Catoira celebrará entre o 1 e o 6 de agosto a súa festa máis internacional

18 Xullo 2023

  • A Romaría Vikinga de Catoira, unha das celebracións máis singulares Galicia, cumple no 2023 a súa 63 edición
  • Cada primeiro domingo de agosto os habitantes de Catoira escenifican cun singular espectáculo as invasións viquingas sufridas fai mil anos
  • A esta celebración súmase a organización dun mercado medieval ambientado na época, e unha ampla programación cultural

Desde 1961, Catoira celebra unha festa pagá que recorda o papel da localidade como gardiá do tesouro da Catedral de Santiago, ao ser punto estratéxico na defensa contra as invasións viquingas. As Torres de Oeste (ruínas de dúas das sete orixinarias torres dunha fortaleza que durante os séculos IX e X fixo fronte a varias incursións de piratas normandos) é o escenario natural e histórico onde se recrea unha invasión viquinga daquela época.

Decenas de mozos da localidade chegan á desembocadura do río Ulla a bordo dun drakkar noruegués, o “Úrsula”, con gran barullo e facendo soar os seus cornos. Armados ata os dentes con machados e lanzas, parapetados en escudos, vestidos con peles e cascos, e bañados en viño tinto, os bárbaros desembarcan provocando o pánico entre a poboación, entre gritos de euforia e tragos de viño. Ao rematar o asalto, ten lugar a tradicional comida campestre, nun ambiente festivo, dominado polo mercado medieval, con postos de artesanía e de produtos gastronómicos de Galicia. A festa esténdese logo ata a verbena da Alameda, no núcleo urbano.



PROGRAMACIÓN DA 63ª ROMARÍA VIKINGA DE CATOIRA

Martes 1 e mércores 2 de agosto

  • 22:15 h. Teatro: “Un neno Vikingo”, baseada na obra de Kristina Berg. Recinto das Torres de Oeste.

Xoves 3 de agosto

  • 21:00 h. Concerto de Clara Pino & Pablo Vidal, no Recinto das Torres do Oeste.
  • 22:15 h. Teatro: “Un neno Vikingo”, baseada na obra de Kristina Berg. Recinto das Torres do Oeste.

Venres 4 de agosto

  • 21:30 h. Pasarrúas de Usala Medieval, dende o Concello ata a Praia Fluvial.
  • 22:00h. Vikinsons. Concerto de Luar na Lubre e Skáld. Alameda da Praia Fluvial de Catoira.

Sábado 5 de agosto

  • Mercado medieval durante todo o día no Recinto das Torres do Oeste.
  • 14:30 h. Xantar Vikingo no Recinto das Torres do Oeste. Entradas á venda en Ataquilla.com
  • 16:00 h. Actuación de Upsala Medieval.
  • 17:00 h. Desfile infantil de vestiario vikingo.
  • 19:30 h. Concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.
  • 20:30 h. Pasarrúas de Upsala Medieval: dende as Torres do Oeste ata a Praia Fluvial.
  • 21:00 h. Vikinsons. Concerto de Bloody Sunrise, Celtas Cortos, Dakidarría e Lontreira. Alameda da Praia Fluvial de Catoira.

Domingo 6 de agosto

  • Mercado medieval durante todo o día no Recinto das Torres do Oeste.
  • 10:00 h. Pasarrúas de grupos folclóricos dende a Alameda do Concello ata o recinto das Torres do Oeste.
  • 11:00 h. Degustación de mexillóns e viño tinto do Ulla. Recinto das Torres do Oeste.
  • 12:00 h. Actuacións de Troula e Upsala Medieval. Recinto das Torres do Oeste.
  • 12:30 h. Dramatización do Desembarco Vikingo. Recinto das Torres do Oeste.
  • 13:45 h. Actuacións de Troula e Upsala Medieval. Recinto das Torres do Oeste.
  • 14:00 h. Xantar campestre.
  • 19:00 h. Rudi Dudi “Clownamorado”. Alameda do Concello.
  • 20:30 h. Concerto de TOR – Folk céltico da Galiza. Alameda do Concello.

Entrada de balde a tódolos eventos ata completar aforo (agás para o Xantar Vikingo).

+info en catoira.gal

 


 

Está pasando!