Jazmín Abuín coordinará o ciclo ‘Cómicas, habelas hainas!’

A comedia e o humor intelixente feito por mulleres chega este sábado a Forcarei

12 Abril 2023

  • Esta proposta da Deputación de Pontevedra, coordinada pola actriz, xornalista e cómica viguesa Jazmín Abuín, nace da idea de rachar cos prexuízos que aínda hoxe moitas compañeiras de profesión seguen a sufrir, especialmente en Galicia, como mulleres no eido da comedia
  • Aínda hai entidades que teñen medo a contratar cómicas ou directamente néganse a facelo. En xeral, e sen ter en conta o seu traballo nin a súa traxectoria, “a comedia feminina non funciona”, din moitos, coma se fose un xénero por si mesmo
  • Cando se ven catro cómicos nun cartel, ninguén fala de “comedia masculina”, simplemente considérase un espectáculo de comedia. Mentres que, porén, se hai só mulleres, semella que só pode tratar dalgunha temática en concreto

Estes prexuízos tamén se observan na audiencia; moitas veces, ao final dun espectáculo, parte do público masculino achégase ás cómicas, sorprendido, con comentarios coma: “vin coa miña moza e ao final rinme case máis ca ela”, “non viña moi convencido, pero encantoume” ou “tiña medo do que me ía atopar, pero resulta que estivo xenial”.

Un claro exemplo é El Club de la Comedia, onde Jazmín Abuín traballa actualmente, polo que fala con coñecemento de causa. A pesar de ser un dos espectáculos onde a paridade está máis cerca, aínda hai o triplo de cómicos que de cómicas. Ademais, dos catro comediantes que actúan en cada función, a combinación adoita ser de tres homes e unha muller.

O público do club é o máis parecido ao dos concellos, especialmente en Madrid; é xente de moitas cidades de España que normalmente vai ver o espectáculo como parte da súa experiencia de fin de semana ou de vacacións, polo que unha gran parte é de fóra de Madrid. É un público que acode agardando atoparse o que leva escoitando toda a vida na televisión: chistes con tintura machista, na maioría das veces. Pero cando se lle ofrece algo distinto tamén o agradece, e opina así cando abandona os teatros e auditorios.



A cultura e o humor como motor de cambio

A parte didáctica e pedagóxica que ten moitas veces a cultura é o concepto fundamental desta proposta. Concretamente o humor ten a capacidade de cambiar as cousas, rachar cos padróns, mudar o imaxinario colectivo e facer avanzar a sociedade a través da risa; e temos avanzado moitísimo.

Hai grandes cómicas traballando nos circuítos máis importantes, obtendo boísimos resultados e con carreiras de éxito, o que ata hai pouco semellaba impensable. Pero trátase de seguir “facendo ese camiño”, de amplificar o alcance e normalizar a presenza das mulleres na comedia para que ocupen o espazo que lles pertence por dereito.

Pontevedra, unha provincia na que potenciar o papel das cómicas

Recollendo o estado da cuestión e os obxectivos por diante, ‘Cómicas, habelas hainas!’ é un proxecto que levará a comedia feita e protagonizada por mulleres por todas as comarcas da provincia de Pontevedra, cun espectáculo de comedia en vivo de pouco máis dunha hora, con diferentes artistas e temáticas, e cun formato áxil e dinámico no que o público terá a oportunidade de ver tres cómicas de recoñecido prestixio, acompañadas dunha presentadora.

Calendario de actuacións

A programación deCómicas, Habelas, hainas!que arrancou en Moraña o 4 marzo, continúa no Auditorio de Soutelo de Montes de Forcarei o 15 de abril. En Vigo terá lugar o 20 abril no Auditorio Municipal e en Ponteareas, o 23 de abril na Sala Multiusos do Auditorio municipal. Nese mes, o día 29 as cómicas actuarán no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas.  Xa en maio, haberá espectáculos na Cañiza (día 6 no Auditorio da Casa de Cultura) e en Pontevedra (o 11 maio no Teatro Principal), para finalizar no Grove (o 12 maio no Auditorio).

En todos os espectáculos actuarán Bárbara Grandío (presentadora), Jazmín Abuín, Arantxa Treus e Marta Doviro, a excepción de Pontevedra  e Vigo, en que Bianca Kovacs e Coria Castillo se unirán a Jazmín Abuín e Arantxa Treus.

Entrada libre ata completar aforo. Público adulto.

Está pasando!