O tecido asociativo de Poio ofrecerá durante o mes de outubro varios magostos nas parroquias

2 Novembro 2022

Chega o mes de novembro e, con el, as castañas asadas cobran protagonismo no municipio de Poio. Ao longo das vindeiras fins de semana, o tecido asociativo das parroquias do concello impulsan os seus tradicionais magostos, contando coa colaboración do Concello de Poio.

Serán dúas as citas que teñan lugar xa a finais desta semana. O sábado 5 de novembro a Asociación de Veciños de Lourido ofrecerá no parque de Costa Xiráldez racións de castañas para todas e todos. Posteriormente, o domingo 6 de novembro, terá lugar no local de Río de Bois o magosto organizado pola Sociedade Cultural e Deportiva Samieira.

Xa o sábado 19 de novembro, as inmediacións da igrexa parroquial de San Salvador acollerán o magosto organizado pola Asociación Cultural San Salvador. Nesa data tamén está proxectada a degustación de castañas no lugar de Vilariño e na explanada da Seca. Esta última estará organizada pola Asociación de Veciños Boureante.

As últimas citas terán lugar os días 26 e 27 de novembro, respectivamente, cos magostos ofrecidos pola Asociación Cultural e Veciñal Ronsel, no lugar de Sartal (San Xoán), e polo Ateneo Corredoira de Combarro.

O Concello estima que se consumirán en todas estas convocatorias preto de 600 quilos de castañas aproximadamente.

Pola súa banda, a titular de Cultura, a tamén nacionalista Raquel Rodríguez, agradece a implicación do tecido asociativo de Poio á hora de organizar estas citas, que “forman parte da nosa tradición no outono e que xa podemos retomar con normalidade, logo de que a pandemia da COVID-19 condicionase esta celebración en 2020 e 2021”.

Está pasando!