Concertos, gastronomía, artesanía e o Enterro do Chapante dan forma a un intenso programa para celebrar a Festa do Lacón con Grelos

14 Febreiro 2023

O Concello de Cuntis presenta un intenso programa para celebrar a XXIV edición da Festa do Lacón con Grelos que dará comezo o venres 24 estendéndose ata o domingo 26 de febreiro.

Pablo García ‘Chichas’ será o presentador do Lacón e a popular actriz Eva Iglesias encargarase de ler o pregón desta edición que se prevé multitudinaria.

A artista natural de Arcos de Furco, Soledad Souto, coñecida profesionalmente como Sou Too, é a autora do cartel promocional desta festa gastronómica. Sou Too realizará no mes de marzo unha mostra individual na Casa de Cultura Roberto Blanco Torres.

O lacón con grelos é un prato típico da cociña tradicional galega que acostuma prepararse na época de Carnaval cando o grelo está no seu mellor momento e o frío do inverno convídanos a gozar da contundencia das carnes de porco curadas. En Cuntis levan máis de dúas décadas convertendo esta combinación gastronómica en protagonista dunha das súas festas máis importantes, declarada de Interese Turístico de Galicia.

A Festa do Lacón con Grelos celébrase cada ano o domingo seguinte ao domingo de Entroido e marca a despedida desta celebración, cos seus rituais e as súas tradicións. O protagonismo da xornada lévao a propia degustación gastronómica, cuxo prato básico é o cocido de lacón con grelos, acompañado de patacas, e de sobremesa unhas filloas. O concello instala na praza da Constitución unha gran carpa, pero tamén se pode gozar da mesma receita nos restaurantes e nas casas de comidas da localidade.



PROGRAMA DA XXIV FESTA DO LACÓN CON GRELOS

VERNES 24 DE FEBREIRO

  • 21:00 h. Gala do Chapante.
  • 23:30 h. Concerto de ‘Supermirafiori’ na carpa do Espadenal.

SÁBADO 25 DE FEBREIRO

  • 16:00 h. Retransmisión en directo do programa da TVG ‘Carballeira’.
  • 18:00 h. Actuacións da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a súa Banda de Acordeóns.
  • 19:30 h. Actuación da Banda Municipal de Música de Vilaboa e a Escola de Música Municipal de Cuntis.
  • 21:00 h. Concerto de Los Secretos. Entradas á venda a 10 euros en woutick.es
  • 00:30 h. Gran festa ‘Guatequelacón’ anos 60/70/80 na carpa do Espadenal a cargo da Disco Móvil Chocolate.

DOMINGO 26 DE FEBREIRO

  • 11:00 h. Pasarrúas da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis.
  • 11:30 h. Desfile da Banda de Música de Lubián (Zamora).
  • 12:00 h. Apertura da XV edición ‘A Camelia no Lacón con grelos’; a exposición ‘Un baño de mel’, na Praza de Abastos; a do ‘Traxe tradicional de Entroido’, na Casa da Cultura; a de ‘Cerámica de Castrolandín’ e a XIII Mostra de Encaixe das Palilleiras.
  • 12:15 h. Presentación e estrea da obra ‘Augas de Cuntis’. Rumba composta polo mestre-gaiteiro Xoán Carlos Rilo, adicada á Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis.
  • 13:00 h. Pasarrúas a cargo da charanga ‘Támega’. Showcooking con meles de Cuntis , a cargo da restauradora técnica de AGA, Noela Torres.
  • 14:00 h. Apertura da carpa do xantar.
  • 16:00 h. Apertura da carpa das crianzas con inchables e obradoiros.
  • 17:00 h. Actuación infantil ‘Peor Imposible’, de Peter Punk. Cata comentada de meles de Galicia 5 estrelas de AGA, na praza de Abastos.
  • 17:30 h. Obradoiro de filloas para a mocidade. Espazo Cuntis Xove.
  • 18:30 h. Actuación musical do grupo ‘All Stars’.
  • 19:30 h. Velorio e posterior Enterro do Chapante.

Haberá autobuses gratuítos desde o campo de fútbol As Canteiras e do Centro de Día, cada 15 minutos, o sábado e o domingo. Consultar horarios no cartel.

info en www.concellodecuntis.org, no Departamento de Cultura e Xuventude, no teléfono 986 533 600 e en omix@concellodecuntis.es


Está pasando!