Dirixida e protagonizada por Juan Echanove, ‘Ser o no ser’, unha das grandes comedias do século XX chegará a Vigo e a Pontevedra en abril

12 Xaneiro 2023

Enmarcado na Tempada de Abonos de Teatro de Afundación, o martes 25 de abril, ás 20.30 horas, o Teatro Afundación Vigo acollerá a función ‘Ser o no ser’, que estará o mércores 26 de abril tamén ás 20.30 horas na Sede Afundación Pontevedra.

DIRECCIÓN
Juan Echanove

VERSIÓN
Bernardo Sánchez Sala

BASADA NA COMEDIA DE
Ernest Lubitsch

ELENCO
Juan Echanove, Ángel Burgos, Gabriel Garbisu, David Pinilla, Nicolás Illoro, Lucía Quintana, Eugenio Villota

PRODUCIÓN
OKAPI Producciones

«Magnífico espectáculo onde caben a risa, a gargallada e tamén a emoción»

1 h 40 min | Castelán | NRM 16

Varsovia, agosto de 1939. A Compañía teatral do matrimonio Tura ensaia Gestapo!, unha obra que satiriza o nazismo. As autoridades polacas prohiben estrear a obra para evitar represalias de Hitler; o que non impedirá que Alemaña invada Polonia.

Co teatro semidestruído polos bombardeos, terán que enxeñar unha dobre trama teatral para impedir a entrega dun documento que acabaría coa Resistencia e para fuxir de Polonia. Isto supón que sexan eles mesmos quen, nun alarde interpretativo, se fagan pasar por nazis.

No medio desta peripecia, os Tura terán que liquidar a irrupción no seu matrimonio dun mozo aviador.

Entradas anticipadas á venda en Ataquilla.com



TEMPADA DE ABONOS DE TEATRO

Afundación, a Obra Social de ABANCA, inicia a venda dos abonos para a súa Tempada de Teatro para o Teatro Afundación de Vigo e o Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra de xaneiro a xuño de 2023.

Intérpretes como Kiti Mánver, Eusebio Poncela, Carles Sans, Gabino Diego ou Juan Echanove subiranse ao escenario dos dous espazos culturais senlleiros de Afundacion. Os abonos, que teñen un 20 % de desconto con respecto ao prezo das entradas soltas, estarán á venda no Teatro Afundación Vigo (Marqués de Valladares, s/n) e na Sede Afundación Pontevedra os días 19 e 20 de decembro en horario de 11.00 a 14.00 horas.

A partir das 11.00 horas do día 19 de decembro, tamén se poderán adquirir na web Ataquilla.com ata o 10 de xaneiro.

As entradas soltas están dispoñibles a partir do 11 de xaneiro.


OBRAS DA TEMPADA DE TEATRO AFUNDACIÓN

Inaugurará a tempada a peza ‘El inconveniente’, o mércores 25 de xaneiro ás 20.30 horas no Teatro Afundación Vigo e o xoves 26 de xaneiro, á mesma hora, na Sede Afundación Pontevedra. Con Kiti Mánver, Cristóbal Suárez e Marta Velilla. A Luís sempre lle gustou o seu barrio. O piso que lle ofrece a axente inmobiliaria reúne todas as características que desexa: baixo prezo, amplitude, luz e unhas fermosas vistas da serra. Tan só presenta un pequeno inconveniente: a dona vivirá nel ata o día do seu falecemento.

A continuación, será a quenda de ‘El cuidador’, o xoves 9 de febreiro ás 20.30 horas no Teatro Afundación Vigo. Con Joaquín Climent, Álex Barahona e Juan Díaz. O humor e a ironía circulan con comodidade neste texto que bebe moito da portentosa comedia británica. Dunha maneira sutil e intrigante, a obra vai desvelando detrás da risa e a actitude dos personaxes unha crítica lúcida e humana ao absurdas e crueis que poden chegar a ser as circunstancias e condicións da nosa existencia.

‘¡Por fin solo!’, de Tricicle, estará no Teatro Afundación Vigo o xoves 2 de marzo ás 20.30 horas, e o venres 3 de marzo á mesma hora na Sede Afundación Pontevedra. Con Carles Sans. Un estímulo de gargalladas para todo o público. Agora que Tricicle se toma un descanso indefinido, Carles Sans, despois de 40 anos en silencio, aproveita para falar de ocorrentes e divertidas anécdotas profesionais e persoais vividas durante este período.

O martes 25 de abril, ás 20.30 horas, o Teatro Afundación Vigo acollerá a función ‘Ser o no ser’, que estará o mércores 26 de abril tamén ás 20.30 horas na Sede Afundación Pontevedra. Con Juan Echanove, Ángel Burgos e Gabriel Garbisu. Varsovia, agosto de 1939. A compañía teatral do matrimonio Tura ensaia Gestapo!, unha obra que satiriza o nazismo. As autoridades polacas prohiben estrear a obra para evitar represalias de Hitler, o que non impedirá que Alemaña invada Polonia.

‘Un hotel de primeira sobre o río’, a nova proposta do Centro Dramático Galego, estará o 4 de maio ás 20.30 horas no Teatro Afundación Vigo. Con Iván Davila, Raquel Espada e Sofía Espiñeira. A especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo son algúns dos temas arredor dos que xira esta obra, que desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel con área recreativa.

O 10 de maio, ás 20.30 horas, o Teatro Afundación Vigo acollerá ‘La curva de la felicidad’, que estará o xoves 11 de maio na Sede Afundación Pontevedra á mesma hora. Con Gabino Diego, Josu Ormaetxe e Antonio Vico. Na crise dos 50 o home é o sexo débil da parella: inseguro, indeciso e fráxil. Aínda que soñen con irse de marcha, asústalles vivir sos e volveren sos á casa. No seu delirio, chegan a imaxinar que a súa madurez atrae mulleres novas.

Clausurará a tempada, o 1 de xuño Teatro Afundación Vigo ás 20.30 horas, ‘El beso de la mujer araña’. Con Eusebio Poncela e Igor Yebra. Que é ser home? No cárcere, Molina e Valentín son compañeiros de cela. Molina é unha muller nun corpo de home, encerrado por seducir un menor. Valentín é un activista político que quere cambiar o mundo, torturado durante os interrogatorios.


PROGRAMA ‘CULTURA POR ALIMENTOS’

A Tempada de Abonos de Clásica está incluída no programa solidario de Afundación ‘Cultura por alimentos’, mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a xeito de entrada solidaria nos colectores habilitados ao efecto. Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.

Está pasando!