Presentación de ‘Vive o Nadal en Poio!’ | © Concello de Poio

O Nadal vívese en Poio con máis de 30 actividades lúdicas pensadas para toda a familia

7 Decembro 2022

Preto de 30 actividades pensadas para as crianzas e para gozar en familia, animación nas rúas, maxia, contacontos, deporte, música e moitas outras sorpresas, sen esquecer a visita dos Reis Magos, protagonizan o ‘Vive o Nadal en Poio!’, a programación que a Concellería de Cultura organiza para estas datas tan emblemáticas. O alcalde, Luciano Sobral, e a titular da área, Raquel Rodríguez (BNG), deron detalle de todas estas iniciativas luns, acompañados da edil de Mocidade, Rosa Fernández (PSOE), director da Escola de Música e dos Trasnos de Nadal, que animarán as parroquias e os centros educativos do municipio. A edil nacionalista sinala que “apostamos por unha fórmula variada, moi ambiciosa e que pretende recuperar o espírito do Nadal por todo o alto, logo de dous anos nos que nos vimos na obriga de adaptarnos á situación sanitaria”.

PROGRAMA 2022

Deste xeito, desde o 11 de decembro, co Concerto de Panxoliñas da Coral de Poio na igrexa de San Salvador (19.00 horas), ata o domingo 8 de xaneiro, as iniciativas lúdicas apenas darán respiro. Xa desde o domingo 18, coa tradicional Papanoelada Moteira polas estradas do concello, a cargo do Motoclub A Rosa dos Ventos, ou co concerto que ofrecerá a Escola de Música de Poio o luns 19, ás 20.30 horas, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, a programación permanecerá activa ata a entrada do ano 2023. Neste sentido, Raquel Rodríguez tamén quixo agradecer e salientar a implicación do tecido asociativo do concello, que tamén ofrecerá actividades que axudan a reforzar esta programación” e que colabora activamente para que “este programa sexa un dos máis completos da bisbarra”.

Por segundo ano consecutivo, a explanada da Seca acollerá a Carpa de Nadal, na que, desde o 26 de decembro e ata o 8 de xaneiro, a diversión estará asegurada para toda a familia. Será neste emprazamento onde, por exemplo, se impartirán os obradoiros ‘O Nadal na túa man’, organizados pola Concellería de Mocidade, entre o 26 e o 28 de decembro. Tamén hai unha colaboración da Concellería de Deportes, dirixida pola nacionalista Marga Caldas, que ofrece unha exhibición de ximnasia rítmica, a cargo do Club Saraiba, o venres 30 ás 17.00 horas, no mesmo emprazamento. Tampouco faltará o ‘Nadal en rodas’, con karts a pedais e quads, entre outras sorpresas. O mércores 28, asemade, será o espectáculo musical a cargo dos Trastos do Nadal, ás 18.30 horas. Previamente, procederase á entrega de premios ás rapazas gañadoras do Concurso de Tarxetas de Nadal. O xoves 29 será outra das grandes datas, co espectáculo de maxia e ilusionismo a cargo do Mago Paco, ás 17.30 horas.


Está pasando!