos Nabi, unha familia siria – kurda que viaxa ilegalmente durante tres meses dende Aleppo a Alemaña. Un relato no que se mestura o medo coa esperanza por unha vida mellor.


Sábado 12 DE SETEMBRO – 21:00

Capharnaüm de Nadine Labaki | 2018 | O Líbano, Francia | 126’

Zain, un neno de doce anos intelixente e valente, sobrevive aos perigos das rúas da cidade grazas ao seu enxeño. Fuxindo dos seus pais, e facendo valer os seus dereitos, recorre á xustiza para demandalos polo ‘crime’ de darlle a vida.

Está pasando!