A terceira edición de ‘Verbas en Flor’ ofrece actividades vencelladas á cultura, o deporte ou medio ambiente

4 Abril 2023

Música, deporte, medio ambiente, tradición e, sobre todo, moita cultura son os eixos principais en torno aos cales xira a terceira edición do Programa ‘Verbas en Flor’, unha axenda que inclúe máis dunha ducia de actividades e iniciativas a desenvolver entre os meses de abril e maio. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), e a edil de Deportes, a tamén nacionalista Marga Caldas, deron a coñecer os detalles dun programa que xa nas súas anteriores edicións de 2021 e 2022 resultou todo un éxito.

A undécima xornada da Liga Galega de Billarda, este sábado 1 de abril na Reiboa, suporá o pistoletazo de saída á programación, na que se inclúen actuacións musicais, presentacións de libros, teatro, proxeccións audiovisuais e outras iniciativas “pensadas para toda a veciñanza e todas as idades”, puntualizou Rodríguez Alonso. Terán cabida en ‘Verbas en Flor’ tamén dous grandes citas de referencia en Poio, como son a Festa dos Maios e o Día das Letras Galegas, eventos que serán presentados nas vindeiras semanas. Un dos grandes puntos fortes do ‘Verbas en Flor’ é que “a través desta programación espallamos actividades por todas as parroquias”, tal e como indicou Rodríguez Alonso.

Durante o mes de abril, destaca o Concerto de Primavera que a Escola de Música (ESMU) ofrecerá o luns 3, ás 20.00 horas, na Praza da Granxa. Será unha actuación que supón a estrea de pezas sobre as obras gañadoras no Concurso Literario Xaime Illa de 2022. O día 11, o Centro Cultural Xaime Illa acollerá unha sesión de teatro para o alumnado do IES, mentres que para o xoves 20 de abril está fixada na praia de Cabeceira a xornada de recollida de plásticos na que tomarán parte alumnos e alumnas de diferentes centros educativos, en colaboración coa Asociación Amicos. O venres 21 o Centro Cultural Xaime Illa acollerá proxeccións de cinema clásico, dentro do ciclo José Gil – Na orixe do cinema. Para pechar o mes, o sábado 22 a Praza da Chousa combinará varias propostas culturais, como a visita do Cinemóbil, unha sesión vermú co grupo Entre Foles e, previamente, a presentación do libro ‘Nos días encantados de agosto’, de Manuel González.

Xa no mes de maio, cobrará protagonismo a Festa dos Maios, co tradicional concurso na Praza do Mosteiro en horario de mañá e a Mostra de Maios vespertina en Combarro. Pechará esta programación o ciclo organizado co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Francisco Fernández del Riego. A concelleira de Cultura lembra que a programación poderá consultarse na páxina web e nos perfís de redes sociais dos que dispón o Concello e Cultura Poio.


Está pasando!